Conxunto relixioso de Iria Flavia, co cemiterio, a igrexa e a Casa do Capelán ao ao fondo / mapio.net

Primeiro gran acordo Xunta-Igrexa sobre o patrimonio eclesiástico en Galicia

A Xunta de Galicia e a Igrexa Católica acaban de chegar a un acordo histórico que ten que ver co rico e gran patrimonio histórico e cultural relixioso que hai no país. Así, a Xunta regulará por primeira vez de forma específica a súa relación coa Igrexa en materia de conservación do patrimonio cultural de propiedade eclesiástica a través dun decreto no que regularán as rehabilitacións, axudas e o sistema de visitas do patrimonio da Igrexa. Será a través dunha Comisión Mixta Xunta de Galicia-Igrexa Católica que substituirá un convenio moi sucinto asinado coa Igrexa co cal viña funcionando este órgano, en vigor desde 1985.

Polo tanto, o decreto vén solucionar e aclarar as diferentes dúbidas sobre o seu funcionamento que foron xurdindo ao longo deste anos. Entre as súas funcións, a comisión actuará como órgano de asesoramento da Consellería para a protección, conservación, fomento e difusión do patrimonio cultural de Galicia nas cuestións que afecten exclusivamente a bens de titularidade da Igrexa Católica que teñan valor cultural.

Asignación de fondos

Igrexa de San Martiño de Mondoñedo, a máis antiga de Galicia e de España / Galipedia

Igrexa de San Martiño de Mondoñedo, a máis antiga de Galicia e de España / Galipedia

En aplicación do decreto e por primeira vez, a Igrexa comprométese a determinar os criterios de asignación de fondos propios que se destinarán ás intervencións nos devanditos bens. Neste mesmo sentido, elaborará un programa anual de intervencións para realizar nos centros da súa titularidade, que deberá organizarse por áreas culturais diferenciadas (patrimonio arquitectónico, patrimonio artístico, patrimonio documental e bibliográfico).

Neste contexto, estableceranse tamén as prioridades para a distribución das achegas e intervencións por parte da Consellería, e fixaranse as condicións para o acceso e visita pública aos bens eclesiásticos, priorizando aqueles en que realizase ou poida realizar investimentos a Xunta.

A comisión será a encargada de asesorar sobre as medidas de seguridade dos bens culturais de titularidade da Igrexa Católica, e tamén se encargará de emitir informes nos procedementos de declaración de bens de interese cultural (BIC) relativos a bens eclesiásticos, sobre traslados definitivos ou ben informes sobre proxectos de obras e intervencións que afecten os ditos bens. Desta forma, o decreto dá forma –desde o punto de vista normativo– a un protocolo de seguridade para os bens eclesiásticos.

Funcionamento da comisión Funcionamento da comisión

A comisión mixta Xunta-Igrexa funcionará en pleno ou ben a través de dúas subcomisións: a Subcomisión para o rexistro do patrimonio cultural da Igrexa Católica e a Subcomisión de conservación do patrimonio cultural da Igrexa Católica.

En concreto, a comisión en pleno estará constituída por dez representantes designados por ambas as dúas institucións. A presidencia será rotatoria: nos anos impares recaerá no conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mentres que nos anos pares terá a quenda o Arcebispo de Santiago de Compostela. Nos períodos en que non ocupen a presidencia, os ditos membros terán a condición de vogal. Así mesmo, tamén estará composta por dous vicepresidentes (a persoa titular da dirección xeral de Patrimonio Cultural e o secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago), tres vogais por parte da Xunta e outros tres designados polo arcebispo.

A comisión reunirase polo menos dúas veces ao ano en sesión ordinaria e, con carácter extraordinario, de considerarse necesario. Ademais, e como principal novidade, adoptará os seus acordos por unanimidade (ata agora as decisións tomábanse por consenso). Por outro lado, a subcomisión de rexistro contará con 11 membros e a subcomisión de conservación con 17. Ambas as dúas estarán presididas pola persoal titular da dirección xeral do Patrimonio Cultural.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, no mosteiro de Montederramo / xunta.gal

Máis facilidades administrativas

Ademais de determinar en detalle as funcións da comisión, o decreto tamén introduce dúas novidades principais que facilitarán os trámites administrativos de determinadas actuacións sobre bens eclesiásticos.

En primeiro lugar, cómpre destacar que todos os proxectos de obras e intervencións de bens integrantes do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica de Galicia serán instados polos bispos respectivos e, para o caso de institutos de vida relixiosa, polo máximo representante da abadía, orde ou instituto. Pero no caso de intervencións nas parroquias, estas poderán seguir sendo instadas polos propios párrocos, aínda que a partir de agora deberán contar co visto e prace do bispado ou do superior da orde relixiosa para poder ser sometidas a informe da subcomisións.

Así mesmo, as obras e intervencións de pequena entidade que non requiran proxecto estarán exentas de informe da subcomisión, aínda que deberá contar coa autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. En concreto, trátase daquelas de técnica simple e escasa entidade construtiva e económica, que non afectan elementos estruturais nin supoñen alteración do volume, do deseño exterior, da cimentación, da estrutura, ou das condicións de habitalidade ou seguridade dos edificios.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: