fbpx
Paixase da Ribeira Sacra / turismo.gal

As paisaxes culturais de Sálvora e a Ribeira Sacra serán declaradas bens de interese cultural de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A Estratexia da Paisaxe 2017-2020 recolle incorporar ao rexistro de bens de interese cultural de Galicia (BIC) as paisaxes culturais da illa de Sálvora e da Ribeira Sacra, nos que se prevén medidas específicas de protección e difusión. Segundo a Xunta, trátase de reivindicar as actividades económicas ligadas a un desenvolvemento sustentable e a maneira en que forman parte da identidade cultural das comunidades que crearon estas paisaxes.

A paisaxe urbana ocupa outro capítulo, no que figuran medidas xa coñecidas como a aposta pola rehabilitación de vivendas, a humanización das vilas, as axudas para centros históricos e o plan de sendas peonís e ciclistas.

Outra das iniciativas que abarca a estratexia presentada este venres é a posta en valor de lugares de “especial interese” e, dentro deste punto, inclúese a creación dunha rede de itinerarios que conecte elementos paisaxísticos, culturais e naturais de relevancia. Xunto con esta medida, que tamén mellorará a “articulación do territorio”, prevese a rehabilitación e a promoción dos 472 miradoiros incluídos no Catálogo de paisaxes.

Vista da ría de Arousa / campingriadearosa.com

Guía sobre minaría

Con todo, e a pesar de traballar na protección do patrimonio, a Xunta editará, no marco da Estratexia da Paisaxe 2017-2020, unha guía de boas prácticas dirixida ás actividades mineiras e extractivas, a fin de combater a “degradación ambiental e paisaxística” que poden causar este tipo de explotacións e de “contribuír a mellorar a aceptación social do sector”.

Así figura no documento que este mesmo venres fixeron público a directora do Instituto do Territorio, Inés Santé, e a directora xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, nun acto na Cidade da Cultura.

Non é a única guía que prevé desenvolver a Xunta. Outro dos sectores aos que dará “recomendacións” para a mellora da paisaxe é o forestal: tanto ás grandes plantacións como ás pequenas, pensando na súa “integración” na contorna. Ademais, elaborarase outro documento de similares características para abordar as paisaxes urbanas, e prestará “especial atención” á periferia das cidades e á integración da trama urbana co espazo rural inmediato.

Estas tres guías súmanse ás xa proxectadas na anterior planificación da estratexia da paisaxe, de 2014 a 2016, que incluían as explotacións agropecuarias, as estradas e camiños, as actividades industriais, as zonas portuarias e as infraestruturas de saneamento, entre outras cuestións.

Pode que che interese...