fbpx
Cartel do Camiño de Santiago / Laredo turismo

A Xunta insiste en converter os camiños a Santiago no centro do turismo en Galicia

Tempo de lectura: < 1 min.

Rutas gastronómicas no Camiño. Esa é última proposta realizada pola Xunta para impulsar o turismo desestacional. Por iso, Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés asinaron un acordo para crear unha ruta gastronómica neste itinerario xacobeo. Gracias a este acordo, os 11 municipios que compoñen esta mancomunidade organizarán, nas fins de semana dos meses de outubro a xaneiro, xornadas gastronómicas cos seus diferentes produtos locais como protagonistas.

Nas xornadas gastronómicas propostas, promoveranse, entre outros produtos, o queixo do Cebreiro, o cocido, a carne de porco, o pan artesán, os biscoitos de Manxarín, os embutidos, o polbo, as anguías, o roscón de Pascoa, a tarta de Ancano, o augardente, o queixo Arzúa-Ulloa, os melindres, o capón ou o galo piñeiro. Todos eles son representativos dos concellos que forman parte da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial pola Unesco no ano 1993. Trátase do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino.

Esta acción terá lugar na temporada de menor afluencia de peregrinos, o que afonda na liña de traballo de desestacionalización do turismo. “Gracias a este convenio de colaboración, os peregrinos do Camiño Francés, que concentra o 60% dos camiñantes, poderán coñecer as singularidades da gastronomía de distintas zonas da Comunidade, o que, pola súa vez, servirá para dinamizar as economías locais e beneficiará distintos sectores dos 11 concellos”, apunta a Xunta.

O convenio terá vixencia ata 2020 e conta cunha achega por parte de Turismo de Galicia de preto de 287.000 euros. A maior parte destinarase á ruta gastronómica, pero haberá dúas actuacións máis encamiñadas a contribuír ao mantemento do Camiño Francés e á xestión e a mellora deste itinerario.

Pode que che interese...