Torres do Allo, en Zas, un dos pazos máis antigos de Galicia / Galipedia

As Torres do Allo, o castelo que os Reis Católicos prohibiron reconstruír por atentar contra o poder real

As Torres do Allo é un pazo de estilo gótico-renacentista do século XVI. Atópase na parroquia do Allo, no concello coruñés de Zas. Foi mandado construír polo fidalgo Gomes de Rioboo Vilardefrancos na primeira metade do século XVI no lugar onde se atopaba noutrora unha fortaleza medieval destruída polos Reis Católicos por entender que esta familia atentaba contra o poder real.

Era un momento no que os grandes nobres galegos perderon boa parte do seu poder polo que se deu en coñecer a “doma e castración do Reino de Galicia”. A familia Gomes Rioboo (procedentes do castelo da Torre da Penela, en Cabana de Bergantiños), era vasala dos condes de Altamira, que tamén tivo os seus máis e os seus menos cos reis españois. Os Rioboo casaron a Gomes de Rioboo Vilardefrancos con Berenguela Sánchez de Altamira e o novo matrimonio decidiu construír unha primeira casa para a familia no lugar onde antes estaba o castelo medieval da familia que os monarcas españois prohibiron reconstruír.

Hoxe é un dos pazos máis antigos de Galicia e propiedade da Deputación da Coruña. Acolle o Centro de Información e Recursos Patrimoniais da Costa da Morte, cun museo que representa a vida nos pazos, con utensilios e trebellos da época palaciana, artesanais e etnográficos. A visita é de balde.

Lucho Penabade e Tero Rodríguez, de Os Quinquilláns, son os encargados de realizar as visitas guiadas teatralizadas nas torres do Allo de Zas / QPC

Dinamización do pazo

Precisamente, durante o verán organizanse nel diversos eventos que teñen atraído a numerosos turistas que disfrutan dunha variedade de actividades gratuitas. De feito, o modelo de turismo iniciado nas Torres do Allo é un modelo xa para outro tipo de monumentos semellantes. Entre estas numerosas actividades para dinamizalo están as visitas guiadas gratuítas que son todos os días, ás 13 e ás 17 horas.

Tamén existen visitas guiadas teatralizadas que ofrece a compañía de teatro Os Quintilláns todos os domingos de xullo e agosto, na que teatraliza a vida dos últimos habitantes do pazo -Francisca Riobóo e Víctor López Seoane.

Ademais ofrécese “Os secretos ocultos nas Torres”; un xogo de pistas para os máis pequenos e para os curiosos ademais de concertos de música como os que tiveron lugar os últimos días.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: