Manuel Gago nun das súas andainas para divulgar o patrimonio / https://hiveminer.com

Manuel Gago: “A Serra do Barbanza é un auténtico tesouro que aínda hoxendía segue a nos soprender”

Manuel Gago, profesor universitario, escritor, director de Cultura Galega e incansable divulgador a través do seu blog. Leva anos defendendo o patrimonio con numerosas e interesantes iniciativas para mentalizar á xente de que a nosa historia non só é un patrimonio natural e patrimonial, senón tamén económico.

Gago será o guía da vindeira ruta de Rutas de Historia que terá lugar este sábado polos dominios de Loba Branca, no Barbanza, unha serra que coñece case milimétricamente, e que está chea de mámoas, castelos e petróglifos.

– Que imos ver no roteiro que este sábado organiza Rutas de Historia?
Pois imos percorrer unha zona moi pouco coñecida da serra do Barbanza, onde se atopa o Outeiro Murado, a Pedra de Noceda ou o Outeiro dos Corvos. Trátase dunha zona abrupta e penedenta, de difícil acceso, pero que precisamente por iso ten unha serie de elementos ben singulares desde o punto de vista arqueolóxico e etnográfico, ademáis dunhas vistas únicas. Logo visitaremos tamén outro espazo singular da serra, o Castelo de Vitres e a súa calzada. Imos ver fortificacións agachadas, camiños únicos e restos de antigos poboados.

– E que nos podes contar desas enigmáticos petróglifos que asemellan pegadas?
Pois que se atopan no medio e medio dunha explotación mineira moi singular, posiblemente explotada desde moi antigo, e que son difíciles de encravar porque, como ti dis, teñen unha forma similar aos petróglifos podomorfos, aínda que podería haber tamén algunha outra hipótese. Hoxendía están rodeados dunha enorme cantidade de maleza que os pon en perigo no caso de producirse algún incendio. O chamativo deste roteiro é que, a diferencia doutros que conducín, neste teño bastantes máis preguntas que respostas. Por iso teño moitas gañas de facelo: porque é un espazo aberto á interpretación pero tamén á imaxinación.

Manuel Gago nunha incursión arqueolóxica ao castelo de Luania / http://neixon.blogspot.com.es

– Por que ese suxerente nome dos dominios da Loba Branca?
Porque este espazo é onde, segundo as lendas das aldeas que se atopan aos pés da serra nesta zona, vivía a Loba Branca, un animal mítico do que contarei a súa historia no roteiro. Coido que, ao mesmo tempo, esa lenda estaba recalcando que este espazo sempre foi un territorio aillado e salvaxe, un lugar, xa que logo, habitado por non humanos.

– Que recomendacións lle fas á xente que vai ir ou que se pode achegar no futuro a eses sitios arqueolóxicos?
Estamos recalcando moito o feito de que este roteiro non é un paseo cómodo. A primeira metade supón introducirse nunha área abrupta e, aínda que non é necesario escalar nin moito menos, hai que andar gabeando por algunas pedras e cruzar pequenos tramos de toxo mesto. Así que a miña recomendación é que, ademáis da boa forma física, non é a aconsellable para persoas con algún problema de mobilidade, problemas musculares ou dificultades con xeonllos ou nocellos. No último ano, esa zona ficou moi degradada a nivel ecolóxico, xa que os animais deixaron de pastar nela, e iso supuxo que determinados tipos de maleza como toxo ou xesta se dispararan e taparan boa parte das estruturas significativas da mina ou o acceso a xacementos arqueolóxicos, como puidemos comprobar o outro día nunha visita de recoñecemento. Así que o recomendable é ir con alguén que vos poida indicar onde se atopan as cousas.

– A andaina será pola serra do Barbanza, unha das grandes serras galegas. Que máis agocha?
A min resúltame incrible que un espazo tan reducido como a serra do Barbanza conteña un rango tan espectacular de xacementos arqueolóxicos. É un auténtico tesouro que aínda hoxendía segue a nos soprender. Coido que unha das liñas de investigación interesantes, na que algún equipo de investigación está traballando nos últimos anos, ten que ver coas ocupacións medievais da serra. Pero no futuro tamén será interesante coñecer máis este espazo na Idade do Ferro e en época romana. Aínda levaremos algunha sorpresa.

– E como é a relación entre os veciños dos concellos da contorna coa súa serra?
Pois é unha relación complexa. Por unha banda, a serra está moi de moda como espazo para os deportes de aventura. De feito, o domingo, un día despois do noso roteiro, haberá un trail xusto na área. Bicicleta de montaña, etc. Sen embargo, todo o que ten que ver coa dimensión paisaxística e arqueolóxica continúa a ser un gran descoñecido. En gran medida débese a que se fixeron moi poucas accións estables de valoración e difusión deste inmenso patrimonio e se toleraron, ademáis, comportamentos moi intrusivos por parte de determinados colectivos, coma os gandeiros, que parcelaron toda a zona limitando o tránsito natural dos animais e iso leva a contextos de degradación ecolóxica; as empresas eólicas fixeron tamén barbaridades. É preciso construír un novo imaxinario da serra, como un tesouro do Barbanza, conservado no corazón dunha comarca moi dinámica a nivel económico e social.

Loba na serra do Barbanza / Youtube

– Ti que es un dos grandes divulgadores do patrimonio de Galicia, que outras zonas destacarías de Galicia?
A ver, eu destacaría Galicia enteira, así de claro. Non hai comarca que non teña interese e que non garde numerosísimos elementos de valor. Outra cousa é que, en función do que busques, hai comarcas que van dispoñer de máis facilidade de acceso a recursos que outras. Por ser, eu son un namorado da Ribeira Sacra, da Costa da Morte, da Mariña luguesa ou do Ribeiro e as fronteiras ourensás entre Galicia e Portugal… Pero vaia, gústame todo!

– E cal cres que son os principais retos que hai por diante para defendelo e protexelo?
Coido que o fundamental é comezar a ter un horizonte de futuro do que queremos facer co noso patrimonio cultural, que non o temos. Hai só dúas vías actuais: a obriga “moral” de protexelo, que se plasma nunha lexislación, e o sentido turístico. O patrimonio como recurso económico é indiscutible, pero coido que temos que comezar a pensar non só niso, senón no patrimonio como axente vertebrador da nosa vida en común, sexa no rural ou na cidade. É moi importante que os movementos de defensa do patrimonio cultural estean conectados para reunir forzas. Por iso fundamos a Rede do Patrimonio Cultural, un axente de ámbito galego que aspira a facer visible e realizable todo o que moitos activistas, en concellos e comarcas do país, están a conseguir.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...

  • Bradair

    Cun Manuel Gago en cada concello galego este país tería pasado e futuro. Parabéns!

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: