fbpx
Escavacións no castelo altomedieval de San Salvador dos Penedos, en Allariz / Duvi

Descubrindo os castellum da Alta Idade Media, os “séculos escuros” de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

Este luns, e por segundo ano consecutivo, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) volveron ao xacemento de San Salvador dos Penedos, no Concello de Allariz, para continuar profundando no seu coñecemento histórico. Durante dúas semanas, sete persoas baixo a dirección científica de Patricia Valle e Adolfo Fernández traballarán sobre o terreo realizando sondaxes tanto na necrópole como no castelo deste enclave altomedieval.

O xacemento, comentan os responsables da intervención arqueolóxica, trataríase dunha especie de “castellum”, fortalezas pequenas non habitacionais cunha función militar, non relixiosa, e de control do territorio, neste caso da vía de paso entre o val do Limia e o de Arnoia. Feitas en lugares de altura e fortificadas, estas construcións responderían a un momento de inestabilidade no territorio. A localización do Castelo de Mouresiños ou Castelo de Malpaso en San Salvador dos Penedos, engaden, non é casual, xa que nas ladeiras do val de Arnoia, lembran, “concéntrase a maior cantidade de restos da época altomedieval de Galicia”, na súa inmensa maioría construcións de culto cristián. A datación do castelo obxecto de estudo indican que estaría entre os séculos VIII e XI, un período que os arqueólogos consideran “séculos escuros” pola falla de estudos e de coñecemento desa época.

Dúas sepulturas no castelo

Os traballos levados a cabo o pasado ano polos técnicos e técnicas do Geaat e que nas dúas vindeiras semanas terán continuidade, permitiron que na plataforma inferior, na necrópole, trala limpeza arqueolóxica quedaran ao descuberto dúas sepulturas antropomorfas de arredor dun 1,80 cada unha delas e restos de construción antiga. Trataríase dunha pequena necrópole asociada ao uso do castelo na época altomedieval.

Traballos no castelo altomedieval de San Salvador dos Penedos, en Allariz / Duvi

Na plataforma superior, na anterior campaña conseguiron atopar restos pétreos de relevancia xa durante a limpeza. Deste xeito, ademais de descubrir e rexistrar os rebaixes, as escaleiras labradas na rocha e demais indicios da súa ocupación, deixouse ao descuberto a entrada sur da fortaleza, cuxa existencia xa se coñecía, e atopouse unha “impresionante” entrada norte, tamén de pedra, cunha anchura de 1,2 metros e curvatura no seu trazado. Tamén quedaron á vista estruturas do que se albisca como o posible torreón do castelo e o que parece un xogo medieval tallado nas rochas.

Descubrindo o Allariz Vello

A iniciativa enmárcase na estreita colaboración que desde hai varios anos une ao concello ourensán coa Universidade de Vigo en temas de investigación arqueolóxica, contando neste caso con financiamento da convocatoria INOU-17 do campus de Ourense e a Deputación Provincial e a colaboración do propio Concello de Allariz. Baixo o título Descubrindo o Allariz Vello. Revalorización patrimonial e paisaxista do xacemento do Castelo de Malpaso e a súa contorna, o proxecto, explican os seus responsables, continúa “tralos prometedores resultados obtidos o pasado ano”. O enclave, lembran, foi escollido para o seu estudo pola súa a priori “potencialidade enorme”, xa que nunca se escavara ata que tivo lugar a anterior campaña e “non hai xacementos deste tipo estudados en Galicia”, tal e como destaca Adolfo Fernández no xornal da Universidade de Vigo.

“A escavación deste ano terá lugar en dúas zonas. Por unha banda, na terraza inferior, onde o ano pasado se localizaron dúas tumbas escavadas na rocha, realizarase unha sondaxe destinada a encontrar novas estruturas, ben funerarias ou ben habitacionais. Na terraza superior continuarán os traballos arredor da porta sur, coa posibilidade de realizar unha nova sondaxe para intentar atopar outras estancias do castelo”, explica Patricia Valle sobre a intervención, que ten como responsable do traballo de campo a Alba Antía Rodríguez. Paralelamente á campaña de escavación levaranse a cabo tarefas de prospección na comarca para localizar novos elementos funerarios.

Pode que che interese...