fbpx
Parte do mural ‘Vista de A Coruña 1669’, de urbano Lugrís / Abanca

A Coruña reconcíliase con Urbano Lugrís, o artista do mar

Tempo de lectura: 8 min.

“Pintaba en rachas febrís que alternaba con parénteses de total ensimesmamento nos que parecía atenazado por un silencio mudo. Nun deses momentos rompeu de súpeto o seu silencio e lle dixo a Héctor: ¿Sabes? Estou a pintar o Azor con pinturas tóxicas, con moito verde esmeralda de Schweinfurt. Ó mellor faille efecto. ¿Tarda moito? preguntou Héctor por seguirlle a corrente. ¿Importa o tempo agora? Non sabes o que dixo Carrero, o seu segundo de abordo. O seu mandato é vitalicio. Hai que deixar traballar ó trióxido de arsénico. Non te tortures. Quén me mandaría a min facer realismo máxico? Magoa de no ser cubista! Sabes o que me preguntou o capitellum? Dígame Lugrís ¿Cómo pinta eses ourizos? Iso é o que me preguntou. Primeiro lles fago un oco, e despois van nacendo sós, entre a cor da pedra e o azul de Patinir.” Manuel Rivas, Os libros arden mal.

 

Urbano Lugrís González, fillo de Manuel Lugrís Freire, o escritor e fundador da RAG, e da pianista Purificación González, foi un dos pintores surrealistas máis sobranceiros da nosa historia. O pintor do mar, unha das figuras máis importantes da pintura galega na época do Franquismo, foi un surrealista coa capacidade de crear toda unha estética e una mítica propia, unha onírica galega esencial e depurada nunha época prohibida para todo o pretendidamente propio. Foi daquela, en 1952, cando Urbano pintou a Vista da Coruña en 1669, un mural para o vestíbulo do Banco Hispano-Suizo inspirada nunha acuarela pintada polo italiano Baldi durante a súa visita a Galicia.

O mural, conservado no vello baixo comercial do banco, no número 74 da rúa Real da Coruña, permaneceu alí durante máis de seis décadas formando parte dos diferentes establecementos que se asentaron no lugar, coma o banco, un salón de baile, ou unha cafetería da franquía Vecchio, que ocuparía o local  ata o seu peche no verán de 2015. A obra, unha paisaxe onírica da cidade da Coruña dende o alto de Santa Margarida, teríase convertido nun dos emblemas da rúa Real e parte da paisaxe da cidade durante os anos que permaneceu aberta a cafetería. Porén o problema chegou nese ano, cando o negocio pechou e o mural pasou a converterse para os propietarios do local, máis que nun activo, nun problema.

E é que o estado de conservación da pintura xa fora causa de preocupación de varios colectivos da cidade dende tempo atrás, xa que, a pesares de ser unha parte substancial, e, se cadra, un dos maiores reclamos do café da histórica rúa, os xerentes da empresa non podían ocuparse de sufragar o gasto dunha restauración en condicións, nun dos lugares da cidade con alugueiros máis altos. A pintura, a pesares de estar salvagardada no interior do local, presentaba marcas de fume, humidades, fisuras, perda da policromía nalgunhas partes, repintes e desprendementos xa de tamaño considerable, así como algunhas manchas. Este estado causou a preocupación de varios colectivos que, cos anos, se converteron en sendas asociacións para a defensa da pintura, a asociación cultural O mural e o colectivo In Mare Civitam. O seu obxectivo, reivindicar a importancia de manter e de recuperar este mural en concreto, e en xeral a intensa obra do pintor.

Exposición de Lugrís na Coruña / Íñigo Mourzo Riobó

A exposición 

A actual exposición de Afundación xira arredor deste mural. Tamén da súa rehabilitación e traslado levada a cabo ó longo de este ano pola antiga caixa de aforros. Nela percórrese a faceta de muralista de Urbano Lugrís cunha ampla mostra das principais pinturas de parede do artista ó longo, non só da cidade e de toda a xeografía de Galicia, senón tamén de importantes obras como a desenvolvida para Instituto da Cultura Hispánica de Madrid. Non en balde a faceta de muralista de este pintor é, sen dúbida, a parte do seu traballo máis importante. A reconciliación coa obra mural de Urbano promovida por Abanca é a verdadeira reconciliación co mundo máis onírico do pintor, aquel que entraba máis fondamente nos espazos arquitectónicos, ocupándoos de feito e vertendo a imaxinación e do artista sobre o propio lugar.

A exposición componse de 107 obras, na súa maioría dos fondos de Abanca e de Afundación, recolle a obra máis salientable do artista como bocexos para as igrexa de San Pedro de Visma da Coruña, óleos para a confrarías de Pontedeume e de Malpica, vidros decorados para unha vivenda na Coruña, o gran mural pintado para o Sanatorio Álvarez de Santiago de Compostela, óleos para a igrexa de Vilaboa en Culleredo, para o Hotel Embajador da Coruña, para o Gran Hotel de Vigo, para a fábrica de Conservas Massó de Bueu, un cadro inacabado que mostra a súas técnicas, debuxos do artista recollidos do lixo, e outros documentos excepcionais da súa obra. Entre elas destaca O retablo do descubrimento, un políptico de 13 táboas procedente do Instituto da Cultura Hispánica de Madrid, hoxe na sede do AECID, así como unha recreación VR da capela dos Santos Reis de Bueu na que o pintor mostra a súa faceta como arquitecto e como artista integral e na que se recuperaron virtualmente as súas pinturas a través dunha montaxe dixital.

Ademais dos fondos de Abanca e de Afundación, coleccións que foron declaradas BIC en 2015, hai obras da colección da Xunta, do Parlamento, do Museo de Pontevedra, da USC, da AECID, e doutras coleccións privadas. Lugrís Paredes Soñadas está aberta dende o 31 de marzo ata o 3 de setembro deste ano na sede de Afundación da Coruña, no cantón Grande, abrindo de 12 da mañá a 9 da noite a diario, exceptuando os luns, e os domingos de 11 a 15, con entrada de balde. Hai tamén vistas guiadas ás salas os martes, mércores e xoves ás 18.30 sen reserva previa. A exposición complétase cunha extensa publicación que non so fai referencia á faceta de artista, a vida, obra e o estilo do autor, senón tamén ó proceso de documentación do traslado e rehabilitación do mural.

A convulsa vida recente do mural

A exposición complétase coa propia obra Vista da Coruña en 1669, que pode visitarse na sede de Abanca, na súa entrada pola rúa Olmos, trasladada e rehabilitada nesta nova localización. Porén o proceso ata chegar ata esta exposición non foi rápido nin doado, coma non o foi a propia traxectoria do artista, esquecido e infravalorado ata a segunda metade da década dos noventa. Dende o peche do Vecchio o mural tivo que agardar dous longos anos ata atopar unha solución para a súa conservación e traslado.

A historia recente da vista comeza a finais dos noventa, cando o mural se atopaba tapado dentro dun local fecho sobre o que se proxectaba a construción dun local hostaleiro. O bo tino dos promotores da cafetería foi o de descubrir o potencial da obra e facer xirar o deseño do negocio ó redor desta pintura, co que non só a deixaron a vista senón que a sala de mesas estableceuse ó redor do mural, mentres a barra ocupaba o longo da parede inversa. As paredes foron espidas e o granito deixouse á vista, e todo o foco de atención se centraba nunha gran pintura onírica da cidade de máis de dez metros de longo por máis de dous de alto. Dende aquela o mural converteuse nun dos maiores reclamos do local, e a súa encargada, Lucía Vecino, unha das grandes defensoras da importancia da obra.

Non obstante, a súa xa longa historia, o contacto coa xente e os tradicionais problemas de humidade de Galicia fixo que a encargada e os propios veciños tomaran conciencia da cada vez máis urxente necesidade dunha restauración do mural. En xuño de 2010 nace a asociación cultural O Mural, unha iniciativa do estudo de arquitectura Más Arquitectos, que tiña por obxectivo buscar financiamento para unha campaña de restauración da pintura que habería de custar uns 50.000 € e que salvagardaría a obra para o futuro. A estes profesionais da restauración e da edificación se foron unindo diferentes persoas perante un obxectivo común, recuperar a obra, así como dar a coñecer o artista. Á fronte do proxecto estaba Daniel S. Pousa como restaurador, e Marcos Samaniego como arquitecto.

A proposta de Más Arquitectura foi ben recollida pola cidadanía, polos medios de comunicación e as redes sociais. Recolléronse novas en diferentes xornais ecreouse un grupo de Facebook chamado Eu tamén quero salvar o mural de Urbano Lugrís do Vecchio cunha excepcional acollida na cidade. A asociación a partires de aí comezou a buscar apoios para a recuperación, así como a desenrolar diferentes actividades de concienciación como a celebración do Día de Lugrís, que se fixo en cinco anos consecutivos, roteiros guiados polas obras do pintor na cidade, ou acadar o apoio público de Cesar Antonio Molina, o ex-ministro de Cultura.

