fbpx

Nace RUTAS DE HISTORIA, unha nova forma de coñecer o patrimonio galego

Tempo de lectura: 3 min.

Os dominios dos primeiros reis galegos, a montaña máxica de Galicia ou a nova fronteira creada tras unha cruenta guerra son parte dun escenario paisaxistico e cultural que marcan parte da historia galega. Unha historia que está feita en pedra de indómitos castros, de nobres e cregos que loitaron entre si e de emigrantes que trouxeron cultura e educación aos seus veciños.

Era unha idea que xa avanzara Historia de Galicia; o  de tentar, precisamente, recuperar ese patrimonio oculto que atesoura Galicia. E con ese obxectivo nace Rutas de Historia, un proxecto que pon en marcha unha serie de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para que os galegos saiban que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia do seu país.

Sauna Castrexa do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio

Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de sete andainas históricas polas catro provincias galegas para ir fixando na poboación a idea de que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea.

Na realización destas andainas, que están coordinadas por HdG e que contan co soporte de Abanca, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Colectivo Capitán Gosende ou a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo.

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Carlos Solla, investigador e impulsor do colectivo Capitán Gosende; Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Jose Souto e Angel Arcay, impulsores da Asociación Amigos do Parque do Pasatempo; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego e Xurxo Salgado, director de Historia de Galicia.

Andainas

Ponte Maceira - Ames

Ponte Maceira, estrutura medieval que une os concellos de Ames e Negreira e que un histórico paso do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía / Galipedia

Os roteiros previstos son sete:
17 de setembro: O Monte Seixo, a Montaña Máxica de Galicia
23 de setembro: Polos dominios da Loba Branca: mámoas, petróglifos e castelos na Serra do Barbanza
30 de setembro: As loitas entre a nobreza e a Igrexa na Idade Media. As batallas de Ponte Maceira
7 de outubro: Cando Galicia e Portugal deixaron de quererse. As guerras do século XVII
14 de outubro: Na procura da gran sauna castrexa do Castelón da Fonsagrada
21 de outubro: Tra-las pegadas de Excálibur e os primeiros reis
28 de outubro. Os irmáns Naveira e Juan Etcheberry, os homes que fixeron Betanzos

As andainas comezarán o 17 de setembro e rematarán o 28 de outubro de 2017. Son totalmente de balde e teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados durante as mañás do sábado ou do domingo. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. Serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto  cunha antelación de 24 horas.

 

Este é un dos vídeos promocionais realizados polo colectivo audiovisual Lentes Diverxentes:

Pode que che interese...