fbpx
Imaxe aérea da illa de Areoso Guidoiro, na Arousa / twitter J. Calleja

Os segredos de Areoso, un illote cemiterio que estivo unido á Illa de Arousa hai 3.500 anos

Tempo de lectura: 7 min.

Guidoiro Areoso é un illote de apenas 8 hectáreas de superficie situado na Ría de Arousa. Unha ínsua que oculta un dos tesouros arqueolóxicos máis descoñecidos de Galicia; cinco mámoas, cinco cistas e numerosos restos da época do Bronce, ademais, de cerámica romana. E, aínda así, hai moita máis historia enterrada na area desta illa de apenas 600 metros de longo de norte a sur, 200 metros no seu punto máis largo e de 9 metros sobre o nivel do mar no seu punto máis alto.

Areoso, como o seu nome indica, está constituído case completamente de area. É o maior dos illotes que conforman o arquipélago de Rúa e Os Guidoiros (O Areoso e O Pedregoso). A metade norte está ocupada por unha duna activa, mentres que na sur se mesturan afloramentos graníticos cunha duna vexetada.

Restos cerámicos atopados na mámoa 4 de Guidoiro Areoso / Elixio Vieites

O illote está incluído no inventario do patrimonio cultural de Galicia, xa que figura no catálogo de bens culturais a protexer do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Illa de Arousa, aprobado polo pleno da corporación municipal o 14 de febreiro de 2002. Tamén forma parte da zona de especial protección dos valores naturais do Complexo intermareal Umia -O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira-, da Rede Natura 2000.

Toda a illa está rodeada de arrecifes á flor de auga, ata naquelas partes con máis presenza de area emerxida. Unhas reminiscencias da súa época de terra firme. E é que hai uns 3.500 anos o Areoso era unha longa península da Illa de Arousa, que, a súa vez, tamén era outra península.

Desde entón ata hoxe a separación entre illas é dun 1.400 m en liña recta porque o mar foi subindo paseniño ata situarse a 5 e 7 metros do nivel que tiña entón. Ao manterse illado desde entón, nunca cultivado e cuberto na súa maior parte por unha duna, os restos arqueolóxicos permaneceron case inalterados.

Uns restos que fan de Areoso unha auténtica illa dos mortos. En concreto, coñécense un total de 5 monumentos megalíticos (mámoas), 5 estruturas tipo cista (pequenas estruturas funerarias cuadrangulares de pedra), así como abundantes indicios de ocupación durante o Neolítico e a Idade do Bronce (fundamentalmente cerámicas e ósos de animais). Todos estes restos están situados na zona intermareal, nos solos antigos enterrados baixo a area, onde a acción do mar os vai deixando á vista, polo que corren perigo de destrución.

Historia de Galicia estivo este mércores na illa, convidado pola Xunta nunha visita realizada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o equipo da Dirección Xeral de Patrimonio, entre elas a directora xeral, María del Carmen Martínez Ínsua ou o arqueólogo xefe do Servizo de Arqueoloxía, Roberto Pena. Unha visita na que o conselleiro non dubidou en cualificar Areoso como “un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia” debido á súa gran riqueza. Por iso, esta web non dubidou en preguntarlle se o seu departamento seguirá comprometido en investigar, poñer en valor e coidar un espazo arqueolóxico único no país e que comezou a ser estudado nos anos oitenta do pasado século.

Estado da mámoa 4 na actualidade (á esquerda) e antes da escavación deste verán ( dereita)

Primeiras escavacións

Entón o arqueólogo José Manuel Rey García, nunha campaña na que estiveron outros arqueólogos como Beatriz Comenador, localizou na súa superficie tres estruturas megalíticas, das que escavou dúas, así como un asentamento de comezos da Idade de Bronce no que, xunto a cerámicas e outras pezas, se recuperaron abundantes restos de fauna doméstica (vacas, porcos e ovellas ou cabras). Tamén concluíu que non parecía haber ocupacións humanas posteriores a esa data, aínda que atopou restos dunha ánfora romana que seguramente procedese dunha embarcación afundida nas proximidades.

Nos últimos anos o illote sufriu un importante proceso de alteración das superficies areosas, como corresponde ao seu ambiente dunar. A duna norte reduciuse considerablemente en altura e extensión, mentres que nas praias desapareceu case un metro de area só nos últimos seis anos, tal e como teñen denunciado colectivos como os Pandulleiros.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, xunto co colaborador de HdG, Elixio Vieites / xunta.gal

Todos os sitios arqueolóxicos que se coñecían en Guidoiro Areoso a comezos do 2014 atópanse na zona intermareal, onde a acción do mar os deixa ao descuberto, xa que o interior está completamente ocupado por unha duna. Algúns destes monumentos mesmo se atopan xa cubertos polo mar e só se poden ver en marea baixa.

Non se coñece a súa cronoloxía exacta, pero os arqueólogos apuntan ao Neolítico ou Calcolítico (4500-2000 a.c.). Ademais, polas praias do illote esparéxese abundante material arqueolóxico do Calcolítico e mais da Idade de Bronce, sobre todo cerámica e restos de comida.

Continuidade desde o Neolítico á Idade do Bronce

J. M. Rey constatou na súa escavación que sobre a mámoa 2, unha vez abandonada e logo de que estivese xa parcialmente oculta pola area de praia, instalouse un asentamento datado entre o 2225 e o 1950 a. C. Tamén recuperou abundantes refugallos de comida, ósos e cunchas, que non é habitual conservar en Galicia para épocas tan antigas pola acidez do solo, pero que o medio mariño de Guidoiro Areoso axudou a preservar. Aquelas xentes comían gando vacún, ovellas ou cabras e porcos. Tamén ostras, mexillóns e lapas.

Ademais, durante a Idade de Bronce tamén se seguiron realizando enterramentos no illote. Á parte de que algunha das mámoas podía seguir en uso, localizáronse pequenas cistas.

Novos achados: Restos humanos e cuncheiros

Na nova actuación que dirixe a arqueóloga Patricia Mañaña-Borrazás, xunto cos tamén arqueólogos Santiago Vázquez e María José Bóveda, na coñecida como mámoa 4 tamén se atoparon interesantes achados, entre eles fragmentos dunha mandíbula humana que poden achegar novos e interesantes datos a esta illa-cemiterio.

Tamén se atopou un gran cuncheiro no que hai numerosos restos de comida, tanto ósos de animais como de mariscos e peixes. Este cuncheiro, xunto co escavado por José Manuel Rey son os dous únicos coñecidos en Galicia anteriores á Idade do Ferro, segundo apuntaron os expertos, o que pode dar lugar a interesantes investigacións sobre a alimentación dos galegos hai máis de 4.000 anos.

Nesta actuación participan diversos equipos de investigación das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Bordeos (Francia), que tomarán mostras como parte dun proxecto propio no que están a investigar as ocupacións prehistóricas do illote.

Illa Guidoiro Areoso / Elixio Vieites

Os grandes perigos de Areoso

O colectivo Pandulleiros, un dos principais colectivos da Arousa, que leva anos defendendo esta illa cemiterio, ten denunciado que está -case- partido en dous. Por iso, insta á Xunta a actuar canto antes e limitar o número de visitantes diarios a un paraíso natural que corre o risco de desaparecer se non se toman medidas.

Tal e como xa publicou este portal, entre os principais problemas que apunta está a masificación do turismo e as mareas, que están provocando que o illote se divida en dous. De feito nesta zona máis sensible, no istmo, que separaba a zona máis rochosa da areosa, é onde se concentran a maior parte dos restos arqueolóxicos que saíron á luz nos últimos anos, unha riqueza que os Pandulleiros temen que acabe sendo tragada polo mar.

Restos dunha das mámoas na illa de Guidoiro Areoso / Elixio Vieites

Segundo este colectivo, o efecto das mareas e a masificación á que é sometido Areoso durante o verán, provocaron que continúe a perda de áridos. Unha situación que provocou a caída de varios tramos do valo de protección da duna e que algúns turistas aproveiten para acceder ao interior desta.

Por iso, este colectivo pediu que se limite o acceso no verán tal e como se fixo na praia das Catedrais de Ribadeo, onde se puxo un máximo de visitantes por día para preservar a contorna e frear a súa degradación.

De feito, e preguntado ao respecto, o conselleiro de Cultura non descartou que se acabe facendo o mesmo que nas Catedrais, limitando a chegada de visitantes, pero, en todo caso, dixo, “haberá que ver as conclusións ás que chega o equipo de expertos”. “Actualmente a illa xa ten nivel de protección natural, coa rede Natura, e tamén cultural, ao toparse varios xacementos nela”, indicou.

O futuro

Sobre o futuro da investigación, Román Rodríguez suliñou que “hai que traballar paso a paso” e non descartou que a Xunta siga investindo “forte” nas escavacións do illote. “Despois de setembro miraremos os resultados e, en función diso, planificaremos actuacións futuras”, díxolle a esta web.

E o certo é que aínda non se sabe o que realmente oculta o Areoso. Cada ano os temporais do inverno erosionan un pouco máis a illa e deixan á vista novos achados arqueolóxicos ata entón sepultados pola area. Por iso, non se descartan novas sorpresas.

No ano 2014 púxose en marcha unha iniciativa aberta ao conxunto da sociedade: Guidoiro Dixital, onde se busca reunir fotografías e vídeos do illote e os seus sitios previos ao 2013. O obxectivo é facer un arquivo dixital para converter unha illa da memoria nun testemuño vivo dunha parte fundamental da nosa historia porque, como dicía José Martí, “toda muerte es principio de una vida”.

 

Para saber máis:

Guidoiro Dixital

FB da escavación actual

Colectivo Pandulleiros

Rey García J.M. 2011. Guidoiro Areoso (Illa de Arousa, Pontevedra): un pequeño islote con una intensa ocupación entre el Neolítico Final y la Edad del Bronce. In: P. Prieto Martínez & L. Salanova (coord.) Las comunidades campaniformes en Galicia: cambios sociales en el III y II milenios BC en el NW de la Península Ibérica. Pontevedra: Deputación de Pontevedra: 201‑210.

López-Romero, E., Mañana-Borrazás, P., Daire, MY & Güimil-Fariña, A. 2014The eSCOPES Project: preservation by record and monitoring at-risk coastal archaeological sites on the European Atlantic façade. Antiquity (Project Gallery)

“Unha viaxe á Illa dos Mortos”, unha reportaxe audiovisual de Manuel Gago https://www.youtube.com/watch?v=wSF3tHR5pEI

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...