O Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra, será recuperado / pontevedraviva.com

O temor a unha traxedia activa o plan para recuperar o carballo sagrado e centenario de Mourente

O carballo de Santa Margarida, na parroquia de Santa María de Mourente, en Pontevedra, sería o derradeiro exemplar que queda dun bosque ancestral ao que as referencias denominan Carballeira dos Gafos ou Carballeira de Lázaro e que algúns autores relacionan cun antigo lucus ou bosque sagrado.

HdG xa se fixera eco dos perigos aos que se enfrontaba esta árbore senlleira que, agora, será posta en valor. Unha posta en valor que chega logo dun ano de desencontros entre as administracións tras o anuncio dun plan de recuperación de 200.000 euros por parte do concello e da deputación.

Un plan que foi presentado o pasado verán polos concelleiros de Pontevedra Luís Bará e Alberto Oubiña cunha consignación orzamentaria de 200.000 euros da deputación e do Concello de Pontevedra. Un plan que non se puxo en marcha, segundo o concello, por un “conflito de competencias” entre o Concello de Pontevedra, Deputación Provincial, Xunta de Galicia e a Igrexa, a través do Arcebispado de Santiago, a pesar de que o carballo está catalogado como árbore senllleira pola Xunta de Galicia e considerado como un ben cultural.

Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra / panoramio.com

Temor a unha traxedia

E por que agora?. Pois polo temor a que aconteza en Mourente unha traxedia como a que tivo lugar hais uns días en Madeira, cando unha enorme galla dun carballo centenario rachou matando a 13 persoas e ferindo a máis de medio cento.

Unha traxedia que puido reproducirse en Mourente, xa que unha galla de máis de 200 quilos tamén rachou o pasado 31 de xullo, aínda que, naquel momento, afortunadamente, non había ninguén ao redor da árbore.

Anova Terra, comuneiros de Mourente e os veciños de Santa Margarida xa tiñan protestado polo estado lamentable no que se atopaba este carballo e reclamaron que se activara o plan de recuperación.

Segundo este proxecto, o carballo require de medidas botánicas e arquitectónicas. As primeiras corresponderán aos técnicos da Estación Fitopatológica de Areeiro cunha poda selectiva das gallas. En canto ás medidas arquitectónicas, o concello propón levantar o pavimentado de formigón de hai máis de 40 anos e repor un perímetro de terra menos lesivo para as raíces da árbore. En cambio non se cuestiona pechar o tráfico da estrada contigua, como piden os ecoloxistas, senón construír unha especie de plataforma única para reducir a velocidade dos vehículos que circulen por alí.

O Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra, será recuperado / pontevedraviva.com

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: