fbpx
Ara Gael. 1930. Céltiga, nº 151, Abril de 1930.

Camilo Díaz Baliño, o bardo da arte galega (Parte II)

Tempo de lectura: 9 min.

As espléndidas ilustracións do Himno Galego (25 de Xullo de 1924 de El Pueblo Gallego) e Ara Gael (1930) son unha mostra magnífica do xenio e audacia dramática de Camilo Díaz Baliño de quen xa falamos hai uns días. Os seus coñecementos de Arte e dramaturxia -especialmente teatro e ópera-, a capacidade para compendiar diferentes elementos iconográficos para crear narrativas visuais, o ollo para a liña, cromatismo e perspectiva, e o seu talento para a caracterización física, intelectual e emocional, definen as súa imaxes como altofalantes.

As versións de Ara Gael de 1922 e 1924 transformáronse a partir de 1924 dando lugar a imaxes dunha progresiva sofisticación, tanto a nivel estético coma comunicativo. A ilustración que Díaz Baliño realiza para El Pueblo Gallego ven a representar un estudo moito mais fino, moito mais preciso na concepción orixinal da obra. A imaxe ocupa todo o espazo da folla, mostrando unha procesión que diríxese a Ara Gael. No primeiro plano son notables tres figuras, as mais destacadas do conxunto pola súa presencia física, a súa disposición na composición e a expresividade dramática que as define; son o músico, que interpreta unha melodía cunha gaita, un home erguido e espido que, portando consigo a bandeira galega, inclina cerimoniosamente a cabeza e, a figura mais dramática de todas, un home encadeado que prega a ara e os himno. É visible que na súa man, pechada nun puño, colgan dela as súas cadeas como un escravo. Pero a súa actitude non é de resignación, senón de estar a presenciar interiormente o fito final, a vontade propia que decidirá a súa existencia. E entregase a ela completamente, alzando por iso os brazos e inclinando cara atrás a cabeza, cos ollos pechados entregado a intensidade de todo o que está a acontecer: a chegada da Liberdade.

Ilustración do Himno galego. 1924. El Pueblo Gallego, 25 de Xullo de 1924

Xunto a estas tres figuras masculinas, atópanse un peregrino e un arcebispo. Todos eles están situados fronte as escaleiras do templo Ara Gael, esculpidas nunha parede na cal están escritos os nomes das batallas e feitos decisivos da Historia galega: O Medulio, A Frouseira, San Paio e Carral. E na parte superior, dominando o espazo, atópase a anta. É un templo que garda no seu interior unha escultura de Santiago, representado como un ídolo arcaico. As súas mans mostran as palmas cos Estigmas, franqueando o Grial. Pero en troques de envolvelo nun aura Díaz Baliño dispón arredor do Grial como un halo as sete cruces. Mais a anta funciona non so como templo, senón como ara de sacrificio. É a Ara Gael sobre a cal está disposta o corpo dun home sen vida. A súa sangue cae pola ara sendo recollida no Grial, mentres unha estrela está suspendida sobre o templo. O bosque de piñeiros e os brotes de toxos abrazan esta composición. Trátase dunha imaxe ligada de forma intrínseca co longo texto situado a dereita: o Himno galego escrito por Eduardo Pondal, publicado no seu libro Os pinos en 1890.

Esta reinvención de Ara Gael presenta numerosas referencias e citas artísticas. A súa composición en L está caracterizada por un estilo figurativo preciso e definido, de liñas marcadas e empregadas para transmitir movemento e texturas. Pese a ausencia de cor, nesta obra Díaz Baliño presenta unha gama maior de sombras e luminosidades, con contrastes de claroscuros moi marcados. Outro elemento destacado é a disposición espacial. As figuras e as superficies nas súas obras tenden a ser dunha forte presencia física, ocupan todo o espazo dando unha impresión monumental, hierática i estilizada. A perspectiva está realizada de tal xeito que a imaxe sexa moi frontal, o cal permite ser identificada, recoñecida e comprendida de forma instantánea; este efecto medieval débese a que tódalas figuras están dispostas no mesmo plano, variando as dimensións de cada figura para manter as proporcións. Neste caso trátase dunha obra na cal na mesma imaxe contraponse un espazo repleto de figuras co espazo limpo que contén o texto, o cal faino destacar pero sen chegar a eclipsar a ilustración. O ritmo visual está moi medido sen perder a fluidez, posto que trátase de trasladar ao espectador a visualización dunha cerimonia na cal ten lugar unha Epifanía.

Coma imaxe Ara Gael é froito dunha ampla cultura visual. Nela súmanse linguaxe da ilustración histórica e a da icona contemporánea. A representación do rito do sacrificio dun home, coa súa sangue caendo por unha ara e recollida nunha copa alude aos gravados dos capítulos adicados a civilización celta nos libros de Historia, especialmente de Francia. Nestes gravados vese de forma directa o entorno no que prodúcese o feito, o home falecido sobre a ara, co coitelo aínda no seu corpo e a sangue caendo por el, e o druída que oficia cerimonia sostendo unha copa coa que recollela. Pero se ben Díaz Baliño recolle elementos coma a visión do falecido na ara, ca sangue recollida nunha copa, desbota a referencia obvia da violencia. O artista non presenta un corpo atravesado por un arma, nin tampouco abandonado nun xesto patético. Esta ruptura coas imaxes estereotipadas e convencionais é un testemuño elocuente da integridade do senso dramático de Díaz Baliño: non pretende concentrar a atención na exhibición de sangue ou do efecto das armas. A acción fíltrase a través da lente artística, pois o realismo pode interferir na percepción da verdade.

Expresión artística

Díaz Baliño igualmente incorpora na imaxe un novo aspecto a través do corpo do home, co seu brazo estendido e caendo da anta. A súa comprensión de Ara Gael incorpora este xesto inspirado no contexto visual contemporáneo. Trátase dun xesto orixinario da iconografía de Cristo, presente en obras como a Lamentación sobre Cristo morto cos santos (1490, Sandro Botticelli), A Piedade (1498-1499, Miguel Anxo) ou o Enterro de Cristo (1602-1604, Michelangelo Merisi da Caravaggio). Pero o troco de connotación deste xesto ao levarse a unha iconografía civil xurde en 1793, co cadro A morte de Marat de Jacques-Louis David. O pintor ao retratar a Marat, represéntao como un Cristo laico. Admirador das obras de Caravaggio, a súa influencia vese no tratamento da luz e do xesto do brazo ao caer no chan. A ausencia de elementos iconográficos retóricos, o énfase na personalidade, circunstancias e connotacións do retratado, así como a calidade sagrada no civil e humano, conforman as características dunha icona contemporánea. Este carácter está presente no Ara Gael de Díaz Baliño e igualmente, na pintura Unos cuantos piquetitos! (1935) de Frida Khalo. Realizada nun momento profunda dor emocional para a artista, retrata a muller falecida como un Cristo feminino, disposta na cama, o seu ferido brazo caendo dela e coas palmas feridas estendidas ao espectador.

A iconografía estética de Ara Gael é unha interpretación artística dos textos escritos na Doutrina da moi nobre orde galega do sancto graal, en seis capítulos. Concibida e realizada por Vicente Risco a finais da década do 10 e rematado arredor de 1922, moitos dos seus apartados constitúen parágrafos repleto de imaxes. Na Ara Gael a representación da Estrela suspendida sobre o Grial ten a súa correspondencia cos diálogos pertencentes ao Capítulo VI. En que decrar´o symbolismo da Orde Galega do San Graal en preguntas e respostas. O simbolismo da Estrela é moi concreto, pois respecto as Armas da Orde explícase que o escudo das Armas “leva en ouro o San Graal, reliquia diviña da Nosa Tradición Céltiga. Leva riba d´él a Estrela da Liberdade da Terra que guia os Bós e Xenerosos”. Ante a pregunta a continuación de cal é o significado da Estrela do Apóstolo, contéstase que polo seu valor significa a “liberdade da Terra Galega, a demanda da que andan os bós e xenerosos” e pola súa forma, representa en cada extremo os puntos xeográficos do Cabo Ortegal, o Cabo Fisterre, Ribadeo, a Punta de Santa Tegra e o Penedo dos Reinos.

Sacrificio humano por un druída galo. 1851. “Historia de Francia dende os galos ata o fin da monarquía”. L. P. Anquetil. Edición ilustrada con 260 gravados publicada por Gabriel Roux. Edición de Marescq et Harvard

Xunto coa Estrela, o Grial conta igualmente cun gran simbolismo. A súa significación explícase de novo no capítulo VI, ante a pregunta de que significa a Copa do San Graal. Na resposta coméntase que é a copa onde bébese a comuñón co sangue da Terra Galega e a vez, recolle o sangue de quenes loitan por ela. Tamén o Grial simboliza “a Saudade da nosa Liberazón”, así como a Eternidade do ser e do país. Ante a pregunta de cando será restaurado respóndese “cando cheguen os pirmeiros tempos”, o que significa que será cando todo o loitado alcance a Vitoria. “Enton ha baixal-a Estrela sobr´o Graal ergueito o Ceo”. Pero é a revelación da Estrela sobre o Grial a que encarna a culminación dunha era, pois encarna “o casamento do Ideal coa Tradición, da Espranza coa Lembranza”.

A versión definitiva de Ara Gael exponse en 1930. A obra pon de manifesto a evolución do estilo de Díaz Baliño; conservando o aspecto inmenso das primeiras obras, o seu aire é poético, belo, no que a anta, as pombas e o Grial están debuxados con nitidez, mentres que as nubes e o ceo están mais difusos. O ceo está en constante movemento coas nubes trocando mentres flotan, deixando ven a estrela suspendida na anta. O falecido está sobre a ara, coa sangue caendo no Grial. Catro pombas brancas voan arredor da copa situada nun campo de toxos. A imaxe é moi similar a de 1922, pero contén sutís diferenzas. Sendo todo o mesmo, nada é igual coma antes. A sangue non salta e reverte da copa, como sucedía na primeira versión. Aínda non é o intre no que brilla un halo sacro. Esta imaxe é o momento no que comeza todo, e que anuncia o que virá. O artista emprega un estilo limpo, de espazos despexados e cunha doce paleta de grises e brancos. Ten efectos suaves e etéreos, imprimindo a vez un senso de dinamismo. A abundancia de liñas entrelazadas ocupando todo o espazo desaparece para desprender texturas dunha transparencia luminosa. (Esta evolución estilística, caracterizada por unha maior sinxeleza, senso do ritmo e unha elegancia lixeira, emerxera en 1926 véndose en obras como o Cartafol do I congreso teosófico galego). A súa atmosfera transmite o ethos dunha comuñón que envolve ao espectador.

Iconografía

O artista inclúe elementos iconográficos presentes noutras obras súas. A reinvención de Díaz Baliño dos símbolos vese, por exemplo, na figura do músico que aparece nas dúas versións dos Trípticos dos Homes de Brigantia (1919/1920-1922) e na Ilustración do Himno galego de 1924. A música aparece nestes cadros como un elemento de cerimonia, dándolle unha impresión sensorial as imaxes. Tamén existe un senso de identificación, posto que a música é un dos elementos mais representativos da cultura celta. É importante sinalar a significación do músico tocando unha gaita, pois como que lle escribe Risco a Philéas Lebesgue nunha carta datada en Ourense o 20 de Abril de 1920: “Celta é o noso instrumento nacional: a gaita igual â dos highlanders”. O mesmo sucede co toxo, predominante na campía galega. Este motivo, como as catro pombas brancas, son visibles igualmente nos trípticos dos Homes de Brigantia. As pombas están vinculadas de forma intrínseca ao Grial. Pero mentres nos trípticos son, como animais sagrados, os que sinalan o camiño ao Cebreiro, no Ara Gael funcionan como símbolos espirituais de redención.

O carácter que vive e late nesta imaxe -como as anteriores- ten unha completa correspondencia coa personalidade do artista. As referencias a Díaz Baliño na prensa fan constantes referencias a unión entre o creador e o fogar que é o seu estudio, así como as súas actitudes e ideas. Unha mostra da fonda impresión que suscita Díaz Baliño, vese claramente na primeira plana de El Compostelano. Na data do 9 de Novembro de 1922 aparece unha cumprida presentación do artista:
“Motivos sobre el Santo Grial”, varios cuadros sobre asuntos de Santiago, “San Juán Evangelista”, dos dibujos rebeldes, “Justicia”, “Las Tablas de la verdad”. Desde el caballete se dirige ante una gran masa caótica convertida en un campo de Agramante: cartulinas y lápices, compases, reglas, tintas, bocetos, grabados…Todo revuelto y extendido en confuso desorden. Siéntase á ella y trabajo largo tiempo, intensamente, infatigablemente, como anacoreta del Arte.

A morte de Marat. 1793. Jacques-Louis David. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 165 x 128 cm. Museos Reais de Belas Arte de Bélxica, Bruxelas

Jamás se rinde Camilo Díaz á normas y á pautas. Se aparta de las sendas trilladas y se niega rotunda y tercamente á ir por los caminos que le trazan, aun adulándolo y mimándolo. Es un gran rebelde. Tiene ideas propias y las proclama y defiende con juvenil gallardía. ¿No recordáis algunos dibujos y sus títulos ó leyendas, que son á modo de latigazos y explosivos? No le seducen halagos ni oro, prometidos triunfos ni falaces señuelos. Su vida, su arte han llenado su alma de amarguras, de trágicas verdades y de espléndidas realidades.

“Un trabajador infatigable”

Mais adiante e na mesma liña, nunha entrevista feita por Suárez Picallo para El despertar gallego publicada o 28 de Novembro de 1926, poden verse unhas interesantes observacións sobre o artista. Picallo comenta que Díaz Baliño, no seu estudio situado no 37 da rúa das Hortas en Santiago, “nos recibe en…no sabemos si llamarle Estudio, Taller o Santuario. Porque Camilo es un trabajador infatigable, un estudioso febril, al tanto de todos los problemas de la hora y un Santo-artista”. Pero o mais destacable é, ademais da reacción do artista, a forma de comprender o vestido de Díaz Baliño, propia das ordes druídicas: “Envuelto en un sayal blanquísimo que le da aspecto de sacerdote de una religión nueva, plena de amor y de fraternidad, bastó que le dijéramos quiénes éramos, de dónde y a qué veníamos a Compostela, para se llenara de alegría casi infantil, al abrazarnos”.

Ara Gael, nas súas catro versións, é unha obra profundamente humanista. Todas as súas influencias intelectuais e artísticas mostran un artista senlleiro, dunha produción tan complexa como o seu pensamento. A esencia desta obra podería definirse perfectamente co derradeiro parágrafo da entrevista que faille Suárez Picallo. Nel Díaz Baliño di: “No hay incompatibilidad. El deseo de que cada pueblo desarrolle sus actividades de acuerdo con las características que la Historia, la Tradición, la Geografía y la Etnografía hizo peculiares; de que su arte, su idioma y su cultura adquieran pleno desarrollo, no puede ser combatido por ninguna ideología, mucho menos si ésta es amplia y tiene como base la Libertad”.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...