Castelo do Príncepe en Ameixenda, Cee

Por que se fala tanto do Pazo de Meirás de Franco e non do Castelo do Príncipe, tamén pechado?

Non é o Pazo de Meirás, pero o problema é o mesmo. Un magnate dos viños propietario do Castelo do Príncipe, ou Castelo de Ameixenda, en Cee, tampouco quere que a xente poida visitar esta fermosa fortaleza do século XVIII, a pesa de que está declarado como BIC.

A loita é a mesma que en Meirás, pero a diferencia é que non é tan mediatica. Non hai Francos polo medio. Con todo, iso non impide que a Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe continúe reclamando a súa apertura, alomenos durante 4 días ao mes como esixe a Lei 5/2016 para todos os Bens de Interese Cultural.

Este pasado domingo, esta entidade puxo, de novo, a mesa de recollida de sinaturas, na rúa. Unha petición que pide a reapertura do castelo. E alí asinaron veciños de Culleredo, Ourense, Compostela, Madrid ou Zaragoza. “Dado á grande afluencia de xente de fóra que non coñecía o que acontecía co Castelo do Príncipe utilizamos o caso do pazo de Meirás para ubicalos, xa que era moi similar”, destacou Pablo Álvarez en declaracións a QPC.

Pancartas piden a “renacionalización” do Casteloo do Príncipe, en Cee / QPC

Unha loita de máis de tres anos

Xa hai máis de tres anos, tal e como xa contamos en HdG, que se comezou a alzar a voz en Cee para tentar “nacionalizar” o Castelo do Príncipe. Durante este tempo, veciños e numerosos colectivos e asociación foron concienciándose da importancia deste ben patrimonial e o que pode supoñer para o propio concello e mesmo iniciaron unha recollida de sinaturas na plataforma Change.org baixo o lema “Castelo do Príncipe público xa”.

O “Castelo do Príncipe” de Ameixenda, é unha fortaleza levantada durante o reinado de Carlos III no século XVIII. A obra foi proxectada polo enxeñeiro Llovet e rematada por Carlos Lemaur. O seu propietario púxoo á venda por seis millóns de euros e non quere deixar que ninguén entre nel ata que non sexa vendido.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: