O militar José María de Borbón, que asasinou a súa muller

Cando a filla dun labrego galego que chegou a princesa soubo dos crimes do seu sogro Borbón

Tempo de lectura: 7 min.

Retomamos a historia do entronque de certa póla da familia real española dos Borbón con aqueloutra humilde familia rural de Cuntis, da que xa demos conta en Historia de Galicia –e a xeito de preámbulo deste capítulo– coas nupcias dos sogros de María das Dores Campos Guerra, a saber: María Luisa de Rich y Carbajo e José María Enrique Alberto de Borbón y de la Torre. Ela –que é filla do Tenente Coronel Narciso de Rich y Martínez e Estrella Carbajo y Gómez de Terán– e el –que o é do Xeneral de División Francisco de Paula de Borbón y Castellví (que fora deputado a cortes por Barcelona) e de María Luísa de la Torre Bassavé– contraen matrimonio no ano 1909. En El Álbum Ibero-americano, na súa edición do 30 de xuño, recóllese este feito e indícase que a cerimonia relixiosa ten lugar nos Xerónimos de Madrid. A parella, de seguro, baixa pola mesma escalinata que en 1905 se constrúe ex profeso para a voda de Afonso XIII e a escocesa Victoria Eugenia de Battenberg (que acontece o 31 de maio de 1906). Reproducimos, ao pé da letra, a nova de prensa que sobre o matrimonio Borbón-Rich trae a devandita publicación:

“Se ha verificado en el templo de San Jerónimo el Real el matrimonio de la bella señorita María Luisa de Rich con el ilustre oficial del regimiento del Rey D. José María de Borbón, tan conocido en los círculos de la Corte. Apadrinaron a los contrayentes la elegante señora de Rich, madre de la novia, y D. Francisco M. de Borbón, hermano del novio, y fueron testigos los Sres. Narciso Rich, Alberto de Borbón, González Conde, Oltra y el Marqués de Villamantilla de Paredes. La ceremonia religiosa se verificó en familia”.

Sinatura de José María Enrique Alberto de Borbón
y de la Torre

Dezasete anos máis tarde e un día antes

Pasado o tempo, o futuro cónxuxe daquela filla dun labrego de Cuntis, María das Dores Campos Guerra –Alberto José de Borbón y Rich– padece un tráxico e dolorosísimo drama familiar, cando aínda é un cativo de nove anos. Daquela o fogar está instalado no número 4 da rúa madrileña de Andrés Mellado, concretamente, no segundo esquerda do inmoble. O seu pai, José María de Borbón, curmán segundo de Afonso XIII, conta con 42 anos de idade e, no exercicio das armas, goza do rango de Tenente Coronel de Infantería, afecto á aviación. A nai de Alberto, María Luisa, aínda non ten cumpridos os 36.

José María de Borbón y de
la Torre / http://geneall.net

Días antes do fatídico suceso, José María comenta cos seus compañeiros que ten a intención de abandonar o exército e, así mesmo, botarse ao mar e coller rumbo cara a Illa de Cuba, onde nacera a súa nai a mediados do século pasado. Por iso –disque– está a tramitar con urxencia o pasaporte.

Un día na rúa Andrés Mellado

O almanaque indica que xa é 5 de febreiro de 1926, tempo no que aínda recende a pólvora que deixara tras de si Primo de Rivera no Desastre de Annual, naquela África ferida que tantos recordos e medallas lle dera a José María de Borbón.

O reloxo anuncia as 15:30 e a nai e os dous fillos cativos xa están prontos para rematar o xantar. Beatriz, ten seis anos e Álvaro catro. Segundo aseguran algunhas crónicas (outras sinalan que a familia está toda reunida), fican ausentes: José Luis de 15 anos (pois é cadete de Infantería na Academia Militar de Toledo); Carlos Luís e Alberto José, de 10 e 9 anos, respectivamente, que residen nun internado; e Beatriz, de 8 anos, que vive cuns parentes. Tamén falta Fernando, pero esta crianza xa morrera en 1914 con tan só oito meses de idade.

Todo asemella un día coma outro calquera, e o persoal de servizo tamén está na casa, entre eles as “serventes”: Trinidad García e Ramona Rivas. O pai de familia, axudante daquela do Xeneral Zabalza, e procedente como de costume do aeroporto de Cuatro Vientos entra con moitos aires no fogar á hora sinalada –segundo recolle o xornal galego La Zarpa. Alí atopa a familia rematando de xantar, e este motivo –“de no haberlo esperado para comer”– propicia unha violenta discusión no matrimonio. O Borbón avisa ao servizo para que se recolla cos cativos e, entrementres, vai coa súa muller cara ao cuarto de baño. Alí continúa a discusión, acalorada. Mais esta non é excepcional, pois verbo do que trae o ABC deses días, María Luisa padece “grandes y continuos disgustos”, razón pola que se atopa “enfermiza, delgadísima y con ánimo muy entristecido”. Quizais para buscar unha saída no labirinto de infortunios e dar conta da situación que vive e padece, visita “con frecuencia a sus parientes y a la familia de su marido, escuchando de todos los labios palabras que se traducían en consejos de resignación y paciencia”, pois o tenente coronel mudara a súa conduta había algún tempo, “mostrándose violento en sus relaciones familiares”.

Árbore familiar de María das Dores Campos Guerra e
Alberto José Luis Borbón y Rich / Héitor Picallo

Continuando coa narración dos feitos, e segundo nos trae o xornal obreirista La Libertad (de Madrid), logo reproducido por Antonio Maestre en 2013, “María Luisa salió al pasillo con el propósito de ganar la puerta que comunica con la escalera”. O Borbón desenfunda a pistola e un par de proxectís (das catro, tres ou dúas balas que lle dispara polas costas, dependendo do xornal que consultemos) alcanza á asustada muller.

O balbordo que ocasiona, evidentemente, atrae e altera non só aos inquilinos da vivenda, senón tamén a diversos veciños dos edificios próximos, ao porteiro e a varios transeúntes. Baixo ordes do Borbón, unha das mulleres de servizo corre a avisar a un médico e, de aí a pouco, entra “una pareja de guardias, a la que el agresor entregó la pistola con la que había disparado”. Apresurados acoden os pais da vítima e o seu irmán, Narciso de Rich y Carbajo, e tamén o doutor Alfonso, da Casa de Socorro de Chamberí, que nada máis recoñecer a vítima comproba que xa falecera –como nos trae El Correo Gallego, de Ferrol– “sin recibir los auxilios de la Religión ni los de la Ciencia”.

Xuízo e silencio…

O xuíz militar de garda ordena que José María de Borbón sexa levado á prisión militar e –segundo La Zarpa– “quedó incomunicado”. Polo ano 1927 lévase con certa dilixencia o proceso, e incóase a causa contra o tenente por parricidio. Esta iníciase no Xulgado de Instrución da Capitanía Xeneral da Primeira Rexión, praza de Madrid; mais o 30 de agosto de 1931 prodúcese inhibición a favor da xurisdición ordinaria (en base aos Decretos de Lei do 11 de maio e 2 de xuño de 1931). Nese instante o sumario deriva cara a Audiencia Provincial madrileña para ser resolto, mais debemos facer fincapé nun asunto de capital importancia para entender en amplitude o acontecido. Ao expediente –que se conserva no Archivo Histórico Nacional, na documentación da Sala do Criminal da Audiencia Provincial– úneselle un informe psiquiátrico que asina –sen lle tremelicar o pulso– o doutor Antonio Vallejo-Nájera Lobón, daquela profesor na Academia de Sanidade Militar.

Francisco de Paula de Borbón y de la Torre,
consorte da IV Duquesa de Sevilla

Cómpre informar que este reputado médico, simpatizante do nazismo, foi quen de afirmar (e publicar) sen vergonza e pudor que os republicanos –e máis concretamente os marxistas– gozaban dunha manifesta inferioridade mental. Sen reprimir a súa misoxinia e gabándose da súa fobia ás concepcións de esquerda, opina que nas mulleres republicanas hai certos indicadores que coinciden cos nenos e os animais… Pois este é o “personaxe” (reputado catedrático e futuro franquista) que emite un informe que favorece en alto grao ao parricida. Que conste que o mesmo día do crime un irmán do asasino se pon en contacto coa prensa e, ademais de alardear das virtudes da falecida súa cuñada, atribúe a traxedia a un “extravío mental del teniente coronel Borbón, que hace algún tiempo daba muestras, por sus rarezas y genialidades, de hallarse perturbado”.

Na República… e despois

Así e todo, pasou o tempo, discorre o silencio e ao asasino non lle acontece nada, ren de ren. Só lle fixeron compaña as reixas durante unha breve estadía nos anos da República, detido –segundo as nosas pescudas– e trasladado ao cárcere de Porlier por ser este militar “pariente del ex-rey detenido por sospechar fuera enemigo del régimen”. Segundo el mesmo fai constar no xuízo, celebrado en xuño de 1937, fora arrestado “en su domicilio el día vientisiete de Agosto último, por unas milicias comunistas de la Calle de San Bernardo, los cuales le juzgaron y le dejaron en libertad, y que en esta cárcel de Porlier lo juzgó un tribunal el día diez y seis de Noviembre último, y otro el día seis de Enero, y ambos le dijeron que quedaba en libertad”. Abertas as cancelas do presido, durante a República o parricida vive coa súa cruz (e se cadra tamén calvario), na compaña dunha muller de servizo no número 63 da “Calle de Diego de León”; logo –a corpo de rei– estombállase nun palacete do Paseo de Rosales, con porteiro e nove criados. Ah!, e tamén convive cos seus fillos, entre eles o inquedo e revolucionario Alberto. Os nenos, axiña mozos, orfos de cariño materno, pasean polos corredores cunha bandada de interrogantes no maxín, mentres albiscan entre as sombras as derrotadas admiracións…

Absolto polos tribunais republicanos verbo das sospeitas políticas que tiñan del, José María de Borbón continúa a súa vida até os 78 anos. E velaquí esta dolorosa historia –que non completa– do sogro daquela nena labrega de Cuntis que un día soñou con ser princesa… e quizais –dende os ollos dun republicano tamén descendente de labregas e canteiros– dalgún xeito así o foi.

http://karrapucho2.blogspot.com.es/

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Investigador, escritor e ilustrador. Autor do blog https://karrapucho2.blogspot.com.es/

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: