fbpx
Igrexa de Angoares, en Ponteareas. Foi un antigo mosteiro visigodo construído nunha antiga vila romana / Galipedia

Viaxe a Angoares, a igrexa de orixe visigoda que se asenta sobre unha vila romana

Tempo de lectura: < 1 min.

Hai unha fermosa igrexa románica na comarca do Condado que ten unha longa historia. Longa, e descoñecida, porque a igrexa de Angoares é unha dos poucos vestixios visigodos que existen en Galicia.

Ten a súa orixe nun mosteiro visigodo situado sobre unha vila romana. Pero o actual templo é do século XII, de estilo románico e cun edificio de planta de cruz latina e testeiro recto. Por desgraza, a antiga fachada románica desapareceu logo dunha reforma feita en 1900.
Con todo, destaca a colección de canzorros antropomorfos e zoomorfos. Algunhas das personaxes esculpíronse sentados coas mans suxeitando a cabeza, como se estivesen meditando.

E este domingo os interesados en coñecer esta fermosa obra arquitectónica poderán facelo cunha visita guiada. A oficina municipal de Turismo de Ponteareas organiza unha visita a esta igrexa e unha andaina dende a ponte do Cabalón ata a desembocadura do río Uma. A visita dirixida a todo o público en xeral, comezará as 10,00 h. na Igrexa de Angoares e finalizará ás 14,00 h.

Tras a visita a igrexa partirase cara a ponte do Cabalón, de época medieval, e continuarase pola beira do río Uma ata a súa desembocadura no río Tea. Estes ríos forman parte dun Ecosistema de Interese Prioritario para a Unión Europea, o chamado “Bosque atlántico de aluvións de amieiros e freixos”. Durante o percorrido explicarase o ecosistema e diferenciaremos as especies que o integran tanto arbóreas e arbustivas (pradairo, amieiro, freixo, salgueiro) como do estrato herbáceo (fentos e lianas). A explicación medioambiental correrá a cargo e Marcelo Rodríguez de Faia Educación Ambiental.

Para mais información chamar á oficina de turismo (673 79 47 62 ou 672 10 54 68) ou enviar un e-mail a turismo@ponteareas.es

Pode que che interese...