Participantes no roteiro de Avelino Díaz, o poeta de Meira, do pasado ano

Organizan un roteiro para que Avelino Díaz, o Poeta de Meira, teña un Día das Letras

E por que non un Día das Letras Galegas para Avelino Díaz?. Isto é o que se preguntan moitos veciños de Meira que, para chamar a atencións sobre a importancia deste veciño do concello, decidiron realizar un roteito. Este domingo, día 3 de setembro, celebrouse o IV Roteiro por Avelino, unha xornada que pretende xuntar unha vez máis, persoas de todas as procedencias, condicións e ideoloxías para divulgar a figura deste poeta e reclamar que teña o recoñecemento merecido.

Avelino Díaz naceu nunha humilde familia campesiña no concello lucense de Riotorto o 14 de novembro de 1897 e en 1907 trasladouse a Meira. Tres anos despois, en 1910, con tan só 12 anos, emigrou a Bos Aires. Alí aproveitou para formarse. Volvería a Meira con 18 anos dedicándose a exercer, sen título oficial, de mestre en tres aldeas dos arredores e, segundo el confesou, indo ás segas a Castela. Con 22 anos, en 1920, colle de novo o camiño das Américas, esta vez cara a Cuba. En 1921 aséntase definitivamente en Buenos Aires onde morrería o 29 de marzo de 1971. Foi enterrado no Panteón do Centro Galego preto de Castelao e Ramón Suárez Picallo.

Roteiro

O roteiro partiu ás 11.00 h. da mañá da Praza do Concello e da Igrexa de Meira e percorreu os 9,5 qm que os separan da casa natal de Avelino na Órrea, na ruta que sobe suavemente ata o alto dos Xuncás, fronteira natural entre a Terra Chá e a Terra de Miranda, para baixar despois polos montes de Candedo ata a ribeira do río Mourín, xa na Órrea. Nun punto específico do traxecto colocouse o terceiro chanto de homenaxe, da autoría do escultor e activista cultural Manolo Pardo. Será o terceiro dunha serie que se pretende continuar ano a ano.

A xornada rematou no lugar da Eirexa, no campo da festa da Órrea, cun xantar popular no que houbo un pequeno acto literario e diferentes xogos tradicionais para todas as idades propostos pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Máis información na web www.avelinodiaz.gal e nos perfís de Facebook e Twitter da Asociación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: