Illa de Sálvora / Ministerio de Medio Ambiente

A presión turística tamén chega á illa de Sálvora

Primeiro foron as Ons, logo as Cíes e agora Sálvora. As tres principais illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas están sufrindo un overbooling turístico. As dúas primeiras recibiron nas últimas semanas máis turistas dos permitidos pola venda masiva de billetes por parte das navieiras. Á de Sálvora non se chega a través dun barco turístico pero, aínda así, recibiu desde xaneiro ata o pasado mes de xullo a 9.469 visitantes, un 55,8% máis con respecto ao mesmo período de 2016.

Xunto cos illotes Vionta, Herbosa e Noro e as Sagres, a illa forma o arquipélago de Sálvora, integrado xunto cos de Cíes, Ons e Cortegada no Parque nacional das Illas Atlánticas no ano 2002. Durante anos estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira, pero está case deserta desde 1972.

A illa foi privada

Na illa, que foi de titularidade privada ata 2007, atópanse, amais da aldea, oito hórreos, un lavadoiro e a fonte da Telleira ou de Santa Catalina, un almacén de finais do século XVIII ampliado cara 1963 con dúas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao, un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea.

Precisamente, este rico patrimonio e a fermosura da illa fai que numerosos turistas se acheguen con embarcacións propias a percorrela xa que, a diferencia das Ons e Cíes, non ten vixiancia permanente. Por iso, comeza a sufrir tamén certa presión turística, ao igual que as súas irmás maiores. E o certo é que , no que vai de ano, o Parque Nacional das Illas Atlánticas acolleu xa a máis de 220.000 visitantes, un 18% máis que en 2016.

Antiga fábrica de secado e salgazón / youtube

Este martes estiveron nela os conselleiros de Medio Ambiente e Política Social, Beatriz Mato e Rey Varela. A primeira destacou o compromiso da Xunta pola protección e posta en valor da riqueza que representan os parques nacionais no seu conxunto, así como, en xeral, todo o patrimonio natural da Comunidade, mentres que o segundo valorou a “decidida aposta” do Executivo autonómico por promover as actividades de voluntariado ambiental.

Investimentos

Asimesmo, lembraron que a Xunta puxo en marcha nesta illa varias obras de rehabilitación e, nos últimos anos, investiu 48.000 euros para rehabilitar inmobles, hórreos, reparar tellados de casas, así como paneis interpretativos. “O pasado ano xa investimos case 100.000 euros noutra serie de melloras: arranxo de camiños, prevención de incendios, trampeo de visón americano, elaboración do dossier para recibir a Carta Europea de Turismo Sustentable, material divulgativo e seguimento de aves mariñas”, lembrou Beatriz Mato.

Ademais, avanzou que, nos próximos meses, levarán a cabo diversos traballos de estudo, protección e conservación dos valores naturais do espazo insular por valor de 150.000 euros. A maiores, destacou que a Xunta está a piques de asinar un convenio co Ministerio de Agricultura para a posta en marcha de medidas de preservación de especies, cun investimento de 385.000 euros. Con todo, ningunha das propostas vai destinada a un control máis riguroso do turismo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

  • Ana

    Hai un erro na información, Sálvora si que dispón de vixiancia permanente. Durante o verán viven na illa un garda e máis un guía do parque nacional, o resto do ano vive permanentemente soamente o garda (son dous, a turnos de semana). Entre outras funcións, controlan o atraque de embarcacións en todo o arquipélago ou que non se practique a pesca deportiva (a profesional está permitida).

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: