fbpx
Miliario romano en Cuntis / Concello de Cuntis

Queres coñecer os altares romanos indíxenas, os miliarios e as termas romanas de Cuntis?

Tempo de lectura: 2 min.

O vindeiro venres 11 de agosto terá lugar un interesante percurso por Cuntis que tentará sacar á luz os restos e o pasado romano desta vila e a figura dun dos protagonistas na recuperación do patrimonio arqueolóxico cuntiense, o médico balneario Manuel Xacobe Fernández Mariño (1784-1861).

Durante este roteiro abordarase a descuberta das aras ás ninfas, o achado doutros altares romanos de advocación indíxena, a localización de diversos restos de contrucións clásicas, as antigas instalacións balnearias (algunha atopada polo citado Manuel Xacobe Fernández Mariño) e os baños termais desa época, os miliarios, o tesouro de moedas atopadas na fonte denominada Lume de Deus, pontes, vías de comunicacións, necrópoles e outros feitos de interese da historia local. As explicacións serán dadas por Héitor Picallo, aínda que se buscará un formato que se afaste da típica conferencia: apostaremos –logo así– polo coloquio distendido entre interesadas e interesados a este tipo de temas.

Fonte da Burga en Cuntis, motivo dunha disputa entre concello e veciños / Concello de Cuntis

Baixo o lema Augas de Cultura, o Hotel Fonteverde –establecemento hostaleiro localizado en pleno casco histórico da vila do Baño, Cuntis– ofrece unha serie de roteiros polo municipio cuntiense totalmente gratuítos.

Reunidos na Rúa Bernardo Sagasta, ao pé do cruceiro de Roque (enfronte do Hotel Fonteverde), a iso das 20:30 horas comezará esta actividade para, dende alí, percorrer distintos recunchos do casco histórico da vila. O itinerario é o seguinte: Rúa Bernardo Sagasta, a zona da Ponte, Praza de Galicia, Rúa do Balneario, Praza do Ferrol e a Rúa do Medio, Praza das Árbores, Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, o adro da igrexa parroquial de Santa María dos Baños de Cuntis e rematarase nos Xardíns Municipais (ou “Horta do Cura”).

Tal e como se achegou, Cuntis na época romana é o tema central deste primeiro roteiro, o cal forma parte dun conxunto de roteiros que, dende este hotel, se desenvolverán ao longo do mes de agosto. “Con estas actividades pretendemos achegar alternativas culturais e de ocio dirixidas ás persoas que visitan o noso Concello e, así mesmo, aos veciños e veciñas interesados en coñecer un anaco da súa historia e riqueza arqueolóxica. Paralelamente, é outra das nosas metas colaborar na posta en valor do patrimonio cultural da vila do Baño”, apuntan nun comunicado.

Pode que che interese...