fbpx
Unha das imaxes do libro "Peregrinar a Compostela na Idade Media'

Compostela conta xa coa primeira guía ilustrada para visitar as súas igrexas, mosteiros, conventos e capelas

Tempo de lectura: 2 min.

O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial acaban de publicar a “Guía ilustrada das igrexas de Santiago de Compostela”, unha publicación que reúne nas súas páxinas un total de 19 templos emblemáticos da cidade. Todos eles teñen en común que están situados no centro histórico de Compostela, contan cunha historia relevante e, ademais, posúen unha arquitectura salientable.

O percorrido parte da igrexa de Santa Susana e remata na capela de Santa María da Corticela. Afóndase nas igrexas dos conventos de San Francisco, Carme de Arriba, Santa Clara, San Domingos de Bonaval e Santo Agostiño; e nas dos mosteiros de San Paio de Antealtares e San Martiño Pinario. Repárase tamén nos templos de San Frutuoso, Santa María do Camiño, San Fiz de Solovio, Compañía de Xesús, Santa María de Salomé, San Bieito e San Miguel. E retrátanse ademais as capelas de San Roque, Rosario e As Ánimas.

As ilustracións son do gaditano Joaquín González Dorao. Comeza sempre os seus debuxos cunha base de lapis, que detalla e estiliza con rotuladores, e completa con acuarela, engadindo logo tipografía en forma de titulares e textos.

A autora dos textos é a historiadora galega Marta González, doutora en Historia Medieval pola Universidade de Santiago. Neles abórdanse as orixes de cada templo, a quen pertencían, as súas principais características e estilo arquitectónico, as transformacións que foron sufrindo ao longo do tempo e as peculiaridades de cada un. A publicación está editada en catro idiomas: castelán, galego, inglés e alemán.

Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago / Galipedia

Unha guía para os composteláns

É a primeira guía ilustrada destas características centrada nas igrexas de Santiago. “Detectamos a necesidade de creala porque a xente pasea polo casco histórico e atópase con moitos templos pero os propios veciños ignoran a súa historia, carecen de información cercana sobre os mesmos. Así, esta guía está feita para os composteláns, para axudarlles a que coñezan mellor a súa cidade porque ás veces a nosa riqueza cultural e patrimonial é máis descoñecida para nós que para os turistas. Ademais, a información está presentada dun xeito moi didáctico e sinxelo, con textos moi concretos sobre cada unha das igrexas seleccionadas”, explica a editora Gemma Sesar.

Tal como sinala a editora, “na cidade de Santiago nacen innumerables igrexas, mosteiros, conventos e pequenas capelas que hoxe compoñen a paisaxe urbana de Compostela. Dalgunhas delas ocupámonos neste libro. Conforman un itinerario suxestivo e significativo que mostra a beleza da cidade e o seu profundo atractivo cultural e artístico, froito da súa estraña e singular historia”.

Pode que che interese...