fbpx
Traballos na Cova de Eirós / foto Asociación Cultural do Iribio

Descubre cales son as covas e mámoas de Galicia onde apareceron pinturas

Tempo de lectura: 2 min.

Esta semana HdG daba conta da aparición dunha cova en Baleira onde, supostamente, apareceu arte rupestre á espera de que Patrimonio realice unha investigación máis exhaustiva (podes ver fotografías). Pero, en Galicia, existen outras covas e mámoas nas que hai manifestacións artísticas. Fagamos un repaso.

A primeira e máis importante é a cova Eirós, unha gruta natural sita en Cancelo, no concello de Triacastela e que estaba ameazada por unha gran cementeira que os tribunais acaban de ilegalizar. Esta cova calcaria é un sitio arqueolóxico que forneceu materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, xunto con restos de fauna e flora da época.

Pintura aparecida nunha cova en Baleira / Mariña Patrimonio

Pero o máis importante son as súas manifestacións artísticas tal e como xa contamos en Historia de Galicia.  O 20 de agosto de 2012 fíxose público o achado de pinturas e gravados rupestres máis antigos de Galicia, sendo a primeira mostra de arte rupestre estudada en profundiade e que motivou a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Outras covas e mámoas

Tamén noutras covas apareceron restos do que poderían ser manifestacións artíticas, segundo apunta o colaborador de HdG, Xabier Moure. Así acontece na cova de Praducelos (Pol) e outros nos que se atoparon fragmentos de ocre en acubillos ao aire libre, por exemplo na Pena Grande de Bordelle, en Vilalba, e xunto ao bolo granítico de Betote, en Sarria.

Asemade hai varios exemplos de pinturas rupestres en mámoas. É o caso do Dolme de Dombate (Cabana de Bergantiños), Pedra da Arca (Dumbría), Mámoa de Espiñaredo (Negreira), Forno dos Mouros (Toques), Pedra Cuberta (Vimianzo), dolme da Moruxosa con cores vermella e negra (Friol), dolme de Mollafariña (Xermade), mámoa de Codesás (Melón), A Mota Grande (Quintela de Leirado), os Muíños (Agolada) e Coto dos Mouros (Rodeiro), como apunta Moure.

Pinturas rupestres de Val de Junco, en Portugal, semellantes ás aparecidas nunha cova en Baleira / Xabier Moure

Similitudes con Portugal

As pinturas atopadas en Baleira aseméllanse a outras pinturas rupestres atopadas na cova de Vale de Junco, tamén coñecida como Lapa de Galvoes, en Esperança, municipio de Arronches, en Portugal. Trátase dun abrigo rochoso que presenta dez paneis con pinturas en tons negro, ocre e laranxa, identificándose figuras esquemáticas humanas, animais, astrais e xeométricas.

A pesares de ser declaradas Monumento Nacional no ano 1970 (foron descubertas a principios do século XX) aínda existe certa controversia canto á súa datación, se ben predomina a tese de que foron realizadas entre o 4000 e 2000 a.C., é dicir, entre o Neolítico e o Calcolítico. “De todos os xeitos, o reducido número de pinturas rupestres ao aire libre en Galicia converten este conxunto de Baleira como un sitio arqueolóxico excepcional polo que é necesario o seu estudo e conservación”, indica o investigador.

Pode que che interese...