Alfonso XIII, emparentado coa filla dun canteiro de Lalín, Dolores Campos Guerra

A filla de canteiros de Cuntis que rematou como princesa de Borbón

Ben sabemos que este podería ser un bo material para os contos de Charles Perrault, ben tamén para unha novela histórica (de amor, xenerais, príncipes, honor, horror e sangue) ou incluso o alimento dunha prensa sensacionalista –insaciábel e pouco ética– amiga de meter o fociño en fogares alleos para promocionar os negocios da dor.

Santa María dos Baños de Cuntis: Igrexa na que se bautiza María das Dores Campos Guerra/ Héitor Picallo

E comezamos polo primeiro dos escenarios, pola vila de Cuntis e a súa parroquia homónima, que vive un gran desenvolvemento cultural, político, sindical e agrario durante o reinado de Alfonso XIII (1886-1931). Pois famosa é esta terra mercé do labor dos seus fillos canteiros que picaron con sacrificio unha pedra que –por distintos recunchos da xeografía galega pero tamén incluso da europea– quixo ser catedral, capela, muíño, fogar ou igrexa. Labregas e labregos, canteiros, lavandeiras que refregan a colada na beira do río, traballadoras do fogar e na familia, troiteiros do Umia e do Gallo, arrieiros (os menos) que soben cara ao Paraño… eses foron os oficios de vello nestas terra de augas quentes e de eidos e granito labrados, as ocupacións dos nosos maiores para traeren o sustento ás crianzas que na casa agardan por un carolo de pan. Mais por veces os cartos non chegan, e sobre todo cando un non é dono nin do fouciño co que cortar a herba dos prados, nin do alpendre para gando, nin do martelo co que fender os outeiros para elaborar perpiaños.

 

De labregos e canteiros

A primeira pista desta historia facilitouma o meu irmán Martiño, xa hai ben anos… e aínda que algunha vez tiña escoitado referencias ambiguas sobre o tema, esta tinguiuse sempre das pálidas cores dun silencio case absoluto. Alén diso, a historia desenvolve o seu primeiro capítulo na igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis (Pontevedra), cando unha rapaza labrega de 17 anos de idade, de nome Manuela Guerra Puente, natural da freguesía, se une en sacramento con Xosé Campos García, que lle leva pouco máis de nove anos e que procede da parroquia compostelá de San Froitoso. A cerimonia, presidida polo párroco cuntiense, Santiago Abuelo Lado (futuro coengo da cabido catedralicio compostelán), ten lugar na tarde dun sábado 7 de xuño de 1919. Xusto un ano despois nace a primeira filla desta parella, á que lle porán de nome María das Dores, e que vén ao mundo polo lugar de Piñeiros o 10 de xuño de 1920. Perante o xuíz municipal Antón Rivas Sueiro e o secretario Mario Blanco Torres (irmán do egrexio escritor do Orballo da Media Noite), a nena faise cuntiense de nacenza. Amalia, a irmá pequena, vénlle facer compaña ao ano seguinte (nace o 8 de outubro) e de seguro que han enredar nese lugar de Piñeiros, onde se albisca o val de Cuntis, asexa o Castro Sebil e serpea o río Gallo para se unir co Umia. Reproduzo aquí o asentamento de María das Dores no rexistro municipal:

Vivenda do lugar de Piñeiros (Cuntis) / Héitor Picallo

“En Cuntis, a las diez del día doce de junio de mil novecientos veinte, ante Don Antonio Rivas Sueiro, juez municipal, y Don Mario Blanco Torres, secretario, compareció José Campos García, de veintiocho años, empleado, natural de la ciudad de Santiago, domiciliado en la parroquia, voluntario se inscriba en el Registro Civil a una niña y declara: que nació en el lugar de Piñeiros, de esta parroquia, a las cuatro y media del día de anteayer. Que es hija legitima del declarante y de su esposa Manuela García Puente, de diez y ocho años, labradora, natural y vecina de esta parroquia. Que es nieta por linea paterna de José Campos Vázquez y Carmen García Andujar, naturales y vecinos de la ciudad de Santiago, y por la materna de Jesús Guerra, sin segundo, y Lucía Puente Sande, cantero y labradora, naturales esta del término de Conjo y aquel de esta parroquia, de la que son vecinos. Y que a la expresada niña se le puso el nombre de Dolores”.

Bautizan a nena na igrexa dos Baños e, semellante ao descrito no rexistro do Concello, isto é o que se sinala nos libros sacramentais (se ben difiren na data de nacemento, que aquí indica ter acontecido o día nove):

Partida de bautismo de María das Dores Campos Guerra / Héitor Picallo

“En la iglesia parroquial de Santa María de Cuntis, provincia de Pontevedra, en la tarde del día diez de Junio, año de mil novecientos veinte yo, el infraescripto cura párroco de la misma, bauticé solemnemente, puse los Santos Óleos y por nombre María de los Dolores a una niña que dijeron haber nacido a las cuatro de la mañana del día nueve en el lugar de Piñeiros, hija legítima de José Campos y su mujer Manuela Guerra, de dicho lugar. Abuelos paternos: José Campos Vázquez, Carme García Andújar. Abuelos maternos: Jesús Guerra (sin otro) y Lucía Puente Sande. Naturales el padre y abuelos paternos de San Froitoso de Santiago; la madre y abuelo materno de esta de Cuntis, y la abuela materna de Santa María de Conjo. Fueron padrinos José Arca Rodríguez y su muger Dolores Hervés, vecinos también de esta parroquia, a quienes advertí el parentesco espiritual y demás obligaciones que contrajeron, según el ritual Romano. Fueron testigos dichos padrinos y el Sacristán Manuel Suárez, y para que conste lo firmo en Cuntis, a la fecha indicada. Santiago Abuelo”.

