Vistas desde o castelo de Borneiro, en Cabana de Bergantiños / Galicia pictures

Un novo proxecto eólico ameaza unha gran fortificación con tres antecastros

O castelo de Borneiro, na parroquia de San Xoán de Borneiro en Cabana de Bergantiños corre o perigo de ser gravemente afectado polo polémico Parque Eólico Mouriños, que pretende realizar Gas Natural.

Este ben catalogado da Idade do Ferro e con continudiade na Época Altomedieval, presenta unha característica que é difícil ver noutros castros da contorna como é a existencia de tres antecastros vinculados ao recinto principal. Estes tres antecastros están situados ao sur, leste e oeste, potenciando o sistema defensivo e ampliando a superficie habitable.

Plan Lidar do castelo de Borneiro / PG

Segundo xa recolleu Elixio Vieites en Patrimonio Galego, este asentamento está a 355 metros de altitude e no cume dun monte cun gran afloramento granítico que lle confire unhas boas defensas naturais.Presenta un bo estado de conservación podéndose observar parte das murallas que delimitan algún antecastro.

Segundo a descrición da ficha do catálogo de Bens Arqueolóxicos do concello de Cabanas de Bergantiños do ano 1999, ten unha croa de forma ovoide duns 95 m. de diámetro e uns 60 m. de longo, delimitada por un terraplén natural no que abundan as afloracións rochosas. Os espazos entre penedos están tapados con grandes bloques de pedra extraídos das proximidades.

Unha mámoa afectada

Salvemos Cabana denuncia que o parque éolico tamén afectará á mámoa do Pico de sinde, que tamén aparece catalogada.Trátase, segundo recolle o xornal GC, dun túmulo megalítico do Neolítico cun grao de protección II –xacementos arqueolóxico que non están declarados Ben de Interese Cultural–.

Mámoa do Pico de Sinde, afectada por un proxecto eólico / GC

Sito na parroquia de Canduas, no sitio de Sinde, trátase dun “túmulo megalítico de aproximadamente uns 11 metros de diámetro e 80 centímetros de altura”, segundo se detalla no Catálogo do Concello de Cabana, no que se engade: “Atópase situado en terreos de monte alto, nunha zona de forte pendente. Presenta un estado de conservación bastante aceptable”.

Salvemos Cabana acudiu a este enclave e comprobou que se trata dunha mámoa “realmente fermosa” da cal, aseguran, “por primeira vez” se publica unha fotografía. A mámoa atópase nun punto anexo ao aeroxenerador M1 dos catro que pretende instalar Gas Natural Fenosa na comarca, no proxecto Parque Eólico Mouriños. Trátase, ademais, dunha área de “especial risco arqueolóxico”, segundo Salvemos Cabana, pola súa proximidade ás infraestruturas previstas na planificación.

Sen control arqueolóxico

Segundo recolle GC, a entidade ecoloxista denuncia que ninguén se molestou en analizar o impacto do parque eólico no patrimonio arqueolóxico da comarca. A Plataforma considera, neste sentido, que este debería ser un requisito previo ao comezo do procedemento de tramitación pois de non ser así, non resulta posible unha valoración de posibles efectos na fase de exposición pública.

Castelo de Borneiro, que sera afectado por un parque eólico de Gas Natural / GC

Doutra banda banda, na sección dedicada ao “control e seguimento arqueolóxico” afírmase textualmente que o técnico encargado do control especializado neste terreo farase cargo “de calquera eventualidade de índole arqueolóxica que poida xurdir durante o desenvolvemento das obras” pero “evitando, na medida do posible, a paralización ou demora dos traballos”. Así mesmo sinálase que “o contratista deberá colaborar co arqueólogo no correcto seguimento arqueolóxico da fase de obras, comunicando a este as posibles incidencias que poidan supoñer unha alteración para que este poida valorar se existe algún elemento de patrimonio a protexer (…) ou pola contra a obra debe proseguir”.

Destas afirmacións, valorando a redacción do texto, despréndese, segundo Salvemos Cabana que “é o técnico contratado pola empresa quen decide o destino de calquera achado arqueolóxico, pero sempre que sexa posible evitando a paralización ou demora das obras.”

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: