Titular de El Progreso coa morte de O Piloto

Na procura da Cidade da Selva, o último gran campamento dos maquis en Galicia

O Piloto‘, fuxido tristemente famoso, morto pola Garda Civil, en Belesa”. Este foi o titular do Diario “El Progreso” o 11 de maio de 1965. Con O Piloto desaparecía o último dos maquis. Para as autoridades, fuxidos desalmados e violentos que había que denunciar, apresar e executar; para outros, lendas case míticas protectoras dos bosques e das comunidades locais. O Piloto formou parte dese grupo de mouros contemporáneos que, xunto con outros fuxidos de lenda como Foucellas, Rocesvinto, Girón ou Quico, fuxiron ao monte e organizáronse para loitar contra a imposición dun réxime que consideraban inxusto. A súa lenda foi grande en parte porque moitos deles formaban parte das comunidades locais. Eran campesiños, traballadores ou pastores que se uniron a unha loita de vida ou morte e resistiron ao seu destino. A súa historia, a súa arqueoloxía e a súa memoria é en gran medida unha tarefa pendente.

Analizar o fenómeno dos fuxidos e recuperar a súa memoria é un dos obxectivos principais dun proxecto de investigación dirixido por Carlos Tejerizo (Instituto de Ciencias do Patrimonio, Consello Superior de Investigacións Científicas) e centrado na área dos montes de Casaio (Ourense), un dos focos principais do maquis a nivel peninsular. É nesta área onde se instalou a coñecida como “A Cidade da Selva”, un conxunto de campamentos guerrilleiros desenvolvidos durante os anos 40, momento no que se crea a Federación de Guerrillas de León e Galicia e o maquis pasou de ser un mosaico de pequenos grupos a un intento de exército organizado. A Cidade da Selva pasa por ser a materialización física desta transición e un caso único de campamento organizado de grupos guerrilleiros que chegou a albergar a máis de 100 combatentes. Ten ademais un gran compoñente simbólico, xa que é neste conxunto de campamentos onde se realizaron ata dous congresos dos guerrilleiros, que trataron de gañar forzas ante os continuos embates da Garda Civil, corpo a piques de desaparecer pero que por causa da loita contra os guerrilleiros foi reforzado polo aparello franquista e convertido nunha maquina de represión.

Lugar das Bruñas. Á esquerda vese o campo de xogo dos guerrilleiros

Campaña arqueolóxica en Casaio

En xuño deste ano o equipo do CSIC levou a cabo unha primeira campaña de prospección arqueolóxica na Cidade da Selva. O primeiro obxectivo era poder documentar e localizar os restos das vivendas dos guerrilleiros dispersos polos escarpados montes de Casaio. Unha tarefa que resultou moito máis complicada do que se pensaba. O arqueólogo Xurxo Ayán, un dos pioneiros na arqueoloxía da guerrilla na Península Ibérica, fala de “paisaxes ausentes” ao referirse ás complicadas contornas que rodean a historia e a memoria dos maquis; paisaxes traumáticas que, por causas da historia, foron abandonados fisicamente pero lembrados simbólicamente polas comunidades locais. A Cidade da Selva non é unicamente unha paisaxe ausente senón tamén unha paisaxe esquecida. Os recordos dolorosos, o silencio imposto ao redor dos maquis e o abandono progresivo dos montes provocaron que estas contornas corran o risco de perderse para sempre se non se actúa con certa urxencia. Desta maneira, só a colaboración coas comunidades locais e das persoas maiores permitiron achegarse por primeira vez desde hai décadas a estes espazos.

Edificio utilizado polos maquis no lugar das Morteiras / Carlos Tejerizo

Durante a campaña e grazas ao labor fundamental de xente como o señor Alfredo, veciño de Soutadoiro, ou Francisco, residente en Casaio, puidéronse coñecer ata cinco campamentos guerrilleiros, rexistrar de forma intensiva tres e un total de oito edificios de diversas tipoloxías. Estes campamentos sitúanse normalmente nos interiores dos vales en lugares de difícil acceso e fácil defensa así como preto dos ríos, en busca dunha auga necesaria para sobrevivir. A contorna coñecida como “As Morteiras” é un dos exemplos máis sobresalientes da Cidade da Selva, un campamento destinado á vixilancia do cuartel da Garda Civil instalado en Casaio e que foi destruído por un ataque da Garda Civil ao redor de 1946. Outro destes edificios foi localizado no coñecido Teixedal, un dos bosques de teixos máis importantes do mundo e utilizado pola guerrilla para vixiar o tránsito de xente entre Portugal e Galicia.

Edificio guerrilleiro no Teixedal/ Carlos Tejerizo

Edificios funcionais

A procedencia campesiña da maioría dos guerrilleiros queda testemuñada polo tipo de arquitecturas utilizadas para os seus refuxios, que trasladan perfectamente as tradicionais formas de construción da contorna. Practicamente todas elas constrúense en lousa e cuarcita trabadas en seco, que veñen das importantes vetas destes minerais que son actualmente explotados nas enormes canteiras que caracterizan a paisaxe da zona. Igualmente característica é o teitume, realizada a base de lousas e palla. Para a súa construción, os guerrilleiros aproveitaron a pendente dos lugares e unha orientación dirixida fundamentalmente aos ríos e ás principais rutas de escape por se se sufría un ataque sorpresa da Benemérita. As Bruñas, outro das contornas prospectados, conta ademais con elementos moi pouco coñecidos e que proporcionan moita información sobre a vida cotiá dos guerrilleiros. Nas proximidades das vivendas, atópase un espazo aberto que foi utilizado como campo de xogo e tamén como zona de reunión e de festas.

    Foto da creación da Federación de Guerrillas de León e Galicia / Carlos Tejerizo

“Esta primeira campaña foi un éxito rotundo”, afirma Carlos Tejerizo, “é a primeira vez que se afronta o estudo arqueolóxico un conxunto de zonas habitadas polos maquis e que nos proporcionará unha información fundamental sobre as súas formas de vida e as súas experiencias”, apunta a este medio. Algo diferente á documentación escrita que só nos fala de aspectos da vida guerrilleira, como a súa alimentación ou a organización da vida diaria. “Desta maneira, non só recuperamos a memoria dun episodio problemático da historia contemporánea de Galicia, senón tamén profundamos no noso coñecemento do presente histórico”, sinala o investigador do CSIC.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: