fbpx
Ponte Maceira - Ames
Ponte Maceira, estrutura medieval que une os concellos de Ames e Negreira e que un histórico paso do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía / Galipedia

Elixio Vieites: “Ponte Maceira foi escenario de dúas grandes batallas medievais”

Tempo de lectura: 4 min.

Elixio Vieites, investigador, divulgador e activo integrante de Patrimonio Galego, será o encargado de dirixir a terceira andaina de Rutas de Historia , entre os concellos de Ames e Brión. Un roteiro para coñecer as loitas entre a nobreza e a igrexa na Baixa Idade Media e as importantes batallas que tiveron lugar en Ponte Maceira, obrigado lugar de paso entre Compostela e a Costa da Morte.

Que imos ver na andaina que Rutas de Historia organiza este sábado nos Concellos de Ames e Brión?

A ruta de aproximadamente 11 km. comeza e termina no lugar de Ponte Maceira, situado na marxe esquerda do do río Tambre. A súa ponte une os concellos de Ames e Negreira, polas parroquias de Portor e Agrón.

Durante o percorrido imos ver a  Ponte Maceira, pasaremos por muíños e sendas moi arboradas. Iremos cerca dunha aldea co nome de Suevos. Veremos a igrexa de Trasmonte co seu fermoso campanario, iremos polo antigo camiño real, hoxe convertido nun tramo de estrada no camiño xacobeo de Santiago a Fisterra. Acercarémonos a aldea de Carballo e ao alto do Mar de Ovellas para dirixirnos ás Torres de Altamira. Logo pasaremos polos lugares de Portanxil e Leboráns, donde veremos o pazo dos Caamaño. Camiñaremos cara a Piñor e atravesaremos o interio do seu castro, que domina a marxe esquerda no Tambre, xa moi cerca de ponte Maceira, o noso punto de partida.

Elixio Vieites durante a súa participación na campaña arqueolóxica de Torre dos Mouros, en Carnota / Youtube

Dous dos puntos neurálxicos serán Ponte Maceira e a Torre de Altamira. Por que son tan importantes estes dous puntos para a historia galega?

A Ponte Maceira de trazado medieval, que algúns autores queren vela levantada sobre alicerces romanos, cítase na Historia Compostelana de Xelmirez, redactado entre 1100 e1140, e no libro das Casas e liñaxes do reino de Galicia de Vasco da Ponte do século XV, como escenario de dúas batallas. A que tivo Xelmirez co conde de Traba Pedro Froilaz, en momentos en que loitaban pola supremacía dos seus dominios e dereitos de paso, e a que tivo lugar en 1471 entre os exercitos de Fonseca II e os de López Sánchez de Moscoso, primeiro conde de Altamira, pola conquista desta fortaleza levantada no val Amaía.

 

Falarás das loitas entre a nobreza e a Igrexa na Baixa Idade Media. Eran frecuentes estes enfrontamentos?

Igrexa e nobreza eran os estamentos dominantes na idade media e a loita entre eles pola acumulación de terras e a súa posesión era constante. Iso non era impedimento para coxunturais alianzas entre algunha parte da nobreza e os estamentos eclesiásticos para conseguir loitar contra o enemigo común que sería a masa de desposeídos destes reximes señoriais, como ocurriu despois das Guerras Irmandiñas . Outro punto de loita polo poder dábase tamén nas cidades que estaban a aumentar a súa poboación e o seu desenvolvemento económico, feito este que non escapaba a súa cobiza.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, xunto co colaborador de HdG, Elixio Vieites / xunta.gal

E que personaxes destacarías ti desa época comvulsa da nos historia?

Hai moitos persoaxes que foron clave para entender este período da historia de Galicia. Dende o rei García e os seu irmán Alfonso VI, que o tivo na cadea cerca de 20 anos. O bispo Xelmirez co seu apoio a Afonso VII, fillo da raíña Urraca, para nomealo rei na catedral de compostela. Ata destacar xa no século XV nobres galegos como Pedro Madruga ou bispos como Fonseca.

 

O núcleo central desta andaina está no val da Amaía, que máis oculta este val que ocupa toda a comarca de Compostela e que moita xente descoñece?

O val da Amaía era paso dunha vía romana, da cal se conservan dúas pequenas pontes, a que pasa sobre o río Tinto no lugar de Xinzo, entre Brión e o concello de Teo e moi cerca do Castro de Beca, tamén chamado Lupario. A outra sería a de Augapesada que nos vai quedar a pouca distancia da nosa ruta. Hai castros poucos coñecidos como o de Mirás que está levantado sobre un impresionante meandro do río Sar ou o Monte San Marcos cunha fortaleza no seu alto que non parece pertencer a idade do ferro, dado as características das súas estruturas, e dende o cal podemos ver parte da impoñente Depresión Meridiana, unha falla que atravesa Galicia de norte a sur e que nesta zona conforma o Val da Amaía.

 

Elixio Vieites en Vilar de Francos

Ti es un gran defensor e divulgador do noso patrimonio, como ves o seu estado?

Segundo a que patrimonio nos refiramos. En xeral o patrimonio que máis se coida son as igrexas e os elementos que se poden visualizar máis facilmente e teñen maior presencia dentro dun determinado lugar poboado, como cruceiros, fontes, capelas e similares, pero outros que son menos evidentes ao non estar sinalizados e que ademais pouca xente sabe da súa axistencia, son maltratados con plantacións arbóreas como eucaliptos ou outro tipo de labores agrícolas e forestais, como no tema dos castros, mámoas e petróglifos. Ademais soen estar en propiedade privada e mesmo o dono non sabe que están alí.

 

E que recomendacións lle fas á xente que acuda ao roteiro deste sábado?

A xente recoméndolle que disfrute do camiño, que é moi doado de facer, aínda que non deixan de ser 11 qm. Para facer o roteiro circular temos que pisar algún quilómetro de asfalto e mesmo cruzar unha estrada, pero o resto vai por zonas de carballeiras, piñeirais, paisaxes rurais e aldeas.

 

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...