Largo Caballero rodeado de milicianos durante a Guerra Civil

O canteiro asasinado por liderar aos 50 obreiros que quixeron conquistar Santiago

Xohán Xesús González Fernández, naceu en Sebil, parroquia de Cequeril, o 9 de novembro de 1895 e finou en Santiago de Compostela o 12 de setembro de 1936. Foi un mestre, xornalista, avogado, escritor e político. E morreu asasinado no 36 por defender o ideario republicano. Hai uns meses O Fervedoiro presentaba ‘Verbo na arraia”, tal e como xa demos conta en HdG, un libro sobre a vida deste activista republicano asasinado no 36. E, agora, preséntase ‘O canteiro de Sebil’, documental sobre a súa figura que se estreará no mes de outubro.

Logo de meses de traballo, o documental producido polo Quinteiro do Umia sobre a figura do cuntiense Xohán Xesús González verá a luz o vindeiro mes de outubro e levará por título ‘O canteiro de Sebil’. A ollada colectiva a este mártir do 36 componse de testemuñas de biógrafos e familiares do canteiro e avogado de Sebil (Cuntis), moitas horas de gravación en distintas localizacións de Cuntis, Moraña e Santiago de Compostela e tarefas tanto de documentación como de recompilación das investigacións xa publicadas ata o momento.

“Trátase dun traballo de divulgación sen pretensións comerciais e coa aspiración de colaborar no traballo colectivo de recuperación da nosa memoria e posta en valor daquelas figuras que loitaron pola democracia, mesmo ata o extremo de perder a súa vida a mans do fascismo español”, apuntan desde Quinteiro do Umia.

Xohán Xesús González, activista republicano asasinado no 36

Canteiro, avogado, xornalista, político e…. Asasinado

Logo de traballar como canteiro en Cuntis, Xoán Xesús trasladouse a Compostela onde estudou dereito e gañou un nome no mundo do activismo político, sendo impulsor e fundador de numerosas iniciativas en practicamente todos os eidos: dende a docencia ao xornalismo pasando polos ámbitos culturais e mesmo sindicais. Tralo Golpe de Estado de 1936 púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo, coñecido como O Terzo de Calo, que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana. Naquel fatídico verán o cuntiense foi apreixado e permaneceu na prisión ata que o 12 de setembro foi fusilado en Boisaca.

O canteiro de Sebil súmase á puxanza de recoñecementos e homenaxes que nos últimos tempos diversas entidades e colectivos do seu Cuntis natal están a impulsar. Nos vindeiros días anunciaranse a data e o lugar exactos da estrea, que será na vila cuntiense. Despois desta primeira proxección, o documental percorrerá o País por unha chea de cidades e vilas para as que xa se está a traballar na programación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: