fbpx
Ilustración do que podería ser un campamento romano de control de poboados castrexos en zonas mineiras de ouro / E.V.Pita

Escavan o castro de Vilar, no Courel, onde os romanos levaron o ouro de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

As minas auríferas de A Toca e Torubio, en Folgoso do Courel, xunto coa da Seara, en Quiroga, aos pes do monte Formigueiros, eran as grandes minas romanas do Courel. Unhas minas que, segundo os expertos, reportaron máis dun 5% do total do ouroque precisaba o Imperio Romano nos primeiros séculos da nosa era.

Un ouro que os romanos explotaban intensamente. E para iso, precisaban moita loxística que incluíu gandres infraestrutura como minas, canais de auga e grandes poboados fortificados chegos de lexionarios e de esclavos. E, un destes grandes poboados está en Folgoso do Courel.

Sobre un macizo rochoso de lousa, a 550 metros de altitude, dominando o río e o val construíuse, o poboado fortificado do Vilar. Un castro relacionado directamente coa actividade mineira na época galaico-romana. Na actualidade son visibles os restos do seu sistema defensivo composto de varios fosos e murallas, así como dunha decena de vivendas fundamentalmente circulares e construídas a base de laxes de lousa.

Castro do Vilar, en Folgoso do Courel / ManuelCouce-Flickr

Nova escavación

E, precisamente, esta semana comezaba unha nova escavación deste xacemento dentro do plan da Consellería de Cultura destinado á documentación, conservación e protección dos xacementos arqueolóxicos máis significativos da Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita actuación ten un importe de 10.164 euros e un prazo de execución de tres semanas.

Unha actuación que ten que ver co deficiente estado de conservación do Castro de Vilar, onde, tanto o seu sistema defensivo de fosos e murallas, como as vivendas que se conservan se atopan ocultas ou semiocultas polo crecemento da vexetación, principalmente xestas e carqueixas, o que contribúe ao deterioro dos restos arqueolóxicos e impide a súa visita e comprensión por parte da cidadanía en xeral. Cómpre ter en conta que a última campaña realizada neste xacemento arqueolóxico data dos anos 1977-1979 e a súa última limpeza foi autorizada no ano 1992.

O Castro de Vilar é un ben catalogado e recollido nas Normas Subsidiarias Provinciais. Localízase ao carón da aldea homónima, na parroquia de San Vicente de Vilamor. O xacemento sitúase nun eido alongado orientado en dirección norte-sur que conforma un meandro do río Lor, en terreos que son propiedade da Comunidade de Montes de Vilar, a cal puxo a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ditos terreos para acometer esta actuación arqueolóxica.

Castro do Vilar, en Folgoso do Courel, un xacemento mineiro da época galego-romana / sendeirismogalego.com

Limpeza, diagnose e divulgación

Segundo informa a consellería, a actuación, en concreto, ten por obxecto levar a cabo unha limpeza e roza da vexetación existente no xacemento, englobando unha superficie de actuación de aproximadamente uns 10.000 metros cadrados. Ditos traballos serán realizados con ferramenta manual e maquinaria adecuada, nunca de tipo pesado, principalmente rozadoiras mecánicas de man, valorando as condicións de cada zona para non alterar ningún aspecto do xacemento e sempre baixo control e seguimento arqueolóxico. Nesta actuación respectáranse as especies arbóreas autóctonas como castiñeiros, carballos, acivros etc., sempre e cando non afecten gravemente ás estruturas arqueolóxicas. Os residuos resultantes desta actuación serán retirados e trasladados fóra do xacemento arqueolóxico cumprindo a normativa vixente.

Como complemento á limpeza, levarase a cabo unha diagnose do estado actual de conservación do xacemento arqueolóxico por parte dun restaurador-conservador coa finalidade de servir de base a futuras accións de restauración e consolidación das estruturas arqueolóxicas e de mellora e acondicionamento do percorrido de visita. Por último, levarase a cabo unha divulgación dos traballos realizados, explicando os valores propios do xacemento arqueolóxico á cidadanía mediante unha presentación e visita ao Castro de Vilar que se coordinará co Concello de Folgoso do Courel.

Pode que che interese...