fbpx
Forno atopado en Becerreá / Xabier Moure

Descuberto ao carón dun castro en Becerreá un antigo forno que podería ser de época romana

Tempo de lectura: 3 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares acaba de documentar un antigo forno para facer o cal xunto o castro de Vilar de Ousón, en Becerreá. Un achádego que tivo lugar grazas a uns veciños da aldea que informaro do lugar onde hai poucos meses Gas Natural-Fenosa realizou unha tala indiscriminada de árbores centenarias baixo o tendido eléctrico de media tensión. O feito foi denunciado polos veciños e por este colectivo o pasado mes de agosto.

Trátase dunha estrutura circular duns catro metros de diámetro, aberta pola parte superior, construída con pedras de distinto tamaño que parten dun pozo escavado na rocha. Ten unha altura duns dous metros, e a anchura do muro é dun metro. A boca por onde se introducía a leña ten unhas medidas de 0,60 por 0,40 metros. Estas instalacións, coñecidas como caleiras ou caleiros, non tiñan un teito permanente, habilitándose só de forma temporal para manter a calor no interior.

Estruturas do forno atopado preto do castro de Vilar de Ousón, en Becerreá / Xabier Moure

Estas construcións contaban cunha cámara de combustión, situada na parte inferior, e o forno onde se colocaban as pedras calizas de procedencia local para extraer o cal que se cubría con lousas de pizarra para impedir a perda de calor. A leña introducíase por unha abertura máis pequena, chamada boqueira, situada na base. O forno había que alimentalo constantemente xa que para calcinar a caliza a temperatura non podía baixar de 900º centígrados. A cal obtida utilizábase, principalmente, como argamasa ou para encalar as paredes, pero tamén para reducir a acidez das terras de cultivo.

Descoñecese a data exacta de construción, mais este forno figura documentado en escrituras do ano 1780 e de principios do século XIX. Malia isto, non existe tradición oral de que alguén o vira en funcionamento, agás os documentos citados nin sequera se coñecía a súa existencia. O colectivo Patrimonio dos Ancares non desbota que o seu uso poida vir de época romana (o castro de Vilar de Ousón foi romanizado), aínda que este tipo de instalacións artesanais se usaron na Idade Media e en épocas posteriores.

Outra estrutura atopada preto do forno de Becerreá / Xabier Moure

Segundo a tradición, para a construción da ponte de Cruzul, do último terzo do século XVIII, que se levantou durante as obras do Camiño Real de Galicia, o cal utilizado proviña deste forno. O que si está claro é que o forno ten unha antigüidade considerable, algúns carballos e castiñeiros, situados xunto a caleira, que talou Gas Natural-Fenosa tiñan máis de 500 anos, e é sabido que os arredores onde se construían os fornos de cal estaba despexado de árbores e maleza para evitar incendios.

Outra construción

A pouca distancia documentamos tamén unha estrutura rectangular, de 2 por 4,50 metros. Para facer os muros, duns 0,70 metros de altura, os seus construtores escavaron sobre a propia rocha, completando o peche con pedras de distinto tamaño. O chan, completamente liso, foi feito sobre a rocha base. Polo de agora descoñecemos a función que podería ter e a súa antigüidade.

Na comarca dos Ancares é o primeiro forno do que temos noticia (non consta ningún nos PXOM dos distintos Concellos), a única referencia oral a tres fornos témola en Cervantes, nas inmediacións do campamento temporal de época romana do Campo do Circo, onde os mouros facían o cal que logo se utilizou para construír o castelo de Doiras. Mais isto trátase só dunha lenda, estes tres “fornos” son ás cámaras megalíticas de tres mámoas que hai no lugar. Os fornos de cal documentados máis próximos atópanse no Courel.

O achado xa foi comunicado ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo e ao Concello de Becerreá.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...