fbpx
Retrato de Ruth Matilda Anderson

Ruth Matilda Anderson, a americana que revolucionou Galicia en 1924 falando galego

Tempo de lectura: 3 min.

No ano 1924 desembarcaba no porto de Vigo Ruth Matilda Anderson, unha fotógrafa norteamericana de 29 anos que viña acompañada polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, e por un completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana. Un equipo fotográfico sen o que hoxe non se podería coñecer en imaxes unha Galicia que comezaba a abandonar xa a súa secular ruralidade e as súas formas de vida ancestrais para marchar a unhas cidades en expansión, tanto na propia Galicia, como na emigración.

Logo da sorpresa inicial dos aduaneiros, pai e filla iniciaron unha expedición de, aproximadamente, un ano para documentar a esencia de Galicia que procuraba Archer Milton Huntington, reflectindo o traballo de campo etnográfico e o académico, de modo que se amosase unha visión do estudo da cultura hispánica en todas as súas facetas. Para este propósito, Huntington recorreu á Clarence H. White School de fotografía na busca de profesionais que retratasen a España dos anos vinte, con dúas condicións en mente. A primeira, terían que ser mulleres, e a segunda, de relixión cristiá.

Mulleres retratadas por Ruth Matilda Anderson

Consonte o explicado polo conservador de The Hispanic Society of America, Patrick Lenaghan, este último condicionante podería responder, quizais, á “moral conservadora da época”. Deste xeito, no ano 1921 Ruth Matilda Anderson foi contratada como fotógrafa investigadora na Hispanic Society e en 1924 partiu para España no primeiro encargo de Huntington.

Acompañada polo seu pai, percorreu Galicia, aprendeu as linguas, castelá e galega, e os costumes, dirixiuse ás aldeas e falou coa xente. O seu trato tan próximo coas mulleres e homes de Galicia favoreceu que o seu traballo reflectise con tanto coidado e empatía a realidade galega dos anos vinte.

Exposición

E todo ese traballo pode agora verse na exposición “Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”, unha exposición impulsada por Afundación, Abanca e o Concello de Ribadeo, e na que se poderán ver numerosas fotografías de como era o noso país hai case cen anos.

E o certo é que os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A devandita exposición, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse ata o 26 de agosto no Forte San Damián de Ribadeo, de martes a domingo en horario de 11.30 a 13.30 h e de 18.30 a 20.30 h.

Moza da Costa da Morte retratada por Ruth Matilda Anderson

O Catálogo

Esta exposición vén acompañada da reedición do catálogo «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia» que, como sinala Miguel Ángel Escotet, «desde a publicación do libro en 2009, foron moitas as persoas e institucións interesadas nesta obra, que esgotou dúas tiraxes de imprenta sucesivas. […] A demanda do público mantívose constante, por iso, para satisfacela, emprendemos esta nova edición en colaboración con The Hispanic Society of America».

Articulado por máis de catrocentas cincuenta imaxes de Galicia, este libro constitúe un testemuño dun tempo xa desaparecido. Recolle, ademais, un completo corpus textual integrado polas anotacións da propia Ruth Matilda Anderson, un texto que ela concibira como un bosquexo para o libro que habería de publicar sobre Galicia e as cartas, diarios e anotacións do seu pai. Todos estes testemuños, que se presentan tanto na súa versión orixinal en inglés, como en traducións en galego e castelán, son un relato de primeira man da realidade, especialmente rural, da Galicia dos anos vinte.

Pode que che interese...