fbpx
Detalle do fresco do inferno na Igrexa de Labrada, en Guitiriz / Galipedia

En perigo unha importante representación do inferno do século XV

Tempo de lectura: 3 min.

A igrexa parroquial de Labrada, en Guitiriz, era, ata os anos 90, unha das milleiros de fermosas igrexas rurais que hai espalladas por Galicia. De factura románica e modificada no século XVII, garda un tesouro de incalculable valor que os veciños descubriron hai máis de vinte anos; once frescos que adornaban os seus muros interiores con diferentes escenas da Biblia.

Son pinturas murais góticas, datadas en torno ós séculos XV ou XVI, distribuídas en ambas as dúas paredes da igrexa. Hai representacións de Santiago Matamoros, Santa Margarida, San Xurxo, San Cristovo, do martirio de San Sebastián, do bautismo de Cristo ou de San Xoán Bautista. Pero, entre elas, destaca unha representación do inferno, que é a máis complexa.

Un inferno que está representado por sete demos negros que están “cociñando” sete almas pecadoras nunha gran pota. Os sete condenados toman forma de muller e poden representar os sete pecados capitais. A maiores, outras sete almas esperan ser sometidas á tortura (mais outra que semella ser un neno); estas sete almas, cinco mulleres e dous homes, tamén están núas a excepción dun bispo e unha muller cun tocado. A presenza destas dúas últimas figuras, tamén común na representación do purgatorio dos petos de ánimas, indicaba ós fieles que nin o clero nin a nobleza estaban libres de pecar e ser condenados.

Representación de Santiago Matamouros nunha parede da Igrexa de Labrada, en Guitiriz / Galipedia

Perigos

Pero estas magníficas pinturas corren serios risco como consecuencia do paso do tempo, as humidades e a falta de conservación. De feito, e tal e como confirma o párroco, desde o seu descubrimento non foron obxecto de ningún traballo de consolidación.

A veciñanza e o párroco de Labrada xa elevaron hai dous anos unha voz de alarma. Agora, de novo, o párroco Luís Ángel Rodríguez Patiño denuncia a “falta de protección” e pídelle ás administracións, en concreto ao Ministerio de Cultura, Consellaría de Cultura e Deputacion de Lugo, que interveñan para salvar este patrimonio. A campaña reclama tamén que as pinturas murais sexan declaradas Ben de Interese Cultural (BIC). “As nosas pinturas murais están moi malferidas, polo que se non se lles axuda axiña, imos quedar sen elas”, indica Rodríguez Patiño.

O párroco xa interpelara a favor destas pinturas hai dous anos. Daquela, o arquitecto técnico José Luís Míguez e o técnico en patrimonio cultural Mario César Vila, puxéronse en contacto con el para concertar unha visita ao interior da igrexa que realizaron en setembro do 2012 onde comprobaron que o posible problema sería a humidade do muro sur da igrexa provocada polo efecto das augas pluviais.

Obras mínimas

E as obras serían mínimas para tentar conservalas. Polo menos, de momento. O cura destaca que a colocación dun canalón perimetral ao tellado do templo que recolla as augas da superficie do mesmo e a escavación dunha gabia perimetral externa acaroada aos muros da igrexa que permita a evacuación das pluviaus e evite o ascenso da humidade dende o solo vexetal ao interior dos muros xa faría moito. Así mesmo, tamén propón o arrexuntado das pedras que conforman os muros e a escaleira con morteiro de cal para evitar as filtracións ao muro sur onde se atopan as pinturas máis danadas pola humidade.

 

Esta información foi elaborada en base ao comunicado de prensa remitido polo párroco de Labrada, Luís Ángel Rodríguez Patiño. As fotos e algunha información –en concreto a descrición do inferno- sobre as representacións son tiradas da Galipedia, tal e como figura no pe das propias fotografías.

Pode que che interese...