Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego obra de Domingos de Andrade / panoramio.com

Cal e o futuro do Museo do Pobo Galego 40 anos despois da súa fundación

Desde unha sección de Historia Contemporánea e Autonómica ata un amplo relevo xeracional. Son parte das posibles solucións para tentar que o Museo do Pobo Galego, un dos grandes, senón o máis grande e emblemático museo de Galicia, poida continuar coa súa actividade. Unhas solucións que se están xa a buscar e das que se falaron este sábado no acto que conmemorou o seu 40 aniversario.

Un aniversario ao que asistiron os principais cargos políticos galegos; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi ou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

E entre as propostas para que continúe, cando menos, outros 40 anos está a de amplialo para crear unha sección de Historia Contemporánea e Autonómica de Galicia, coa previsión de que estea finalizada en 2020, no ano anterior ao Xacobeo 2021. Ou iso é o que anunciou Feijóo. “O museo non é de ninguén e é de todos”, manifestou o presidente galego ante un auditorio no tamén se atopaban os conselleiros de Cultura e Mar, Román Rodríguez e Rosa Quintana, respectivamente; ou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes.

Celebración do 40 aniversario do Museo do Pobo Galego, con Feijóo, Beramendi, Martiño Noriega, Freixanes, Goreti Sanmartín ou Román Rodríguez, entre outros

Retos futuros

Pola súa banda, o presidente do Padroado, Xusto Beramendi, recoñeceu que nos 40 anos de historia do Museo do Pobo Galego “houbo avances” pero “moitos menos dos que deberían” e citou a substitución xeracional, a renovación da dirección e a ampliación do cadro de persoal, así como a reformulación do museo como “os retos maiores” que debe afrontar a institución no futuro.

Así, en primeiro lugar, apelou á “necesidade” de levar a cabo unha “substitución xeracional” para que o “modelo atípico” desta institución “poida sobrevivir”. Tras iso, recoñeceu que o Museo do Pobo Galego aínda non conseguiu “superar o bloqueo” que lle supón a falta de persoal e medios. “Custounos 25 anos ter un ascensor e seguimos sen calefacción”, lamentou.

Museo do Pobo Galego, en Santiago onde se atopa o Panteón dos Galegos Ilustres /páxinasamarelas

Por último, referiuse á necesidade de reformular a institución a través da ampliación dos seus contidos á “Galicia urbana” e coa “modernización das súas técnicas expositivas”. “Oxalá podamos conseguir todo isto cando se celebren as vodas de ouro do museo”, proclamou.

Unha realidade

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, celebrou que 40 anos despois do seu nacemento e a pesar das dificultades, o Museo do Pobo Galego sexa “unha feliz e fructifera realidade” que “cobra forza día a día grazas ao equipo humano capitaneado por Xusto Beramendi”. Ademais, aproveitou a súa intervención para reclamar unha “solución” á situación actual do Panteón dous Galegos Ilustres, situado na Igrexa de San Domingos de Bonaval, anexa ao museo.

Finalmente, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, coincidiron ao reclamar unha maior implicación social e institucional con esta entidade cultural.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: