Posible antiga torre medieval atopada no lugar de Francos, Outeiro de Rei / Xabier Moure

Aparecen os restos dunha torre medieval en Outeiro de Rei, nun antigo asentamento franco

Na parroquia de Francos (Outeiro de Rei), non moi lonxe da románica igrexa parroquial, atópase o monte coñecido como O Castelo do Ferreiro, situado a 504 metros de altitude. No Inventario da Xunta de Galicia do ano 1991 e na páxina web do Concello figura como un castro. Visitado o lugar, con abundantes afloramentos graníticos, puidemos comprobar que alí non houbo ningún castro, como tampouco localizamos nin as máis mínimas evidencias de que houbera un castelo medieval. Tampouco, na tradición oral ou na lenda nada hai sobre a posible existencia dalgún tipo de asentamento.

Malia o anterior, o topónimo non deixaba de ser revelador polo que buscamos algún indicio que nos puidera achegar algunha información. E esta atopámola a uns 300 metros do monte. Acaroada a unha casa localizamos unha ruinosa estrutura de planta cadrada de 7 por 7 metros á que lle falta a parte superior, comprobando que para a construción da casa citada aproveitaran parte das súas pedras. Consta de dúas portas rematadas en arco de medio punto, unha mirando ao nordeste e a outra cara o suroeste. Si sabemos que ata datas relativamente recentes a torre se reutilizou como corte para o gando.

Aínda que temos poucas dúbidas de que se trata dunha antiga torre medieval, apenas atopamos documentación ao respecto. Só sabemos que no concilio lucense de época sueva aparece mencionada a “villa de Francos” ao establecer os límites do condado de Sobrada. Nun documento posterior do ano 1160, Francos, ou parte del, dependía da xurisdición de Santiago de Gaioso: “in Sancto Iacobo de Gaudioso… totam parten de Gundisalvo Monacho de Francos”.

Restos dunha antiga torre na parroquia de Francos, en Outeiro de Rei / Xabier Moure

Outras torres

En Sobrada de Aguiar hai unha torre en ruínas, coñecida como a Torre da Barreira, erixida no século XV por mandato de Fernán Pérez de Ribadeneira. No Museo Provincial de lugo consérvase unha pedra armeira dos Andrade, Aguiar e Ribadeneira. E en Santiago de Gaioso hai outra torre, moi modificada na actualidade, en cuxa fachada hai un escudo coas armas dos Castro e dos Baamonde. É probable que esta torre de Francos puido pertencer a algunha desas familias.

Un dato interesante é que xunto da torre transcorría unha variante do Camiño Francés de Santiago (aproveitado posteriormente polo Camiño Real). A carón desta vía de peregrinación documéntanse varias torres e castelos ao longo de Galicia para protexer os peregrinos que se dirixían á cidade do Apóstolo.

O achado xa foi comunicado a Patrimonio, solicitándolle, ademais, que descatalogue o inexistente castro do Castelo do Ferreiro.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: