fbpx
Manuscrito escrito en galego datado en 1452 en Baio / Adiante Galicia

Localizan un manuscrito en galego de 1452

Tempo de lectura: 2 min.

Na biblioteca familiar da familia Agra de Baio entre un cartapacio de documentos centenarios foi localizado un pergamiño datado en 1452 escrito en galego, un manuscrito excepcional por ser unha das escasas mostras orixinais da época na nosa lingua conservadas na zona e ademais redactado nesta localidade de Zas por un notario local, Vasco Gómez, nunha letra cursiva legible aínda que nun estilo compostelán protocolario xa arcaico.

Así o relata Rafael Lema no xornal Adiante Galicia que suliña que o documento pode tratarse dunha paulina, unha especie de carta de excomunión ou apercibimento de “preytos” a veciños para descubrir o que se sospeita que foi roubado ou usupardo. É dicir, un documento notarial de apropiación que se atopa no arquivo da familia Agra Regueira.

Manuscrito escrito en galego datado en 1452 en Baio

Nun apuntamento do documento indícase “paulina sobre o lugar de Bayo en que se declaran as partidas de bens de que compón”, redactada “por Baafco Gomes Varela esriba público do noso señor o rei…estando non lugar de Bayo” durante o reinado de Enrique IV o Impotente de Castela e León. Dáse conta dunha serie de bens (leyras, talos, eguas), de ocupantes destes, algúns veciños de varios puntos da zona (Baio, Cambeda, Xornes, Brandomil, Allo) e “moradores dá feegresía de Santa Maria de Bayo”, como Fernán Belo, J. de Sobrado, Jacome Rodriguez, don Peerfeuto Fernández González, Alfonso de Agranova, Johan Vidal, Joham de Baio, Domingo do Allo, Tomei Fins.

“O bisavó da propietaria, María Camiño Agra, era notario da igrexa e por iso podería tratarse dun antigo cartapacio de partidas de propiedades da igrexa usurpadas por particulares ou fidalgos da zona”, destaca Rafael Lema.

Pode que che interese...