fbpx
Pezas do tesouro de Recouso, no Museo das Peregrinacións de Santiago / Museo das Peregrinacións

Descobre o que ocultan os aros do tesouro catrexo de Recouso, atopado en 1921

Tempo de lectura: 3 min.

O tesouro de Recouso é un conxunto de pezas de ourivaría do século II a. C. atopadas en 1921 no castro de Recouso, na parroquia de Marzoa (Oroso). Está formado por 16 arracadas de ouro penanulares decoradas con filigrana ou granulado, 10 cadeas ou anacos de cadeas (a maioría delas con terminais ornamentais), un terminal de cadea, sete anacos de aneis de suspensión, dous fragmentos probablemente pertencentes a unha peza de peche e catro tortas de fundición elaboradas cunha aliaxe de ouro e prata. As pezas contiñan no interior anacos de carbón e foron datadas con carbono-14 no século II antes da era actual.

A maior parte do atopado estivo en mans de particulares ata 2002 cando foi levado ao Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Unha arracada está no Museo Provincial de Lugo. Desde hai seis anos, un equipo de investigación liderado por Xosé-Lois Armada, investigador Ramón e Cajal no CSIC, observou que os aros do Tesouro de Recouso, depositado no Museo das Peregrinacións, contan cun recheo interior non metálico que contén diatomeas, algas unicelulares que poden darse en auga doce ou salgada.

En 2011 o equipo iniciou un estudo analítico sobre este tesouro. Entre 2011 e 2013 lograron unha primeira caracterización das súas 15 arracadas, combinando Fluorescencia de Raios X portátil e Microscopía Electrónica de Varrido con Enerxía Dispersiva de Raios X, e tomaron mostras do recheo dunha das arracadas e do carbón dunha masa de fundición, o que permitiu obter as primeiras dataciones de Carbono 14 para a ourivaría castrexa do Noroeste peninsular.

“Posteriormente, decidimos dar un paso máis nas investigacións sobre estas pezas e abordar un ámbito completamente inexplorado nos traballos sobre ourivaría protohistórica da Península Ibérica debido ás dificultades para levalo a cabo: o estudo do recheo interior das arracadas, que, de feito, resulta esencial para comprender o proceso de elaboración dun dos conxuntos de ourivaría máis importantes da cultura castrexa”, explica Xosé-Lois Armada.

Investigados varios tesouros

O Consello Superior de Investigacións Científicas, a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Santiago de Compostela), avanza nas súas investigacións, iniciadas hai case unha década, acerca da metalurxia protohistórica na Europa Atlántica. O proxecto actual, que se prolongará ata 2020, ten como obxectivos contribuír ao coñecemento da circulación do metal na Europa atlántica, estudar os procesos de innovación e interacción tecnolóxica e completar a recompilación, sistematización e reevaluación crítica da información analítica existente.

Polo momento, o equipo analizou, mediante técnicas analíticas diversas, as coleccións de ourivaría castrexa do Museo das Peregrinacións e de Santiago, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón (A Coruña), Museo Provincial de Lugo, Museo dás Mariñas de Betanzos e Universidade de Santiago de Compostela. Os principais resultados serán avanzados nun encontro no Consello da Cultura Galega o 30 de novembro.

Investigación con Raios X

Nos últimos meses o equipo realizou unha nova aproximación analítica ao conxunto mediante micro- Fluorescencia de Raios X. Nestes traballos contouse coa participación de Simona Scrivano e Óscar García Volta, investigadores vinculados ao Incipit e ao Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, respectivamente.

A caracterización dos recheos seguiu ata a data dous itinerarios complementarios. Por unha banda, observouse o recheo interior de dous arracadas nun Microscopio Electrónico de Varrido do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (CACTUS) da Universidade de Santiago de Compostela, onde puideron identificarse as diatomeas. Doutra banda, tomouse unha mostra do recheo dunha terceira arracada para a súa análise mediante Pirólisis combinada con Cromatografía de Gases e Espectrometría de Masas, tarefa que correu a cargo de Joeri Kaal, investigador vinculado ao grupo Ciencia do Sistema Terra da Universidade de Santiago de Compostela e experto nesta técnica.

Análise científica dun tesouro castrexo / CSIC

“A interpretación que facemos deste achado é que se empregou como material de recheo o sedimento dunha contorna húmida, como unha charca ou lagoa, que contiña estas diatomeas. Xorden, agora, novas preguntas de investigación ás que tentaremos dar resposta nos próximos meses como a de determinar se o resto das arracadas teñen o mesmo recheo posto que, ao ser un recheo tan particular, podería apuntar cara a que todas as pezas foron elaboradas pola mesma persoa ou nun único taller”, avanza Xosé-Lois Armada.

O proxecto co que se continuará esta liña de investigación

Desde 2016 os traballos desta liña de investigación desenvólvense no marco do proxecto ‘Innovación tecnolóxica, circulación do metal e artefactos metálicos de prestixio na Europa Atlántica (s. XIII-I a.C.)’, financiado pola Xunta de Galicia na súa convocatoria de Proxectos de Excelencia. Previamente fixérono a través dos proxectos ‘Do taller ao corpo: o metal como expresión de poder na protohistoria do Noroeste peninsular’ (2010-2012, Xunta de Galicia) e ‘Interacción no Bronce Final atlántico a través dos depósitos metálicos’ (2014-2016, IEF Marie Curie, VII Programa Marco), proxecto desenvolvido en UCL Institute of Archaeology.

Referencias:

X.-L. Armada, O. García-Volta, J. Kaal, M. Martín-Seijo & E. Porto (2017). Characterization of cores and organic remains in Iron Age gold objects: The Recouso treasure, Materials and Manufacturing Processes, 32:7-8, 740-748, DOI: 10.1080/10426914.2016.1232818

Pode que che interese...