fbpx
Ilustración didáctica de como era unha terma romana

Musealizan o balneario rústico do Caldoval, “unha mostra viva de Roma” en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O único balneario rústico romano con palestra escavado en Galicia está no Caldoval, en Mugardos. E é, segundo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, “unha mostra viva de Roma” en Galicia.

E o certo é que O Caldoval, agora convertido nun Centro de interpretación, recrea o que foi unha instalación dedicada ao ocio, á práctica de deporte e ao coidado do corpo que estivo en uso entre os séculos I e VI.

Inauguración do Centro de Interpretación do Caldoval, en Mugardos / Xunta.gal

O que se pode ver é un asentamento romano que data dos séculos I ou II despois de Cristo e que permaneceu habitado ata os séculos V ou VI. Os restos ocupan uns mil metros cadrados, distribuídos en dúas áreas. Nun primeiro momento atopouse unha estrutura rectangular, duns trinta metros de longo por seis de ancho. Despois localizouse unha segunda edificación (que sería a parte habitacional) que contaba con dúas salas calefactadas e unha estancia principal acaroada a un baño. O conxunto conta, ademais, cun balneario rústico. Polos restos atopados e pola cercanía ó mar parece que os seus habitantes vivían da pesca.

Centro de Interpretación

O Centro de Interpretación de O Caldoval é un proxecto que implicou ao Concello de Mugardos, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como a Reganosa que achegou 2,5 millóns de euros á iniciativa.

Foi inaugurado este venres e contou coa presencia do conselleiro de Cultura, o presidente de Reganosa, José María Paz Goday, o director da planta regasificadora, Emilio Bruquetas; a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; entre outros representantes do ámbito empresarial, social e cultural da zona.

Centro de Interpretación das ruinas romanas de O Caldeval, que conservan o único balneario rústico romano reconstruído de Galicia / Coptisa

Pode que che interese...