Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

Como protexer a muralla defensiva da Coruña ou a antiga cadea da Audiencia Provincial do Reino de Galicia

A Comisión Aberta en Defensa do Común (CADECO) entregou xa no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia coas súas consideracións relacionadas co expediente de avaliación ambiental do borrador de modificación do PXOM da Coruña-A Solana.

O texto desliza aspectos eminentemente técnicos que alertan sobre as consecuencias que para a cidade terán o feito de que se consume a suposta privatización do Ministerio de Fomento, en clara referencia aos espazos ocupados na actualidade polo hotel Finisterre e o complexo polideportivo da Solana.

O documento foi elaborado conxuntamente co departamento de Ordenación do Territorio da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña. Este é o texto íntegro da proposta para unha hipotética reformulación de toda a fachada marítima coruñesa.


Consellería de Medio Ambiente e Sostibilidade
Xunta de Galicia

EXPEDIENTE DE AVALIACIÓN AMBIENTAL ESTRATÉXICA DO BORRADOR DA MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNIPAL DA CORUÑA- A SOLANA.
Ricardo Vales Agra, con DNI 32402161 Z e enderezo na rúa Santa Teresa, 30-3º 15002 A Coruña, en representación da Comisión Aberta en Defensa do Común (CADECO), presenta os seguintes

COMENTARIOS:
Na exposición pública de Avaliación Ambiental no Borrador da Modificación Puntual do PXOM-A Solana, o ámbito delimitado como susceptible de privatización e uso global residencial, (entre a Porta do Parrote e a esquina S.O. da Solana) consideramos que debería ser incluído na súa totalidade no ámbito destinado a “Publico” que corresponde coa totalidade do espazo dos “terreos matriz” que sempre tiveron a condición de titularidade pública estatal ou municipal (antiga cadea) ou de uso público (areal e rochas da praia do Parrote).

As razóns que argumentamos a continuación están sustentadas nunha visión que reivindica a condición “urbanística” do planeamento e que, polo tanto, debería estar presente no “Borrador da Modificación do PXOM” sometido a exposición pública, e que, polo tanto, están baseadas en consideracións URBANÍSTICAS nos seguintes aspectos :
1.- HISTÓRICAS.
2.-PATRIMONIAIS-CULTURAIS.
3.-RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA

Recreación da cidade vella da Coruña / ciudadvieja.com

1.- HISTÓRICAS
Nunca, até agora, estivo a información pública das coruñesas un documento que se plantexa por primeira vez romper o pacto subscrito pola burguesía decimonónica no 1873 de NON INVASIÓN CON PROPIEDADES PRIVADAS DOS TERREOS DE RECHEO GAÑADOS AO MAR NAS FRONTES DA CIDADE VELLA E DA PESCADERÍA.

Por PRIMEIRA VEZ (en pleno mes de xullo e agosto) exponse ao público, é dicir á xente “do común”, un documento no que se visualiza o intento de PRIVATIZACIÓN dunha parte do solo das murallas da Cidade Vella na súa fronte correspondente aos terreos que estiveron ocupados polo antigo Cárcere da Audiencia do Reino de Galicia e polo Areal do Parrote.

E isto é así porque a modificación introducida polo anterior goberno municipal realizouse despois de transcorrido o proceso de PARTICIPACIÓN CIDADÁN e, xa que logo, dentro dunha fase que se escapaba ao control da cidadanía do común.
De aí que as razóns históricas deben partir desta ANORMALIDADE DEMOCRÁTICA, nun documento que lonxe de poñer en cuestión a modificación realizada a man e con rotulador no Plano de tramitación do PXOM-2015, recolle, en parte, aspectos substanciais da mesma.

Dende 1873-1875, coa redacción e aprobación dos Planos de Alineamentos de Yáñez y Barón, transcorreron máis de 140 anos nos que NUNCA SE PLANTEXARA A PRIVATIZACIÓN DA FRONTE Á BAÍA DO CENTRO HISTÓRICO: houbo concesións temporais, pero nunca existiron propiedades privadas lexitimadas por ningunha Administración Municipal.
Esta é a razón pola que consideramos que a modificación do PXOM-A SOLANA debe restablecer a característica de PÚBLICO de todo o ámbito concesional dos terreos correspondentes ao Complexo Deportivo A Solana e ao Hotel Finisterre na súa fronte ao Paseo do Parrote ao longo de máis de 100 metros lineais.

A Coruña, a cidade e os seus habitantes, sempre foron CELOSOS DESTA CONDICIÓN DE RELACIÓN AMBIENTAL DA CIDADE E O MAR, da CIDADE E A RÍA.

E na dimensión social e pública, é dicir común, de todas e todos, do termo “ambiental”, é na que afirmamos a nosa posición:
NO LÍMITE DO TECIDO URBANO RESIDENCIAL Á BAÍA definido POLAS ALINEACIÓNS DOS EDIFICIOS PRIVADOS CON FRONTE AOS CANTÓN PEQUENO E CANTÓN GRANDE, AO LONGO DA AVENIDA DA MARIÑA, DO PASEO DA DÁRSENA E DO PARROTE, só se toleraron nos últimos 140 anos edificios institucionais (Xunta de Obras do Porto, Autoridade Portuaria, Correos, Sanidade, Emigracion…) , edificios de servizos portuarios e de servizos públicos e espazos para o ocio, lecer e tempo libre (Paseo do Parrote, Paseo da Dársena, Xardíns da Dársena, Paseo e Xardins de Mendez Núñez e Xardíns da Rosaleda), e cando se tratou de construír edificios e usos en colaboración coa iniciativa privada, sempre foron concesionados por un tempo limitado (quioscos, hoteis, instalacións deportivas) co argumento da devolución ao Patrimonio Común dos terreos así ocupados.

E queremos que así siga sendo: o “privado exclusivo” ten o seu terreo de xogo “natural”, sen escuras interferencias do mercado, nos ámbitos historicamente definidos polos sucesivos planes municipais ao longo de todo o século XIX (1875) e século XX (1910, 1948, 1965, 1985, 1995, 2015), e máis cando estamos a falar da fronte marítima do CENTRO HISTÓRICO DA CIDADE DA CORUÑA, do que, á marxe das súas formalizacións concretas, podemos sentirnos orgullosos do Patrimonio urbanístico herdado.
Dende o Campo da Estrada-Xardíns e Paseo da Maestranza até a os Xardíns da Rosaleda-Praza de Ourense desenvólvense unha secuencia ininterrumpida de espazos de case 2 quilómetros de lonxitude, ao longo da fronte Centro Histórico á baía, que teñen como característica a súa condición de terreos de titularidade pública e de uso público para a cidadanía do común.
Non existe un só metro cadrado de propiedade privada: este é o legado que recibimos, e esta é a herdanza, a cidade, que queremos deixar aos nosos fillos.

2.- PATRIMONIAL CULTURAL.
2.1. PATRIMONIO CULTURAL NATURAL:
O AREAL DO PARROTE E O BERCE DA CIDADE.
A delimitación proposta no expediente da modificación do PXOM-A Solana, introduce unha división totalmente artificiosa, coa intencionalidade expresa de realizar unha PARCELACION con división terreos de “uso público, uso privado” sobre ELEMENTOS FUNDAMENTAIS do PATRIMONIO CULTURAL NATURAL da Cidade da Coruña.

E esta iniciativa desenvólvese no Parrote.

O Parrote non é un lugar calquera no termo municipal da Coruña. O antigo Areal do Parrote é o “berce da cidade”. Alí onde os primeiros coruñeses se sentiron protexidos, e fixaron o primeiro asentamento ao abrigo das forzas da natureza.
Non estamos pois ante unha iniciativa que se desenvolve nun ámbito indefinido e anónimo: encontrámonos no “lugar sagrado”, arredor do que a cidade se constrúe.

O lugar no que é posible un regato que baixa dende o acuífero emprazado no cumio do outeiro, que desauga nun recollido areal, nunha tranquila e protexida enseada, onde o asentamento mariñeiro arredor da igrexa de Santiago, e logo o asentamento urbano arredor de Santa María, A Fortaleza, o cinto medieval, os edificios institucionais do Palacio dos Capitáns Xenerais do Reino de Galicia, A Real Audiencia e o vello Cárcere, o Sistema defensivo Barroco coas Portas de Mar do Parrote, do Clavo, San Miguel,…, o Romanticismo decimonónico do Paseo do Parrote e o Xardin de San Carlos, … todo xira e vai dispóndose ordenadamente arredor dun espazo natural que a cartografía histórica, os gravados, as pinturas, as planimetrías, as ortofotos e vistas fotográficas dos séculos XIX e XX, os textos literarios, os artigos periodísticos, nos sinalan como referencia esencial da identidade dunha cidade mariñeira.
Ao igual que os restos arqueolóxicos, que os restos arquitectónicos, que os lenzos das murallas da praza forte, o PATRIMONIO NATURAL atópase oculto baixo toneladas de material de recheos que o cubren, destinándoo a viarios, aparcamentos de superficie, hoxe totalmente carentes de utilidade e sentido para unha sociedade na que o cualitativo da cidade pasa por mostrar e revalorizar os

SIGNOS ESPECÍFICOS DA SÚA IDENTIDADE.

E a Ensenada do Parrote forma parte deses SIGNOS DE IDENTIDADE, que só en fases de barbarie baixo brutais ditaduras e sometida a cidade a auténticos Estados de Excepción política e cultural, foron quen de expoliar e aplastar nunha actitude moi lonxana da sensibilidade europea da que hoxe participamos.

A nosa relación coa historia, complementámola hoxe coa recuperación dunha idea de Cidadanía na que a relación co AMBIENTE NATURAL, co MEDIO, SEXA CAPAZ DE SER RESTAURADA NA MEDIDA DAS POSIBILIDADES PRESENTES.
Algo que sen lugar a dúbida só será posible nun proxecto urbano a longo prazo que parta da IRRENUNCIABLE CONDICIÓN PÚBLICA DOS ELEMENTOS NATURAIS ESENCIAIS que serviron de orixe e referencia ao asentamento e desenvolvemento da cidade.

O Parrote debe ser lido como o GRAN ESPAZO CULTURAL SENSIBLE , O LUGAR SAGRADO por excelencia, en cuxo entorno se concentra a maior acumulación de signos pertencente a tódolos estratos que se desenvolveron ao longo da historia urbana.

Nesa condición de lugar SIMBÓLICO dun espazo natural, que foi berce da cidade, toda iniciativa que teña como intención a PARCELACIÓN POR ESPECIALIZACIÓN DE USOS CON VISTAS A UNHA POSTERIOR PRIVATIZACIÓN dos terreos e edificios que teñen como soporte a razón de ser da cidade mesma, debe ser considerada totalmente inapropiada e desacertada: a Comisión Aberta en Defensa do Común denunciará calquera intento de apertura dun escenario que abra a porta á posibilidade de FRAGMENTACIÓN e POSTERIOR APROPIACIÓN PRIVADA por parte de grupos inmobiliarios, dun “lugar sagrado” cuxa restauración demandaremos como parte dunha nova idea de cidade na que estamos comprometidos.

Porta de San Miguel, na muralla da Coruña, en estado de abandono / Xosé Troiano

2.2. PATRIMONIO CULTURAL CONSTRUÍDO.
2.2.1. A MURALLA BARROCA DO SISTEMA DEFENSIVO DA PRAZA FORTE.
2.2.2- AS CIMENTACIÓNS DA ANTIGA CADEA DA AUDIENCIA PROVINCIAL DO REINO DE GALICIA.
2.2.3. OS PASEOS DA DÁRSENA E DO PARROTE

2.2. 1.- A MURALLA BARROCA DO SISTEMA DEFENSIVO DA PRAZA FORTE NA MODIFICACIÓN DO PXOM -A Solana,
O documento a tramitación divide caprichosamente un elemento que pola súa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) debería ser considerado na súa condición patrimonial, estrutural, construtiva, histórica e cultural como ELEMENTO DE INTERESE PÚBLICO, FUNDAMENTAL Á HORA DE ADOPTAR DECISIÓNS EN CALQUERA ORDENACIÓN URBANÍSTICA.

Referímonos ao lenzo Sur da MURALLA BARROCA que se desprega no subsolo do Paseo do Parrote, ao longo de máis de 100 metros do que no seu día foi considerado LÍMITE da praza da forte e, posteriormente, o borde e soporte dos primeiros “Paseos” da cidade: PASEO DO PARROTE, PASEO DA DÁRSENA, abertos á baía sobre as infraestruturas cuxo uso militar se volvera obsoleto.

Este lenzo Sur das fortificacións (hoxe oculto), non é considerado na modificación puntual do PXOM, nin sequera como simple referencia a pesar da súa condición excepcional de Ben de Interese Cultural: a dobre condición de público ou privado e o uso global residencial declarados no texto e planos da Modificación obvian e ocultan esta presenza do Monumental, actitude esta que é incompatible co respecto ao Patrimonio Histórico Artístico da cidade e de Galicia, e máis aínda nunha cidade como A Coruña que foi arrasada nos últimos anos de todo resto que permita ler no seu texto a súa condición senlleira de Praza Forte “cabeza, chave e antemural do Reino de Galicia”.

O debuxo preciso deste elemento clave na historia da cidade, dende a Porta Real até a Porta do Parrote e no caso concreto que nos ocupa ao longo de toda a fronte do Paseo do Parrote, debería de constituír en si mesmo unha REFERENCIA, unha PRESENCIA, que máis aló do valor do propio elemento, permitira alcanzar a condición de PÚBLICO e MONUMENTAL a algo que sempre foi PÚBLICO E MONUMENTAL, aínda que a barbarie da ditadura, a desidia, e o abandono das institucións con competencias manteña oculto baixo capas de asfalto e de recheo.

O ELEMENTO e a súa Zona de Servidume ou Protección anexa a ambos os dous lados, característica da Enxeñería Militar dezaoitesca, deberían precisarse e influír decisivamente no trazado dunha liña que tanto o Plano nº 5 (03.usos globales del suelo PXOM modificado), como o Plano Nº 7, (06 Zonificación PXOM Modificación proposta), parecen ocultar.
Pois é precisamente na franxa de “uso global residencial” correspondente ao fronte de 100 metros de lonxitude dende a esquina do Hotel Finisterre-Porta do Mar do Parrote até onde remata a concesión da Solana (fronte a embocadura da rúa Tabernas) e que se pretende manter como “privado”, é precisamente aí onde DESAPARECE MISTERIOSAMENTE a LIÑA VERMELLA (.-.-.-) o denominado “CONTORNO DE PROTECCION” que si se debuxa tanto no trazado da muralla do resto do Paseo do Parrote, como na parte correspondente ao fronte da Dársena (esta, por certo, tamén oculta baixo o Paseo).

2.2.2 – A ANTIGA CADEA DA REAL AUDIENCIA DE GALICIA.
Non estamos a falar de calquera resto que puidera ser obviado polo descoñecemento ou a ignorancia. Existe abundante documentación gráfica e, sobre todo fotográfica, que nos mostra a singularidade deste edificio, único vestixio deste tipo na Galicia das Monarquías Absolutistas Españolas, debido á condición da cidade da Coruña como sede da Capitanía Xeral do Reino, sede da Real Audiencia, e Praza Forte dende o século XVII até mediados do século XIX.
Os seus muros perimetrais á baía construídos con mais de sete metros de altura sobre as rochas do areal do Parrote, móstranse con toda rotundidade nas imaxes fotográficas. A Muralla Barroca entre a Cadea e a Porta de Mar do Parrote son perfectamente identificables.

Como tamén o poden ser os trazados das cimentacións sobre as que se levantaron as fachadas Norte (a praza do Parrote), Leste (ao Paseo do Parrote) e Oeste (ao Paseo da Dársena). O Plano de Yáñez y Barón despexa tódalas dúbidas do seu preciso emprazamento até finais do século XIX, e a documentación militar do primeiro terzo do século XX, reafirma unha e outra vez a singularidade da edificación.

Singularidade que pode ser contrastada cos planos da propia edificación, que nos mostra o tipo edificatorio da represión, coa distribución interior, as celas cara á baía, o patio central e o alxibe subterráneo , que superposta aos planos actuais (Texto “Universidade e Cidade Histórica”. Proxecto Investigación . A Construción da Galiza Urbán. Xosé Lois Martínez Suárez 2010) nos reafirma até que punto aínda é posible facer emerxer as pegadas “do dezaoitesco” na cidade contemporánea.
Nada disto aparece nun documento da importancia da Modificación puntual do PXOM nunha pequena zona na que se encontran nas súas inmediacións os restos deste edificio.
Só cos debuxos citados poderíamos comprobar como a división de usos público-privado carece de todo rigor urbanístico.

Cárcere da Torre, na Coruña / coruneando.blogspot.com

2.2.3. OS PASEOS DA DÁRSENA E DO PARROTE.
Elementos que quedarán definitivamente truncados na súa condición orixinaria de “PASEO SOBRE MURALLAS” abertos á baía. Condición que a ditadura franquista secuestrou como un botín de guerra en beneficio dos vencedores, con iniciativas esbozadas en plena guerra civil e consolidadas na década dos anos 40 do século pasado.
Hoxe son practicamente ilexibles os antigos “paseos” da Dársena e do Parrote sobre as murallas da fortificación. Pero hoxe son aínda susceptibles de ser “reinterpretados” e recuperados, por e para unha sociedade civil, que adopta unha actitude superadora da exclusivista vision do tráfico rodado no viario de borde do centro como resposta do pensamento único hexemonizado pola cultura do automóbil. A posibilidade de Privatización co Uso Global Residencial, ao longo de 100 metros de lonxitude nos actuais Paseo da Dársena e do Parrote, fará xurdir iniciativas alonxadas da condición orixinaria e desgraciadamente propiciará a aparición das mesmas demandas en áreas similares da cidade.

3.- RECUPERACION DA MEMORIA HISTÓRICA.
Estase a traballar nun espazo no que a historia faise densa, a pouco que escarvemos a individualidade dos feitos urbanos están en sintonía coa singularidade formal do emprazamento, cos seus quebros e curvaturas, coa memoria histórica do que non é percibido a primeira vista, pero se fai presente no texto que a propia cidade constitúe.
Os elementos urbanos, que institucións e cidadanía adoptamos como referencias están ancorados a un pasado que pode ter cabida nunha cidade ilustrada.
Abrir portas á apropiación privada de parte destes referentes, nuns casos rachando a súa unidade construtiva-estrutural, noutro impedindo a súa emerxencia a través da súa interesada ocultación ou invisibilización durante longos meses de tramitación do expediente, entronca co discurso caduco da “vella casta política” que, a través dunha interesada e limitada visión “economicista” referida a parámetros presupostarios municipais, encubre aspectos esenciais da identidade da cidade.
E os instrumentos de planeamento xeral, sexan modificacións ou desenvolvementos puntuais, parciais, ou totais (e o actual documento se identifica cun destes niveis) deberán comezar por asumir a “complexidade” do urbano. Unha condición previa que será garantía de que o enunciado das preguntas se inscriba nun relato no que, a partir de “o común” como prioridade, podamos romper a estratexia hexemónica nas prácticas dominantes de amputacion fragmentaria da memoria, que vai conducindo á cidade e á cidadanía a un estadio de parálise e inhibición fronte a un futuro sen pasado.

A Coruña, 21 de agosto de 2017

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: