fbpx
Fondos da familia Baltar sobre os anos 1810 e 1820, tras a invasión francesa de Galicia / Xunta

Doan importantes fondos para entender como foi a reconstrución de Galicia logo da invasión francesa

Tempo de lectura: 3 min.

O Arquivo do Reino de Galicia incorpora aos seus fondos documentais cinco libros de actas da Xunta Superior Provincial do Reino de Galicia e da Deputación Provincial de Galicia, datados entre os anos 1810 e 1820. Os manuscritos foron cedidos pola familia Baltar Tojo e teñen un gran valor patrimonial para a investigación histórica dos inicios do século XIX en Galicia.

De titularidade pública, estes libros de actas das primeiras institucións liberais de Galicia, permaneceron baixo a custodia da familia Baltar Tojo, de Santiago de Compostela, por herdanza familiar e foron atopados recentemente polo Museo do Pobo Galego, institución na que está depositada a Biblioteca Baltar desde 2009. Logo da descuberta, o Museo favoreceu a entrega dos libros ao Arquivo do Reino de Galicia, centro que custodia correspondencia, expedientes e contas vinculados coa actividade das xuntas e deputacións constituídas en Galicia durante a Guerra da Independencia e, de forma descontinua, en diferentes períodos do das primeiras décadas do XIX.

Deste xeito, con estes documentos da Xunta Superior de Subsidios, Armamento e Defensa do Reino de Galicia –reconstituída a comezos de 1810 tras a saída definitiva do Exército francés de Galicia– e da Deputación Provincial Única de Galicia, órgano que a substituíu en marzo de 1813, o arquivo vén completar os seus fondos relativos ás diversas xuntas e deputacións de Galicia no primeiro terzo do século XIX.

Doazón de Martínez Salazar en 1897

Os fondos que xa custodiaba o ARG sobre as diversas xuntas e deputacións constituídas en Galicia durante a Guerra da Independencia foran doados no ano 1897 por Andrés Martínez Salazar, o seu director, quen os atopara nun “almacén de víveres” da rúa de Panaderas da cidade da Coruña, en 1875. Este arquiveiro relata nun artigo publicado no xornal La Voz de Galicia, en 1908, como unha parte da documentación da primeira Xunta foi levada a Sevilla polo seu secretario, Manuel Acha de Patiño, pouco antes da toma da cidade da Coruña polos franceses, en 1809, e de alí a Cádiz, para rematar, moitos anos despois, logo de numerosas vicisitudes, no Arquivo Histórico Nacional, en Madrid.

Nun acto que contou coa participación dos irmáns Juan Ramón, Francisco Javier e Jaime Baltar Tojo, xunto con outros membros da familia; así como da directora do ARG, Carmen Prieto; e do presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou que os documentos tamén están accesibles na web de Galiciana, a través do Arquivo Dixital de Galicia, co fin de favorecer o acceso da cidadanía a estes documentos esenciais para o coñecemento da guerra da Independencia e da implantación do réxime liberal na nosa terra.

A Biblioteca Baltar

A familia Baltar ten unha destacada e constante presenza nos ámbitos científico e cultural de Galicia desde comezos do XIX. Neste século destaca a figura de José Baltar, farmacéutico e rexedor da vila de Padrón, ao igual que o seu sobriño, José Baltar. Este último é coñecido, ademais, pola súa amizade con Manuel Murguía e Rosalía de Castro, aos que lles deu apoio material en tempos de enfermidade e penuria.

Dentro das propiedades da Familia ten singular importancia a Biblioteca Baltar, fundada, probablemente, no século XVIII polos escribáns Lucas Baltar e polo seu fillo Francisco Baltar Mariño, pai do mencionado José Baltar. A biblioteca, que foi pasando polos descendentes da familia ata chegar á custodia de Ramón Baltar Domínguez, eminente cirurxián e intelectual, beneficiouse das achegas de diferentes membros: dos Baltar Abella, dos Baltar Santaló e dos Baltar Domínguez, cuxos descendentes a cederon ao Museo do Pobo Galego en maio do ano 2009.

Na parte xeral da biblioteca, que consta de máis de 18.000 volumes datados entre os séculos XV e XX, acháronse os libros de actas, que se presentan baixo as denominacións de [Libro de] actas de la Junta Superior Provincial del Reyno de Galicia desde su instalación en 22 de enero 1810 hasta el 31 de mayo siguiente, [Libro de] actas de la Junta Superior Provincial del Reyno de Galicia desde 1º de junio de 1810 hasta 30 de septiembre siguiente, [[Libro de] actas de la Junta Superior Provincial del Reyno de Galicia desde el 1º de octubre de 1810 hasta el 26 de abril de 1811, [Libro de] actas de la Junta Superior Provincial del Reyno de Galicia desde el 1 de mayo de 1812 hasta 8 de marzo de 1813 en que cesó e acta de instalación de la Diputación Provincial de Galicia en 9 de marzo de 1813.

 

Pode que che interese...