fbpx
Torre de Caldaloba / foto Xabier Moure

Cospeito di que quere restaurar Caldaloba, a última torre que resistiu ás tropas dos Reis Católicos

Tempo de lectura: 4 min.

A Torre de Caldaloba está en perigo de derrube tal e como xa informou Historia de Galicia. E non é un castelo calquera, a pesar da súa sinxeleza, e a súa situación no interior da provincia de Lugo, en Cospeito, ten un valor simbólico enorme. É o último gran castelo que se enfrontou, a finais do século XV, á todapoderosa maquinaria bélica dos Reis Católicos que levarían a cabo o que na historiografía romántica se coñece como “doma e castración do reino de Galicia”.

O castelo está nunha propiedade privada e foi erixido, sobre un primitivo castro, na época baixomedieval (Hervés dátaa no século XIII, e Vázquez Seijas no XIV). Nalgúns documentos tamén aparece citado como castelo de Vilaxoán. Levántase no Coto do Mato, un outeiro situado a 467 metros de altitude. Para construílo escolleron o emprazamento dun primitivo castro da Idade do Ferro, aproveitando os foxos que o defendían. Consérvase unha arruinada torre de 25 metros de altura, de planta cadrada, con 10 metros de lado e muros de máis de 2,5 metros de espesor, construída en pizarra e cadeirado de granito nas esquinas.

A torre de Caldaloba, en Cospeito, ameaza con derrubarse / Xabier Moure

Precisamente, e para evitar que un ben que atesoura tanta historia como este acabe caendo, un grupo de veciños encabezados por Óscar Rego Felpeto e Xabier Moure mantiveron o pasado mércores unha xuntanza co alcalde de Cospeito, Armando Castosa, para tentar buscar unha solución para a consolidación e posta en valor da torre de Caldaloba.

Despois de máis de unha hora de conversa, o rexedor comprometeuse a, “de forma inmediata”, limpar a maleza que invade o camiño que vai cara a torre e sinalización do acceso. Tamén a solicitar permiso a Patrimonio en Lugo para limpar a maleza que invade a torre e outros elementos defensivos (foxos e parapeitos).

Ademais, o alcalde dixo que se dirixirá á Dirección Xeral do Patrimonio en Santiago para tratar sobre a consolidación da torre e anunciou que iniciará conversas cos actuais propietarios da fortaleza para que pase a titularidade do Concello, ben sexa por unha cesión a longo prazo ou unha doazón.

Longa loita veciñal

Hai xustamente un ano, o 12 de agosto de 2016, un grupo de veciños dirixiu uns escritos ao Concello e aos grupos municipais con representación no mesmo alertando da deterioración e do estado total de abandono en que se atopa, tanto a fortaleza como o seu entorno.

A xa arruinada torre presenta, no seu conxunto, numerosos derrubes e gretas, ademais de estar invadida pola maleza. O camiño de acceso resulta practicamente intransitable pola falla de mantemento, con silveiras, toxos, ortigas, etc. que nin siquera permiten un mínimo achegamento. Non hai moito caeu unha das pranchas de metal que cubría a plataforma superior para protexela da humidade, desprendéronse algunhas pedras e algunhas gretas agrandáronse.

“Resulta incomprensible que o monumento máis emblemático do concello, declarado Monumento Nacional por decreto do 22 de abril de 1949 e Ben de Interese Cultural no 1994, se atope en tales condicións”, denuncia Xabier Moure. “Tamén lle falamos da necesidade de acometer uns elementais traballos de consolidación, limpeza da contorna e sinalización. A pesares da consolidación que se realizou a finais do pasado século XX, a ruína e o abandono apoderáronse do lugar”, engade.

Protección

Dentro do réxime xeral de protección do patrimonio histórico, as torres, castelos e pedras heráldicas obstentan o maior grao de protección (decreto do Ministerio de Educación Nacional de 1949, Lei do Patrimonio Histórico Español de 1985, e Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016).

No seu artigo 3, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia di que as entidades que integran a Administración local, en relación aos bens do patrimoni cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen a obriga de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural, debendo adoptar, en casos de emerxencia, como é este, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que viren a súa integridade ameazados, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran.

Tamén no artigo 32 refire que as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Ao tratarse dunha propiedade privada, o artigo 37 obriga aos titulares a comunicarlle á consellería competente calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

Situación de abandono na que se atopa a Torre de Caldaloba, a última que mantiveron os Pardo de Cela / Xabier Moure

Resistencia aos Reis Católicos

“Dixémolle ao alcalde que, aínda que non se trata da fortaleza máis espectacular de Galicia, si é unha das máis emblemáticas xa que foi o derradeiro baluarte da resistencia da nobreza galega en contra dos intereses e pretensións centralizadoras dos Reis Católicos”, suliña Moure. Entre os seus muros resistiron Constanza de Castro, filla do decapitado mariscal Pardo de Cela, e o seu marido Fernán Ares que se enfrontaron ao ataques do gobernador Diego López de Haro, enviado polo rei para poñer orde en terras galegas. A torre figura tamén no escudo de Cospeito.

Protección de mámoas

Na xuntanza co rexedor, os veciños tamén lle pediron que se poña en valor a necrópole megalítica do período Neolítico da Millarada formada por 32 mámoas e onde levan aparecido machados, aixolas, trapecios de sílex e outras pezas que formaban parte do enxoval funerario dos enterramentos. Gran parte deste material custódiase no Museo Provincial de Lugo. “Este tema da necrópole e outros tratarémolo en próximas reunións”, destaca Xabier Moure.

“Saímos esperanzados da reunión co alcalde que en todo momento se mostrou sensible e disposto a axilizar as xestións para a limpeza, sinalización e consolidación da torre, ademais de poñer todos os medios para que pase ao Concello. Tamén quedamos en facer de forma conxunta un seguimento dos traballos, mesmo nos invitou a acompañalo nas reunións que manteña con outras administracións e cos propietarios da torre”, conclúe.

Pode que che interese...