fbpx
Recreación de como podería ser unha gran vila agrícola romana / Ayuntamiento de Buñol

Atopan unha vila romana inédita nas Nogais moi preto da Vía Romana XIX

Tempo de lectura: 4 min.

No pasado mes de maio de 2017, un home (omitimos o seu nome porque así nolo pediu) amosounos unha moeda que hai uns 50 anos lle regalaran uns homes de Ponferrada que andaban a buscar “cousas antigas” pola zona. Contounos que os viu, alomenos, noutras dúas ocasións e sempre marchaban cargados, segundo lembra, con restos de pezas de cerámica, moedas, etc. En arqueoloxía, as moedas son un elemento de moita importancia polo que poidan achegar para datar o contexto onde aparecen. Lamentablemente, a peza que nos amosou o noso informante, ademais de incompleta, tanto no anverso como no reverso as figuras e inscricións apenas se aprecian debido ao forte desgaste. Malia isto, daquelas xa conxecturamos que podería tratarse dunha moeda de bronce de época romana. Tamén nos contou que non moi lonxe apareceran tumbas feitas con laxas descubertas (e destruídas) ao arar a terra.

Ao longo deste tempo, en varias ocasións os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares peiteamos a zona onde, segundo o noso informante, os furtivos de Ponferrada atoparan o material. A zona xa non é o que era hai medio século, partes que se adicaban a cultivo son agora terras comidas pola maleza. A que si se continúa a utilizar en parte como terras de labor é onde apareceron as tumbas pero, a pesares de percorrelas metro a metro, non demos con indicio algún. Decidimos seguir coas nosas pescudas nunha área duns 200 metros cadrados, a máis chaira, situada entre dous pequenos cursos de auga e protexida dos ventos do norte, susceptible de acoller algún tipo de asentamento. E a sorte sorriunos.

Restos de tégula e moeda romana atopados na vila romana das Nogais / Xabier Moure

E apareceu a tégula

Entre a matogueira comezaron a aparecer anacos de tégula, pezas de barro cocido utilizada para cubrir os tellados. O nome de tegulae aplícase principalmente ás pezas deste tipo relativas á época romana, de forma plana cos bordos realzados para diferencialas dos ímbrices (tella de barro curva, alongada e acanalada). En total recollimos máis de 100 anacos (ningunha tella completa) esparexidas polo lugar, ademais de tres anacos de recipientes cerámicos distintos. E a poucos metros do regueiro a base dun muíño circular elaborado en granito. Os muíños circulares compoñíanse dunha base (como a que atopamos) cunha parte superior cónica, denominada meta, sobre a que se colocaba unha peza superior, chamada catillus, de forma bitroncocónica. Facíase funcionar de forma manual facendo rotar a moa sobre a base a través dunha peza de madeira colocada nun engarce tallado no bordo da peza superior. O cereal era introducido polo orificio da moa que era triturado e expulsado por entre ambas as dúas pezas. Aínda que xa era coñecido na Gallaecia, o seu uso espallouse despois da chegada dos romanos.

Polo de agora, e para evitar actuacións non desexadas por parte de posibles desaprensivos, non facemos pública a ubicación exacta do xacemento, só o poremos en coñecemento de Patrimonio a quen tamén lle faremos entrega de todo o material atopado. O que si podemos adiantar é que está no concello das Nogais, pero só a uns poucos centos de metros dos concellos de Becerreá e Cervantes e a menos dun quilómetro da vía romana XIX que atravesaba este último municipio e a pouco máis de 1,5 quilómetros das Pontes de Gatín, en Becerreá, onde, segundo o Itinerario de Antonino (redactado entre o 196 e o 217 d. C. onde aparecen 372 rutas do Imperio Romano das que tres corresponden a Galicia: vías XVIII, XIX e XX) podería estar ubicada a mansión romana de Ponte Neviae. A mansión, mansio viarium, era unha construción situada a intervalos regulares nas vías ou calzadas; utilizábase como lugar de descanso, relevo de cabalos, correos, etc., marcando o final dunha etapa. O citado Itinerario nomea dúas mansións na comarca dos Ancares, esta de Ponte Neviae e a de Timalinus, en Baralla.

Muíño circular atopado nunha vila romana nas Nogais / Xabier Moure

E para que podería ser?

Cremos que este asentamento que vimos de localizar podería tratarse dunha vila agrícola de época romana. Cando os romanos comezan a asentarse militarmente no territorio, obrigan aos habitantes dos castros a abandonalos e a establecerse nos vales que é cando aparecen as villae ligadas ás explotación agrícolas.

Descoñecemos se aínda se conserva algún tipo de estrutura habitacional, pode que as pedras que formaran a construción ou construcións se atopen tapadas ou que foran reaproveitadas posteriormente, como adoita acontecer, en muros ou casas. Cando lle entreguemos o informe e as pezas a Patrimonio ímoslle solicitar que nos permita realizar unhas catas para localizar posibles restos.

O que tamén nos chama a atención é que os furtivos de Ponferrada buscaran neste sitio polo que é probable que algún veciño os informara previamente da aparición de distintos restos arqueolóxicos, máis tendo en conta que o sitio, como dixemos máis arriba, atópase a tiro de pedra da vía romana XIX e de Ponte Neviae onde, teoricamente, estaría a ata o de agora a non atopada mansión do Itinerario de Antonino, foi o que os levou ata alí.

Na comarca dos Ancares apareceron restos de vilas romanas no Agro de Pedreda (desparecida) e Quintela (Baralla), en estado total de abandono. En Vilarín, na parroquia de Ouselle (Becerreá), tamén desaparecida, atopouse un friso do século II d. C. onde aparece en relevo unha vaca, un touro e un cuxo que se custodia no Museo Provincial de Lugo. En Navia de Suarna, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares temos localizadas outras dúas posibles vilas de época romana onde apareceron varios muíños circulares e fragmentos cerámicos. Pero disto aínda queda moito por facer.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...