fbpx
Carlos Solla no coñecido como Marco do Vento, no Monte do Seixo

Carlos Solla, o bardo do Monte Máxico de Galicia: “Estase convertendo nun santuario pagán de primeira orde””

Tempo de lectura: 5 min.

Hai un monte en Galicia onde as pedras falan e o vento chora. É un lugar onde conviven os mouros, as bestas, menhires e santuarios sagrados. Un monte mítico, no que moitos ven un antigo santuario celta, e ao que aínda van os veciños de Cerdedo a falar cos seus mortos. É o Monte do Seixo.

Carlos Solla, o neto de Isolina da Raposeira, é o bardo deste espazo mítico; o Monte Seixo, no concello de Cerdedo. Un lugar máxico que garda historias lonxanas de profecías, mouras de loiros cabelos, do rato rabisaco e de galiñas de pitos de ouro.

Solla, un dos impulsores do colectivo Capitán Gosende, será o guía na andaina que este domingo organiza RUTAS DE HISTORIA e para á que aínda quedan algunhas prazas. (Os que xa están rexistrados recibirán un correo explicativo nos vindeiros días e os que queiran aínda están aínda a tempo na web).

Para quen non coñeza o monte do Seixo, dinos que o fai tan especial para ti?
O monte do Seixo preside a paisaxe da miña infancia e, roldando o ecuador da vida, a montaña segue erguéndose como fito de referencia dos meus valores persoais e literarios. Considero o monte do Seixo o meu couto lendario particular, porén, o Seixo non ten cancelas, é terra de ninguén e de todos. Secasí, carente de portelo ou caravilla, a montaña garda ben gardados os seus segredos e quen os queira aprender de primeira man deber facer o esforzo de subir ao alto. Os sabios das aldeas da contorna confiáronme no seu día un precioso cadal de coñecementos que eu, humildemente, procuro xestionar con prudencia e respecto.

O investigador e divulgador Carlos Solla / Galipedia

Que é o que veremos no roteiro deste domingo? 
O domingo faremos a ruta que eu denomino R1, é dicir, o itinerario Chan de Mamas-Portalén. De camiño visitaremos a necrópole neolítica de Chan de Mamas, asociada á lenda apocalíptica do Tecelán de Carballás; albiscaremos o Outeiro do Coto (cimeira da montaña, 1.015 m de altitude), o Outeiro da Cama e a Laxa Mosqueira (penedos vinculados á fertilidade humana e animal), as lagoas de Xestido, relacionadas co sacrificio da santa Mariña, advocación da montaña. Acadaremos o Almadraque de Pirocha, onde se escenifica unha das tres manifestacións da Moura, a Deusa Nai primixenia; a Trampa do Lobo, a Cruz do Seixo (ara solis) e, finalmente, Portalén (a porta do Outro Mundo) e o Marco do Vento, unha colosal pedrafita, fito de deslinde territorial que nos remonta á prerromanidade. Tan só percorreremos un dos oito itinerarios arqueomíticos que artellan a que bauticei como Montaña Máxica, inspirados no saber tradicional, oportunamente transmitido.

Un dos principais atractivos é Portalén. Que é?
Portalén é, como o seu nome indica, a porta ao Máis Alá, ao mundo dos mortos. Portalén abraia o visitante pola súa maxestosidade pétrea, mais, o valor da súa feitura singular viuse incrementado cando, grazas aos meus informantes, puiden localizar alí a soleira do Outro Mundo. No ano 2002 revelóuseme a existencia dun antigo ritual de carácter individual, privado, discreto, que consistía en atravesar o lintel de Portalén cadrando co mes de Santos (magosto) para, xa no Alén, demandar respostas ou consellos dos defuntos en troco dalgunha ofrenda. Quince anos despois das miñas primeiras publicacións, Portalén converteuse nun santuario pagán de primeira orde: os exvotos ateigan as súas regañas. Mantense viva (tamén actualizada) a tradición. A natureza discreta desta inveterada peregrinaxe quizais explique a ausencia de cristianización.

Que outros puntos destacarías da andaina? 
As visitas guiadas polo monte do Seixo teñen unha vertente cultural e outra reivindicativa. Cando guío os grupos de excursionistas (xa van máis de 3.000 persoas), valorizo o lugar presentándoo como un dos nosos montes sagrados e, ao tempo, denuncio a simonía perpetrada coa instalación no ano 2000 do parque eólico. Procuro que quen nos visita baixe da montaña convencido da inmensa riqueza patrimonial do Seixo e, asemade, reforzado na idea de non claudicar fronte aos que queren perpetuar para o noso país o status de colonia.

Todo o monte semella que é un espazo mítico, cheo de lendas e tradicións. Cal salientarías? 
Amais do abraiante aparato mitolóxico de Portalén, eu subliñaría a lenda do Tecelán de Carballás, o vello vedoiro que, xacando, prognosticou a ruína e abandono das aldeas. Que eu saiba, a profecía do Tecelán é a única que, por desgraza, se fixo realidade.

Portalén, a coñecida como unha porta o máis alá, no Monte do Seixo / Carlos Solla

E, agora, que relación hai entre os veciños da contorna e o monte do Seixo?
Magóame constatar que moitos dos meus informantes xa non están entre nós. Tempus fugit. En vida fixéronme chegar o seu agarimo por dar a coñecer o que moitos deles crían, por humildade, historias sen importancia. Tamén me amola a actitude dos que percorren o monte do Seixo sen baixar do coche, atraídos polo presunto atractivo do parque eólico e do encrucillado de pistas. Doce anos despois de inaugurados os roteiros da Montaña Máxica e guiadas, como dixen, máis de 3.000 persoas, o número de participantes censados nos concellos dos arredores cóntanse cos dedos das mans. Esta circunstancia anómala acha explicación na política de control que o caciquismo de agora e sempre exerce sobre a poboación local e no feito de denunciar con reiteración a desfeita patrimonial cometida coa construción do enxeño eléctrico. A instalación dos aeroxeradores e a súa nula repercusión na economía da bisbarra é unha das moitas mostras deste proceder caciquil.

Din que es o bardo do monte do Seixo, como coñeciches este lugar e por que te sentes tan unido a el?
O título de “bardo” lúzoo na lapela con honra e orgullo. Non sei se son merecente de tal distinción, mais, é certo que non aforrei esforzos para divulgar o saber recadado e para artellar naquel territorio unha alternativa cultural e de lecer sustentable. A casa familiar das Raposeiras érguese ao pé do monte do Seixo. É pois, unha referencia cotiá, íntima e perdurábel. Moito antes de ler a Cunqueiro, a miña avoa levoume da man pola Galgareta, pola costa do monte de Meilide arriba, e na súa compaña advertín o poder fabulador do noso pobo. A avoa Isolina e a súa arte de contar foron, en primeira instancia, as responsábeis da miña devoción pola montaña.

Que recomendacións lle fas á xente que se achegue o vindeiro domingo ao Monte do Seixo? 
Sempre comezo os roteiros pregándolles aos visitantes que fagan abstracción da chatarra eólica. O seu impacto é sobrecolledor, porén, a súa presenza é efémera. Debemos seguir loitando para que a integridade da montaña e do seu tesouro acaben impoñéndose á cobiza humana, á faciana escura do progreso. A maxia é unha arma incruenta, mais, poderosa e transformadora. Alén do desexo esperanzado, recoméndolles que teñan en conta a meteoroloxía, xa que botaremos a mañá por riba dos 970 m de altitude, agradecéndolles de antemán a súa presenza.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...