fbpx
Festival do Rei Sol en Oia / Costa dos Castros

Teatro, narración oral e obradoiros infantís no Festival do Rei Sol

Tempo de lectura: 2 min.

Comeza a conta atrás para o Festival do Rei Sol, que este ano se celebrará do 15 ao 17 de setembro en Oia cunha oferta de actividades gratuítas pensadas para tódalas idades. Teatro, charlas e narración oral, talleres infantís e unha andaina son as diferentes propostas que inclúe este evento baseado na convivencia, a cultura e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial.

Segundo informa o proxecto Costa dos Castros, os actos centrais do Festival do Rei Sol, evento que toma o seu nome dunha lenda vinculada ao castro de Cano dos Mouros (Viladesuso), desenvolveranse o domingo 17 no propio castro. Alí terá lugar unha visita guiada, unha representación teatral, a observación do solpor acompañada de música e o espectáculo Os Contos do Rei Sol de Avelino González. Tamén haberá postos de comida e bebida, grazas á colaboración veciñal.

Nos días previos ao domingo tamén haberá actividades culturais vinculadas co patrimonio, neste caso repartidas por diversos puntos de municipio de Oia. O venres 15 se celebrará un taller infantil de arqueoloxía e o sábado 16 haberá unha andaina e outro taller infantil, neste caso de elaboración de traxes castrexos. Ese mesmo día celebrarase a charla-coloquio titulada Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana, con Sonia María García García (autora da novela Toca, el oro de la Gallaecia).

Inscricións

No caso dos talleres infantís e a andaina as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse no teléfono ​689.35.57.13.

O festival, organizado pola Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia, e co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro do Ano do Patrimonio; é posible grazas a implicación e participación da veciñanza e diversos colectivos de Viladesuso, nomeadamente a Asociación de Veciños, A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, A Fiada e o grupo de teatro O Mellor de Cada Casa. Con esta cita cultural preténdese fomentar a convivencia entre veciños e visitantes de Oia, poñer en valor o patrimonio local e concienciar sobre a necesidade de preservalo para as vindeiras xeracións.