Sátira sobre o comercio de escravos negros

A historia de Cairo, o negro que morreu de fame e frío no Mondoñedo do século XVIII

Houbo unha vez un home negro de Guiné que causou tanta sensación en Mondoñedo que a súa historia aínda pervive na memoria colectiva. Segundo publicou a web Galicia Encantada, que a súa vez recolle unha historia que recompilou Andrés García Doural, o home negro morreu no Pazo de San Isidro aló polo século XVIII.

Xa se sabía por tradición que este guineano chegara a Mondoñedo, procedente de Ferrol, logo de ser escravizado por ingleses. As autoridades, non sabendo que facer con el, mandárono, primeiro bautizar e logo ao Pazo de San Isidro. Dise que as monxas o tiveron encadeado, ben nunha mazmorra ou á intemperie, preso ás escaleiras que comunican a horta co patio. Mal alimentado e peor vestido, morrería de fame e frío, non moito despois do 29 de abril de 1780, data na que “pidió el Santo Bautismo” na parroquial de Santiago. Dixo chamarse Cairo pero puxéronlle Josef e andava nos 23 anos cando faleceu.

BIC

E a conto de que ven a historia do negro Cairo?. Pois a que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou a incoación do expediente para declarar ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento o Pazo de San Isidro, en Mondoñedo, o lugar onde estivo preso o negro Cairo. O inmoble está sito lugar do Couto de Outeiro da parroquia de Nosa Señora do Carme, preto da ponte do Pasatempo, polo que domina o val da vila.

A súa situación fai referencia a un lugar de xurisdición importante e zona de mondo por poder real. Non en balde, nas súas inmediacións atopouse un rolo de xustiza, o que confirma que o lugar estivo relacionado coa xurisdición civil e criminal. Ademais, ao pé do inmoble está a calzada que levaba ata a devandita ponte que daba entrada á cidade de Vallibria, actualmente Mondoñedo.

Ao longo da súa historia – a edificación actual é do SXVII con orixe medieval, aínda que a planta baixa é moito máis antiga- o pazo estivo dedicado a varios usos, primeiro como torre de xurisprudencia e despois como convento das Concepcionistas, antes de converterse en pazo residencia. No 1627 o lugar foi adquirido polo capitán pedro Fernández Vaamonde y Saavedra e a súa muller Dona María de Losada. Casado en segundas nupcias con Dona María Pardo de Andrade, en 1656 fundo o morgado a favor do seu fillo Don Isidro Alonso Vaamonde Pardo e Sarmiento, ademais de fundar a ermida da Nosa Señora do Socorro do Couto de Outeiro, incluída no expediente de declaración como BIC.

Pazo de San Isidro, en Mondoñedo / A Nao Mai

Patio fortificado

O pazo está formado por diversos corpos rectangulares acaroados que conforman un conxunto de planta irregular cun patio porticado na parte posterior, do que cabe salientar os capiteis e bases das columnas de pedra e os seus fustes en madeira pintada, pouco frecuente en Galicia e moi populares en Castela. Asemade é curiosa a orientación da entrada principal do pazo, de cara á montaña e non ao val de Mondoñedo, que coincide co paso do trazado do Camiño Real.

O expediente de declaración do ben como de interese cultural inclúe, ademais da edificación principal, os dous escudos cos que conta o pazo coas súas correspondentes inscricións e, no interior, as dúas chemineas, os pavimentos de pedra, a lareira, ou os arcos, entre outras partes integrantes con interese. Asemade, formarían parte do BIC o patio porticado, o cruceiro e o pombal que se atopa fóra do recinto amurallado.

No tocante á capela, que tamén se inclúe na documentación, conserva catro laudas sepulcrais, todas elas do século XIX, e aínda se distinguen as pinturas con formas xeométricas do zócalo dos muros do coro en cores amarela, vermello e azul, así como da varanda do coro en vermello e azul; ademais de destacar o arco do corpo que une o antigo convento do coro da capela.

Protección

A partires da incoación do expediente aplícase a este ben de xeito inmediato o réxime de protección previsto para os BIC na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Ademais, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: