Museo de Pontevedra / turismopontevedra.com

O museo dos 100.000 visitantes

O Museo de Pontevedra é un dos grandes museos galegos, e tamén, un dos máis visitados. A piques de rematar agosto, os edificios visitables xa superaron a cifra dos 100.000 visitantes, unha cifra que no ano pasado se acadara no mes de novembro.

Un dos factores que contribuíron a este incremento, segundo a Deputación de Pontevedra – de quen depende– foi a apertura das Ruínas de San Domingos desde o mes de abril, tras o habitual peche nos meses de inverno. Tamén a programación de actividades complementarias nos meses de abril e maio, tales como obradoiros do gabinete didáctico, presentacións de libros e documentais, ou actividades especiais con motivo do Mes dos Museos ou do Día das Artes Galegas.

Por meses e nos edificios Sarmiento e Sexto, os que máis visitas contabilizaron foron o mes de marzo, con 6.797 visitantes, e maio con 6.447. No mes de marzo destacan as visitas á mostra “Soños” do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, que ocupaba dúas das salas de exposicións temporais do Sexto Edificio.

De feito, a mostra deste autor dedicada á fotografía contemporánea, que tivo lugar entre o 16 de febreiro e o 16 de abril, foi a que máis visitas contabilizou polo momento , chegando aos 9.438 visitantes. En número de visitantes, séguelle a mostra antolóxica de Luis Caruncho que chegou aos 7.861, mentres que “Iso segue o seu curso”, a mostra resultante do Máster de Creación Contemporánea promovido pola facultade de Belas Artes, contabilizou 3.177 visitas.

A mostra en curso, “Pontevedra Suite” do artista Manuel Moldes, que foi inaugurada o pasado 27 de xullo, xa leva até o momento 6.048 visitas. No que levamos de ano, esta foi a exposición que convocou a un maior número de persoas no día da súa inauguración, contabilizándose un total de 404 asistentes no acto oficial de apertura. En canto ás Ruínas de San Domingos, desde que foron aberta ao público o 4 de abril, levan contabilizadas un total de 63.840 visitas.

Actividades complementarias

Pola súa banda, as actividades complementarias á actividade expositiva e as colaboracións con outras entidades tamén contribuíron a incrementar o número de persoas que visitaron o Sexto Edificio. Foi o caso de presentacións de libros ou de documentais, como “Paraíso Roubado” que esgotou as butacas do Salón de Actos en dúas xornadas, o desfile benéfico de Asociación Amencer con máis de 200 persoas, as actividades organizadas expresamente con motivo do Día dos Museos ou a Noite dos Museos cun espectáculo a cargo de alumnado da ESAD con preto de 300 persoas, ou as Visitas Cruzadas que esgotaron prazas de participación durante todos os domingos do mes de maio -60 persoas en cada xornada-.

Futuras exposicións

De cara ao último cuadrimestre, o Museo de Pontevedra aínda programará tres mostras temporais máis. O 5 de outubro, está previsto que se inaugure a exposición dedicada a María Vinyals, que fará un percorrido pola súa obra e vida, facendo especial fincapé na súa traxectoria como figura precursora do feminismo. Esta mostra permanecerá no Sexto Edificio ata o 12 de novembro. Ademais, do 10 de outubro e ata o 12 de novembro, exhibiranse as obras resultantes das bolsas outorgadas aos catro gañadores e gañadoras do Certame Novos Valores 2016. O broche final na programación deste exercicio corresponderá á obra do artista pontevedrés de marcada proxección internacional, Jorge Castillo, cunha mostra retrospectiva que se poderá visitar entre o 30 de novembro e o 28 de xaneiro de 2018.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

  • Bradair

    Compren algunhas melloras na recepción e nos accesos aos fondos para investigadores pero é o museo de referencia neste noso país.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: