fbpx
Cista funeraria, probablemente do Calcolítico, en Punta Riasón, na Illa de Arousa / xunta.gal

Escavan de urxencia unha necrópole da Idade do Bronce que pode desaparecer sumerxida na Arousa

Tempo de lectura: 2 min.

O xacemento arqueolóxico de Punta Riasón, na Illa de Arousa, sitúase na liña de costa, en plena zona intermareal e documentouse por primeira vez no ano 2005. Consiste nunha necrópole de cistas, caixas funerarias formadas con pedras, de cronoloxía indeterminada, probablemente do Calcolítico ou da Idade do Bronce. Un conxunto arqueolóxico que corre o risco de desaparecer baixo as augas. Por iso, Cultura decidiu intervir de urxencia.

Actualmente, coñécense unicamente tres destas cistas, que a acción de lavado do mar na liña costeira deixou á vista. Todas elas sitúanse na súa integridade no dominio público marítimo-terrestre. De feito, a situación das cistas provoca que o mar as cubra por completo durante a marea alta. A acción de lavado, aínda que lenta, é moi evidente en dúas delas, moito máis expostas que no 2005.

As lousas que as forman son visibles nuns 20 centímetros máis, o que supón que o mar fixo desaparecer esa mesma cantidade de terreo. Tamén é máis visible a terceira cista en planta, logo de que o mar erosionase o cantil da liña da costa baixo o que se atopa parcialmente sepultada. Se a evolución da erosión continúa, o mar, paseniño, irá retirando a terra na que están introducidas as lousas que forman as cistas, até derrubalas. Este fenómeno provocará tamén a desaparición dos eventuais restos dos enterramentos que poidan existir no seu interior.

Escavación das cistas de Punta Riasón, na Illa de Arousa / xunta.gal

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural pretende realizar unha actuación arqueolóxica na zona para documentar integramente as tres estruturas antes de que sexan destruídas pola acción do mar. A actuación é de gran interese patrimonial xa que non se coñecen moitos xacementos deste tipo na nosa comunidade autónoma. Ademais, a cronoloxía deste tipo de estruturas non está perfectamente delimitada, xa que parece que se construíron tumbas deste tipo ao longo dun milenio.

A escavación

Por iso, adxudicou a escavación das cistas de Punta Riasón foron xa adxudicadas por un valor de 15.028,20 euros. Os traballos xa comezaron este luns e terán unha duración de 10 días. A actuación comprende a escavación arqueolóxica integral dos tres enterramentos que se coñecen e  a realización de sondaxes no espazo intermareal, para avaliar a posible presenza de materiais ou outras estruturas arqueolóxicas.

Así mesmo, realizarase unha prospección superficial intensiva, con limpeza e documentación de perfís e recollida de material arqueolóxico en superficie na liña de costa contigua ao xacemento arqueolóxico, nunha extensión mínima de 600 metros lineais. Ademais, faranse traballos de divulgación na comunidade local. Mediante esta actuación procurarase recuperar toda a información arqueolóxica posible das tres cistas que se coñecen no xacemento arqueolóxico.

Pode que che interese...