fbpx
Cripta do Pórtico da Gloria / Grupo Thais

Quen é o enigmático escultor Mestre dos Panos Mollados da Catedral de Santiago?

Tempo de lectura: 2 min.

Un escrupuloso traballo das dobreces e o tratamento das vestiduras, de clara influencia clásica. Son as principais características de varias pezas atopadas na Catedral de Santiago do século XII e que non pertencen ao taller do Mestre Mateo. Precisamente, a carón del puido estar traballando outro mestre coñecido, agora, como Mestre dos Panos Mollados.

A este artista, ou taller, que traballou no templo compostelán cara a 1170, atribúenselle catro pezas, a última presentada este mesmo xoves. Trátase dunha peza mutilada que foi atopada o 10 de novembro de 2016 mentres se abría un muro na cámara situada na parte baixa da Torre das Campás para poder recuperar outra imaxe do Mestre Mateo descuberta uns días antes enterrada na mesma zona.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, contempla a nova escultura atribuída ao Mestre dos Panos Mollados da Catedral de Santiago / Xunta.gal

Deste xeito, ao retirar os perpiaños que formaban parte do muro, atopouse, encaixada no mesmo e reutilizada como material construtivo, un fragmento desta figura masculina. Nun principio pensouse que podía tratarse dunha peza do Mestre Mateo, pero os expertos descartárono rapidamente pola forma dos vestidos, cunha influencia máis gótica.

Estas características tamén aparecen na Cripta do Pórtico da Gloria, concretamente nunha das claves do transepto, así como nalgúns dos seus capiteis. Este feito, así como o que todas as pezas foran atopadas na contorna do Pórtico, leva aos expertos a relacionar ao Mestre dos Panos Mollados coa decoración escultórica desta cripta, segundo apuntou o director do Museo da Catedral, Ramón Izquierdo.

Peza atribuída ao Mestre dos Panos Mollados da Catedral de Santiago / Xunta.gal

Restauración

Tras o seu achado, a escultura foi sometida a unha profunda limpeza dos morteiros que tiña adheridos, traballo que correu a cargo do departamento de restauración da Fundación Catedral.

Así, preparouse a figura para que poida formar parte, a partir do próximo mes de outubro, da exposición ‘O poder do pasado. 150 anos de arqueoloxía en España’ que, con motivo do 150 aniversario da fundación do Museo Arqueolóxico Nacional (MAN), organizou o Ministerio de Educación, Cultura, Deporte e Acción Cultural Española.

Con todo, despois da presentación deste xoves, a peza quedará exposta ao público uns días na Sala de Gramáticos do Pazo de Xelmírez ata que viaxe o 11 de setembro a Madrid para a montaxe da citada mostra. E tras a clausura desta exposición en Madrid, a peza exhibirase de forma permanente nas salas do Museo Catedral de Santiago que, en 2018, cumprirá o 90 aniversario da súa fundación.

Pode que che interese...