No ano 2013 presentou unha petición á Xunta para a incoación de expediente de BIC, que como tal foi protexido, pero que se demorou no tempo ata marzo de 2016 cando a propia asociación tivo que demandar a Xunta de Galicia ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por deixe de funcións. Tras esta demanda foi declarado finalmente Ben de Interese Cultural, a máxima protección do patrimonio galego. Porén, no ano 2015, pechou a cafetería e, como na maioría dos casos, a propietaria do local comezou a ver a obra máis coma un problema que como unha oportunidade. O maior desexo da propietaria era que trasladaran o mural, e finalmente no ano 2016 comezou os contactos con Abanca. En agosto de 2016 o banco faise cargo da pintura, da restauración e do traslado á súa sede na entrada pola rúa Olmos. Arteca foi a empresa encargada do traslado, co que finalmente comezouse o proceso de cambio de propietario, de localización e de rehabilitación.

Imaxe da exposición de Urbano Lugrís na Coruña / Íñigo Mouzo Riobóo

Unha nova mirada cara a obra de Lugrís

Está claro que esta exposición supón un antes e un despois na valorización e divulgación da obra de Lugrís. A obra de Urbano non chegaría a ser plenamente tida en conta ata finais da década de 1990. Concretamente en 1997 organízase a exposición máis ampla do autor ata o momento Urbano Lugrís viaxe ó redor do seu mundo comisariada por Rosalía Sarmiento e Antón Patiño, un dos máis importantes investigadores sobre a súa obra. Organizada  no círculo de Belas Artes de Madrid e despois no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. A exposición tivo unha gran repercusión para o recoñecemento da obra do artista. No ano 1999 o grupo Luar na Lubre dedícalle un álbum ó pintor, que ten por portada un dos seus óleos, por cuberta do disco a súa, xa mítica, rosa dos ventos, e que reproduce moitas das súas pinturas no propio libreto. A música estaría inspirada nas obras do artista.

A exposición e o disco seguírona varias publicacións coma Urbano Lugrís viaxe ó corazón do océano, de Luis Rei Núñez, publicada por Edicións do Castro en 2007, ou O señor Lugrís e a súa sombra editado por Xerais no ano 2002, unha novela baseada nos últimos anos da súa vida, entre outras. Unha das últimas novas con respecto ó recoñecemento de Urbano foi a descuberta dun mural en decembro de 2008 nos baños dun restaurante da Coruña titulado Unha cunca de viño e faise o camiño.

Aínda que a importancia de este pintor non é debatida dentro da historia da pintura galega, si é diferenciado doutros autores surrealistas galegos como Maruxa Mallo ou Eugenio Granell. A obra de Urbano é innegablemente singular, propia e única en Galicia, e é indiscutible a súa importancia dentro da creación dunha estética propia. A Lugrís envólveo un estilo metafísico absolutamente singular, preto de autores como Chirico, ou do surrealismo máis puro de René Magritte, visións oníricas, cores inspiradas en Patinir, que servirían de inspiración para arquitectos e ilustradores de primeira liña. A súa pintura nun intento de captar as coloracións máis puras dunha estética galega e o uso da tradición popular mitificada polo Galeguismo nos seus temas literarios, confróntase cun enchemento de espazos que bebe de El Bosco ou Brueggle. Temáticamente chea de referencias ó mundo céltico e as profundidades mariñas, e as tradicións populares, presenta composicións escenográficas herdadas da época na que o autor formou parte das Misións Pedagóxicas republicanas.

Non obstante, a pintura de Urbano é matérica, baseada na exactitude das liñas, na rotundidade das formas e dos volumes puros, trazado con cores planas, un carácter bocexado nado da ausencia de pincelada. A plástica é un contraste perfecto para un mundo onírico dunha riqueza inusual. Na súa obra todo se presenta como suxerido e case nada como exactamente pintado.  Mundos somerxidos, mariñas, paisaxes imposibles, fauna mariña, zooloxía fantástica, seres míticos, sereas, baleas, mapas, brúxulas, sextantes forman parte do seu mundo. Máis tamén o mundo do enxebre descontextualizado e idealizado, romarías, casas, pazos igrexas e vilas mariñeiras.

A súa obra é un Surrealismo ó estilo de escritores coma Cunqueiro, un mundo estético propio inspirado en Julio Verne, en Joseph Conrad, en Homero ou en Victor Hugo. Destaca a influencia de Lorca, de Alberti, de Rafael Dieste, das Misións pedagóxicas. O mundo mariñeiro, o desexo incumprido. Tamén da intelectualidade de Vigo, os Beiras, Álvarez Blazquez, Antón Patiño. Moitos de eles emigrados, Lugrís porén, do mesmo xeito que outros surrealistas escolleu a vía do exilio interior, o que, seguramente, mellor conecta coa propia natureza desta vangarda. A vista da Coruña, reflexa unha parcela dese gran mundo onírico persoal, a cidade somerxida na súa propia onírica.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...