fbpx
Portalén no solsticio de inverno / O embigo do becho

Coñece Portalén, a porta que conecta co mundo dos mortos

Tempo de lectura: 5 min.

Hai un lugar en Galicia que é máxico. Máxico porque conecta os vivos cos mortos e os mortos cos vivos. E máxico porque, a pesar de estar en pleno século XXI, trasládanos a unha época na que a vida e a morte eran irmáns e na que o home e a natureza estaban fundidas de tal xeito que non se podía entender o mundo sen coñecer o territorio.

E ese lugar máxico, de vida e de morte, é o Monte do Seixo. Un lugar no que as pedras falan cos vivos e os vivos cos mortos. O vento xoga e marca o tempo do máis alá. Hai unha cadeira para o rei, un altar de pedra, un camiño de pitas e mouros, un menhir que divide lugares e tempos, un chan con tres lagoas e mámoas que delimitan espazos fantásticos onde o real se mestura co fantástico.

Pero, sen dúbida, se algo marca todo este lugar cargado de simbolismo é Portalén, a porta ao mundo dos mortos. Un conxunto pétreo que se abre a través dunha porta simbólica de pedra e á que as xentes do lugar atribúenlle poderes de verdadeiro oráculo, ademais de porta dimensional. “Segundo a crenza, esta porta permite o paso ó reino dos mortos, á terra dos defuntos”, sinala Carlos Solla, un auténtico bardo do Monte do Seixo con quen percorremos este espazo o pasado domingo na primeira das andainas de Rutas de Historia, o proxecto que coordina este portal para coñecer o noso patrimonio.

A Cruz do Monte Seixo durante a visita realizada por Rutas de Historia

A entrada ao máis alá

Para que os vivos poidan falar cos mortos, hai que cruzar Portalén de leste a oeste e regresar ó noso mundo desandando os pasos e nunca saíndo do espazo ritual, pois do contrario a alma da persoa quedaría atrapada no outro lado. No lado dos defuntos. Pero para falar con eles, os vivos teñen que levarlle unha pequena ofrenda en forma de alimento ou candeas. “O que cada un vive aí son experiencias persoais que non se deben contar. Aquel que as revele queda rouco de voz para a fin dos días”, subliña Solla, que ten escrito varios libros sobre a mitoloxía deste lugar.

As case 70 persoas que acudiron a este primeiro roteiro decidiron entrar e falar cos seus mortos. Ceremoniosas, reflexivas e mesmo temerosas do que ían atopar no máis alá. Acompañanos o bardo Solla, que dirixe o ritual. Todos queren saber que senten os outros, pero prefiren non falar. O que cadaquén falou cos seus mortos ten que quedar en segredo. É a lei de Portalén.

Esta gran pedra máxica estase convertendo nun santuario pagán. Agora non son poucos os exvotos que xente anónima vai deixando nos acubillos da rocha. Candeas, prendas de roupa e ata estranos amuletos. Xeitos de vivir unha relixiosidade que quizais Portalén non entenda ben. Non entenda ben porque para sentir realmente a maxia deste santuario hai que acudir na antiga festividade céltica do Samaín –do 31 de outubro ao 1 de novembro–, cando a xente da contorna subía ao Monte do Seixo para cumprir coa tradición e falar cos seus mortos. Nesa noite é cando os dous mundos, o dos vivos e o dos mortos, están máis preto e o contacto cos do Alén é máis efectivo.

Os case 70 participantes da andaina de Rutas de Historia diante de Portalén / J. Soto

O marco que divide o vento

Xusto ao pé de Portalén atópase “A legua do Santo“, un espazo no que en épocas antigas se celebraba unha feira vinculada ao oráculo pétreo e que está delimitado por un enorme menhir de 6 metros de alto. É o chamado “Marco do vento“, onde “chegan e dan volta todos os ventos”. Precisamente, esta pedra fincada marca o límite natural de catro freguesías da comarca e segundo Solla podería mesmo ser un punto de referencia que marcara antigos territorios na administración romana.

De feito, a zona onde se atopa esta pedra, perfectamente colocada, e moi preto de Portalén, coñécese como Feira Vella. “Aquí é onde se viña en épocas moi antigas a intercambiar cousas, a coñecerse e a divertirse. Viña xente dos antigos poboados de toda a contorna, quen sabe, quizais xa os castrexos viñan”, apunta Solla.

O certo é que a Feira Vella deixou de utilizarse xa en Época Medieval cando a Igrexa chantou unha capela coa advocación a Santa Mariña 500 metros máis arriba. E, desde entón, as feiras e xogos, xa cristianizados, pasaron a celebrarse na Feira Nova.

A néboa cae no Monte do Seixo

O “ara solis”

O Monte Seixo tamén ten outro espazo sagrado ao que só van os vivos para rendirlle tributo aos mortos e pedir por boas colleitas. É “A cruz do Seixo“, un pequeno santuario cun altar de pedra no que, aínda hoxe, se segue a dar misa. Unha auténtica “ara solis”, hoxe cristianizada. Segundo conta Solla, a pequena cavidade sobre a que está a cruz “contén unha grande acumulación de enerxía telúrica”.

Cada 25 de xullo os veciños soben o Santo Antón e diante do altar e da cruz, o cura bendí as terras e pide a intervención divina para garantir un clima propicio para as boas colleitas. Se a intervención non é adecuada, os veciños emprenden o camiño de volta co santo cabeza abaixo no caso de que a súa intervención non fose a adecuada.

Os muíños eólicos substituíron a tradicional paisaxe do Monte do Seixo

Seres míticos

Pero, ademais de cruces, altares e santuarios, o Monte Seixo garda, tamén, seres míticos. “No Castro ghrande, no interior da Oca Peneda, baixo tella e vigha de ouro, están a moura de loiros cabelos, o rato rabisaco e a ghaliña dos pitos de ouro”, conta Carlos Solla. E logo está un gran chan no que hai varias mámoas aliñadas e tres lagoas míticas; a Laghoa Pequena ou Laghoa da Muller Morta, Laghoa Media e a Laghoa Grande. E coronando o conxunto, a “Pedra Mosqueira“, á que acuden as bestas en peregrinaxe durante o verán para buscar ventos frescos. Un feito tan curioso e inexplicable que mesmo foi recollido polo Padre Sarmiento.

Desgraciadamente, todo este espazo quedou ferido de morte coa construción do segundo gran parque eólico que se fixo en Galicia. Eses grandes muíños cortaron o monte a navalladas e fixeron desaparecer espazos e lugares que formaban parte da alma da xente da contorna. Eses xigantes de ferro son, agora, molestas agullas nunha paisaxe mítica. Desde que instalaron o parque, moitos veciños deixaron de subir. “Cumpriuse a profecía do Tecelán de Carballás”, dicían. E cal é esa profecía…. “O día que o Monte do Seixo estea sementado de estradas e os homes cheguen a lúa, será a fin do mundo”. Efectivamente, a fin do mundo rural.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...