Cinsenta muda de zapatos para camiñar por Madrid

Vemos que o avó cuntiense da nena é canteiro de oficio, como o deberon ser tantos antepasados maternos. Alén disto, logo de quedar demostrada a nacenza da cativa (pois hai quen a ten considerado natural da cidade herculina), cómpre fornecer a historia con datos de interese documental.

Ignóranse as razóns polas que María das Dores Campos Guerra chega a Madrid, como tamén se ía ou non acompañada dos seus proxenitores. De ser así, que é o máis seguro, algo ten que ver o feito de que a familia deba gañar o pan que aquí se lle resiste, pois o lume de moitos fogares pouco quenta neses anos e as cinsas apegábanse aos pés sen remedio. Con independencia desa cuestión e do calendario concreto no que acontece, a rapaza –xa muller completa– queda en estado en 1947 e, solteira, trae ao mundo o 11 de xaneiro a Enrique José, o vinculeiro. Un par de anos máis tarde xesta unha nova criatura, que lle nace nena, tamén en Madrid, o 6 de decembro de 1949.

O príncipe azul bate coa rapaza de Cuntis

Apuntamento marxinal na partida de bautismo de María das Dores Campos Guerra / Héitor Picallo

O descoñecido pai non pode agochar máis a paternidade destes dous fillos, polo que o 30 de xaneiro (e non no mes de marzo, como se indica nos libros parroquiais de Santa María dos Baños de Cuntis) María das Dores –tal fose o conto da Cinsenta– dende o barrio de Malasaña, achégase á praza das Maravillas vestida de novo, sobe ao altar do templo, deixa que lle poñan o aro nupcial e únese en sacramento ao seu príncipe azul. O nome daquel que agora a colle do brazo para saír pola porta principal da igrexa é Alberto José de Borbón y Rich. A cerimonia ten lugar en San Ildefonso, no mesmo templo no que anos atrás –impulsivos e sinlandeiros– contraen matrimonio Rosalía de Castro e Manuel Murguía (concretamente o 10 de outubro de 1858), como nos aseguran Aurora López e Andrés Pociña. Das alianzas de Dores e Alberto consérvase un apuntamento marxinal nun dos libros sacramentais da freguesía cuntiense, tal e como nos facilita o actual párroco, Xoán Carlos Martíñez Mariño. Nel indícase o que a continuación reproducimos literalmente:

“María Dolores Campos Guerra contrajo matrimonio con D. Alberto José Luis Fernando Victorino de Borbón Rich, el 30 de Marzo de 1950, en San Ildefonso de Madrid. Y lo firmo: S. Abuelo”.

Non é difícil intuír que o namorado, Alberto José de Borbón y Rich (1916-1997), é un nobre madrileño dedicado ás armas e fillo daquel polémico tenente coronel de infantería chamado José María de Borbón y de la Torre (1883-1962), curmán segundo de Alfonso XIII. Velaquí que a cativa de Cuntis, nada no lugar de Piñeiros, se una en alianza sacramental cun descendente de Carlos IV (de España), de Francisco I (das Dúas Sicilias), dos Duques de Cádiz e de Sevilla (grandes de España) e que garde parentescos próximos cos Marqueses de Santa Elena e con outros nobres de “sang bleu” da caste dos Bourbon.

Árbore familiar de María das Dores Campos Guerra e
Alberto José Luis Borbón y Rich / Héitor Picallo

A Alberto cualificámolo príncipe –non por capricho ou por lle dar unha tinguidura literaria a este humilde texto– senón porque, logo dunha arroutada (máis ou menos lóxica: Vive la République!), procure a nacionalidade francesa (en 1970), se faga chamar e Albert e busque ser príncipe nesa vella democracia (gañada na Bastilla). Porén, esa é outra historia que nos reservamos para futuras entregas.

Para rematar o capítulo que aquí traemos, fáisenos preciso sinalar que da proxenie de Dores e Alberto é esa nena que mencionamos liñas arriba e que nacera en decembro de 1949, á que bautizan –logo do casamento dos proxenitores– en meses sucesivos. Unha nova de prensa (que leva a data do 8 de febreiro de 1950) facilítanos os nomes da meniña –Beatriz Victoria Eugenia– e a identidade dos padriños –que son concretamente os seus tíos Beatriz de Borbón y Rich e Juan de Ricoy Pereira, este último natural de Cambados. Ao ano seguinte, a 19 de decembro, vén ao mundo –tamén pola cidade de Madrid– María Luísa Blanca María de los Dolores Borbón y Campos, da que son padriños de bautismo Isabel de Borbón de Barucci e Francisco de Borbón y Borbón (tíos da crianza e fillos da IV Duquesa de Sevilla). O último xermolo do matrimonio é Juan Carlos de Borbón y Campos, que nace ao pé do Atlántico, nomeadamente na cidade da Coruña o 28 de outubro de 1953.

E até aquí os primeiros bosquexos históricos desta árbore que naceu entre as pedras de Cuntis e as alcobas madrileñas, entre as cinsas dun fogar pobre e o luxo dunha vivenda aristocrática na España franquista.

 

Historia de Galicia xa publicou outro artigo sobre outra Borbón en Galicia: Jesusa Dorinda Borbón de Wattenberg

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Investigador, escritor e ilustrador. Autor do blog https://karrapucho2.blogspot.com.es/

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: