fbpx
Ribeira Sacra Paisaxe de Galicia / galiciaunica.es
Paisaxe do Miño na Ribeira Sacra / galiciaunica.es

O Ben de Interese Cultural máis extenso de Galicia terá 17.000 hectáreas

Tempo de lectura: 3 min.

Máis de 17.300 hectáreas , 306 quilómetros, 21concellos de dúas provincias, 86 parroquias e 171 núcleos de poboación. Iso é o que abarcará o Ben de Interese Cultural (BIC) máis grande de Galicia. Un procedemento que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de iniciar para que toda a Ribeira Sacra sexa protexida.

O Consello da Xunta coñeceu este xoveso cronograma de delimitación do ben, o paso previo antes de comezar coas reunións de traballo cos diferentes axentes implicados e coa incoación do expediente, prevista para decembro deste ano. Tras a procedente exposición pública e período de alegacións, o departamento de Cultura do Goberno galego prevé aprobar a declaración a finais de 2018.

Tres categorías dentro da delimitación

Cómpre resaltar que a delimitación da paisaxe cultural Ribeira Sacra engloba tres categorías diferentes: o propio límite do BIC (fixado nun trazado que nace do espazo das ribeiras do Miño e o Sil no seu punto de encontro, e inclúe os BIC existentes), os fitos exteriores ou exoámbitos (que, aínda fóra do límite do BIC, contribúen a definir os valores extraordinarios da Ribeira Sacra) e a área de amortecemento, que non terá consideración de ben de interese cultural.

Aínda que a delimitación desta paisaxe como BIC inclúe todo o ámbito que se considera necesario protexer, cada unha destas categorías terá un nivel de protección distinto e vinculado cos seus valores patrimoniais e naturais.

Paixase da Ribeira Sacra / turismo.gal

En concreto, na área de BIC, a protección terá por obxecto garantir os valores que o fan merecente da excepcionalidade. Deste xeito, quedarán sometidas a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural as actuacións nos bens que conten cunha protección singularizada (intra-ámbitos) e os seus contornos de protección, así como os proxectos de obras de novas infraestruturas, instalacións e construcións que se localicen no ámbito delimitado. Así mesmo, conservaranse os socalcos tradicionais, polo que as actuacións que poidan supoñer a súa modificación deberán someterse a unha autorización previa da Dirección.

No caso da área de amortecemento estarán sometidas a autorización as grandes infraestruturas que poidan supoñer modificacións da paisaxe cultural, mentres que en relación cos exoámbitos, someterase a autorización da Dirección Xeral segundo o réxime establecido na lei para os monumentos, zonas arqueolóxicas ou lugares de valor etnolóxico.

Pola súa banda, queda fóra do ámbito de autorizacións a actividade agrícola, tanto de viñedos como doutras producións tradicionais do ámbito (castiñeiros, oliveiras, froiteiras, etc..) sempre que non supoñan modificación dos socalcos tradicionais. E tamén os traballos de mantemento e conservación de todos os elementos relacionados coas propias actividades da viticultura, incluídos os sistemas de mecanización existentes compatibles cos socalcos tradicionais.

Bens de interese cultural

Dentro da Paisaxe Cultural Ribeira Sacra hai unha serie de elementos singulares con protección BIC, xa declarados ou en proceso. Na zona intra-ámbitos -dentro do límite do BIC- contabilízanse un total 17 bens de interese cultural (entre xa declarados ou en fase de declaración), mentres que os exoámbitos suman outros 17.

A área delimitada no ámbito concreto da proposta do BIC (límite do BIC e exoámbitos) abarca máis de 17.300 hectáreas, 306 quilómetros, 21 concellos, 86 parroquias e 171 núcleos de poboación.

Pena do Castelo, na Ribeira Sacra / Senderismo Galego

En concreto, os 21 concellos son: A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo.

Cómpre resaltar que a superficie protexida do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra é practicamente idéntica que a do Camiño do Norte, e lixeiramente superior á do Camiño Francés. En todo caso, é moi inferior á da área da denominación de orixe Ribeira Sacra.

Valores

A delimitación do BIC parte do recoñecemento de tres valores fundamentais: naturais, culturais e mixtos. Naturais debido á combinación de factores climáticos, xeomorfolóxicos, acuáticos e biolóxicos da zona; e culturais polos numerosos elementos relixiosos, seculares e etnolóxicos, así como pola propia toponimia local. En terceiro lugar, os valores mixtos reflicten a interacción do home coa natureza na construción deste territorio.

Para abarcar os tres grupos de valores principais tivéronse en conta criterios xeomorfolóxicos dos canóns e dos seus afluentes principais, abarcando ribeiras e bordes da bocarribeira. Así mesmo, tamén se tomaron en consideración os bens de interese cultural existentes, máis aqueles de valor extraordinario, e as súas contornas; así como a construción do territorio en socalcos, que na súa maioría se atopan nas ladeiras con máximas pendentes.

Pode que che interese...