Visita nocturna aos petróglifos de Campo Lameiro / PAAR

Queres saber como se vía o ceo na Prehistoria?

Como vían os galegos de hai 6.000 anos o ceo?, e os exipcios?, e os incas?… Para tentar coñecer como era a mentalidade desas culturas con respecto ao seu universo, Galicia acollerá un congreso internacional sobre astronomía.

Será en Santiago de Compostela, 18 ao 22 de setembro. O ‘Road to the stars‘ (Camiño ás estrelas) fará do noso país o centro da astronomía mundial coa presencia dun centenar de investigadores de todo o mundo que disertarán sobre a visión do ceo nas distintas culturas e sociedades desde a Prehistoria á actualidade.

Deste xeito, os interesados nesta temática poderan coñecer como era a visión do universo desde a astronomía megalítica á influencia do ceo na arte contemporánea, pasando por Exipto, Mesopotamia, os Incas, a illa de Pascua ou o ceo ao redor da Catedral de Santiago. Estas sesións, que terán lugar no Centro de Estudos Avanzados, divídense en número de bloques temáticos: Paisaxe e ceo, Astronomías antigas, Antropoloxía do ceo, De Roma a Santiago, Educación e patrimonio, A inspiración do ceo e Métodos.

Petróglifo con cervos visto pola noite / Rutea

Expertos internacionais

O congreso está promovido polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio, pola Universidade de Santiago de Compostela a través do departamento de Historia e polo Instituto de Astrofísica de Canarias. Conta coa colaboración e o patrocinio da Sociedade Europea de Astronomía na Cultura, a Sociedade Internacional de Arqueoastronomía e Astronomía na Cultura e as reunións ‘Inspiration of Astronomical Phaenomena’.

Entre os expertos convidados están Juan Antonio Belmonte (IAC), Clive Ruggles (Universidade de Leicester, Reino Unido), Giulio Magli (Politécnico de Milán, Italia) e Stephen McCluskey (Universidade de Virginia Occidental, EE.UU).

Por outra banda, a organización previu a realización dun programa lúdico con actividades abertas ao público xeral que inclúe a inauguración da exposición ‘Road to the Stars’ no claustro de Fonseca, unha sesión das denominadas Nerd Nite e unha observación astronómica na Cidade da Cultura. Máis información www.roadtothestars.org

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: