fbpx
Visita de membros da Consellería de Cultura ao castro de Viladonga / xunta.gal

Aparece unha fouce castrexa no castro de Viladonga, un dos máis importantes de Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Unha fouce castrexa, varias asas de bronce e fragmentos diversos de cerámica. Son parte dos obxectos atopados na última fase de escavacións no Castro de Viladonga, en Castro de Rei (Lugo), que tamén deixou ao descuberto 15 estruturas, nas que aínda se poden apreciar a existencia de lareiras, o que indica que posiblemente estiveron destinadas a vivendas.

Así, entre outros traballos, reconstruíronse parcialmente muros dos que só quedaba a cimentación para evitar que co tempo quedasen completamente arrasados. Para iso, eleváronse levemente con dúas ou tres fileiras de pedra, deixando evidencias, cunha liña de pequenos seixos, da diferencia entre os restos orixinais e a parte rehabilitada.

Igualmente, a intervención incluíu a limpeza da vexetación -nalgunhas zonas manual- nunha área de aproximadamente 1,8 hectáreas. Precisamente, esta web alertaba hai uns meses da situación na que se atopa este castro, rodeado por eucaliptos que afectan a parte das súas estruturas exteriores e impiden a súa correcta visibilización.

A Consellería de Cultura investiu 85.400 euros nestes traballos, que remataron a pasada semana e que serviron para abundar no coñecemento dos sectores sur e oeste do castro. Ademais de exhumar estruturas que permanecían ocultas, procedeuse á consolidación doutros espazos que estaban deteriorados.

O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes - WordPress.com

O castro de Viladonga rodeado de eucaliptos / Arte, cultura y viajes – WordPress.com

Visita institucional

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o castro acompañado por Roberto Pena, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Elena Varela, directora do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, entre outros.

Balseiro sinalou que as actuacións achegarán información valiosa, como o uso orixinal dalgúns dos espazos escavados, que axudan a seguir avanzando na interpretación do xacemento. Ademais, recuperouse material que tamén dá pistas sobre a vida no castro e enriquecerá os fondos do museo.

O Castro de Viladonga é propiedade da Xunta de Galicia e está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) na súa categoría de Monumento. Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos “máis singulares” de Galicia, un dos máis coñecidos polo público e tamén un dos que recibe maior número de visitas durante o ano.

Pode que che interese...