Mámoa no leiraparquing do Hospital de Lugo ( HULA) / Lugonovo

Unha mámoa anterior á pirámide de Gizeh en perigo no “leiraparking” do Hospital de Lugo

Hai unha mámoa ameazada de desaparición no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA). O túmulo necrolóxico ameazado polas obras do “Leiraparking” está incluído no inventariado de xacementos  arqueolóxicos da Xunta xunto a cinco máis que forman a zona de protección do monte de San Cibrao. No caso concreto desta mámoa, trátase dun monumento recente (3000 a.c., en comparación cos 6000 a.c. do máis antigo) pero, en termos absolutos, anterior a necrópoles referenciais da humanidade como a pirámide de Gizeh en Exipto.

Por iso, a portavoz de Lugonovo Cristina Pérez reclama medidas de especial protección para este ben, ante a intención do Concello de Lugo de habilitar esta parcela municipal como aparcadoiro.

Esta formación reivindica o cumprimento efectivo da lei galega que delimita unha zona de protección integral neste tipo de xacementos que alcanza os 200 metros, fronte ao simple peche de madeira en perímetro de 5 metros que se propón dende o Concello. Ademais, a delegación de Lugonovo constatou a perigosidade para o túmulo do trafego continuado de vehículos por riba das zonas soterradas do mesmo, cuxas emisións e vibracións poden afectar seriamente ao monumento.

Mámoa en perigo no leiraparquing do Hospital de Lugo (HULA) / Lugonovo

Mellor xestión do patrimonio

“Pedimos que a equipa de goberno xestione mellor o noso patrimonio, especialmente o prerromano que se atopa fóra da cidade”  explicou a concelleira, quen lamentou tamén que “os gastos en tecnoloxía para turistas nos museos da cidade” non contemplen tamén medidas para evitar o “abandono destes xacementos exteriores”.

Por último, Lugonovo solicita cautela e especial coidado á hora de acometer unha obra que potencialmente causará estragos irreversíbeis nun xacemento histórico que xa Antonio Fraguas nos seus Cuadernos de Estudios Gallegos (1953) tiña identificado no artigo “Apuntamentos sobre mámoas”. Fraguas identificaba sete túmulos dos cales hoxe quedarían só seis.

As declaración foron realizadas durante a visita que unha delegación de Lugonovo realizou ao lugar en compañía do investigador e colaborador de HdG Xabier Moure. Durante a mesma constatouse a necesidade dunha zona de protección máis ampla dos cinco metros inicialmente previstos, especialmente na zona frontal da mámoa. Ademais, mediante a aplicación da figura de posta en valor que recolle a Lei de Patrimonio galega, Lugonovo propón que se coloque un panel informativo baixo que contextualice a mámoa e a súa datación histórica no conxunto do rico complexo megalítico de San Cibrao do cal forma parte.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

  • Nemigo

    cando se construiu o HULA a construtora tiña valado unha das mámoas, para previr danos. Agora xa se ve que non é cousa de ninguén

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: