fbpx
Cadro de Franco idealizado

Ferrol, do cabalo de Franco á homenaxe aos alcaldes e concelleiros asasinados polo franquismo

Tempo de lectura: 5 min.

Houbo un tempo no que Ferrol era “la ciudad del Caudillo“, o lugar de nacemento dun dos grandes ditadores do século XX. Unha cidade militar e obreira que se dividía entre o amor á patria española e a defensa dos dereitos fundamentais dos obreiros. Unha cidade azul e vermella case a partes iguais.

Era unha época de “negra sombra“, na que unha minoría militar dominaba á unha maioría pobre, campesiña e obreira. E foi nesa época na que se puxo unha gran estatua no centro desa cidade dun cabalo, e un home sentado sobre el. Ese home era, precisamente, Francisco Franco.

Chegou a Democracia e con el certas liberdades. E un día, a estatua dese home a cabalo, ou o cabalo do home, foi retirada da cidade. Era o símbolo dunha longa ditadura que chegou tras unha guerra que deixou centos de milleiros de mortos, asasinados e represaliados.

A estatua de Franco a Cabalo no centro de Ferrol / visionesdeferrolterra.blogspot.com

E agora, esa cidade que veu nacer ao ditador, e ao cabalo do ditador, reconciliase coa súa historia obreira. A mesma que fixo nacer nela a Pablo Iglesias, non o de Podemos, a un que moito antes ca el falou de liberdades e dereitos fundamentasi, o fundador do PSOE, e a outro que morreu por defender os seus dereitos como obreiro, Moncho Reboiras.

A cidade de Pablo Iglesias, de Reboiras e de milleiros de obreiros que tamén foron vítimas da represión franquista por fin ten un anaquiño de espazo para lembrar a todos os que morreron, sinxelamente, por pensar de xeito diferente.  O pasado 29 de setembro, o pleno municipal aprobaba, coa abstención do Partido Popular, a creación perto do antigo cemiterio de Canido nesa cidade dun Memorial ás Vítimas do Franquismo, segundo un proxecto que defendera minutos antes o profesor Bernardo Máiz Vázquez en representación dun  colectivo de historiadores, familiares das vítimas e activistas sociais de Ferrolterra.

Un monumento que lembrará aos 40 concelleiros e sete alcaldes asasinados na comarca de Ferrol (os de Cabanas, Cedeira, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos e Serantes). Pero que será, tamén, un monumento de lembranza dos milleiros de represaliados e asasinados polo fascismo.

Monumento ás vítimas do franquismo existente na Cruz da Maceira, en Marín.

O proxecto

O proxecto aprobado prevé que o memorial sexa o resultado dun concurso aberto á presentación de propostas, condicionadas polos requirimentos técnicos do espazo onde iría instalado o monumento. Por iso, valorará todas as súas vertentes, especialmente, a representación respectuosa e fiel dos feitos e fenómenos aos que se refiren, a posibilidade de incorporación de novos nomes ao memorial segundo a investigación histórica sexa aínda máis completa, a orixinalidade artística e conceptual, a integración na paisaxe en que se insiran, o respecto ao espazo elixido e ao seu uso público, un custo económico razoable, o atractivo sensorial do conxunto.

Está prevista a constitución dunha comisión  mixta para o  desenvolvemento teórico-práctico do proxecto, con historiadores que coordinarán e dirixirán a parte científica desa comisión, darán asesoramento histórico, suxerencias divulgativas e didácticas e elaborarán e aprobarán as listaxes de vítimas. Corresponderá ao concello de Ferro comunicar e implicar no proxecto, construción e instalación deste memorial a persoas, colectivos e institucións de todos os lugares de procedencia das persoas asasinadas en Ferrolterra, Tamén as relacións institucionais, os trámites administrativos, a percura de financiación , a sinatura de convenios, a convocatoria e resolución do concurso de ideas e construtivo que expomos nos parágrafos seguintes, a difusión, aprobación, execución do proxecto, e, no seu momento, o mantemento das instalacións.

O pleno de Ferrol tamén acordou que a inauguración do memorial deberá ser unha homenaxe social ás vítimas da represión e de reivindicación dos valores democráticos, representados nas persoas que foron asasinadas pola ditadura franquista.

Fusilados republicanos

Esta é parte da intervención que Máiz fixo ante o pleno de Ferrol:
“Temos a obriga cívica de transmitir ás novas xeracións que as liberdades viñeron con moita dor e, por tal razón, entendemos necesaria a salvagarda, coñecemento e difusión da historia de quen loitaron e sofreron por defender a legalidade democrática, os dereitos e liberdades, diante do militarismo e do fascismo.
Do 20 ao 25 de xullo de 1936 a sublevación militar deixou en Ferrolterra-Eume-Ortegal 41 persoas mortas en enfrontamentos, demasiadas, mais neses días comezou a terrible secuencia cotiá de asasinatos irregulares e de execucións en aplicación dunha  normativa militar sempre ilegal por derivar dun golpe de estado contra a IIª República, esta o único e lexitimo estado de dereito. É de subliñar que do 1936 a 1939 non houbo ningunha fronte de guerra en Galiza, polo que a represión mortal nesta retagarda foi exclusivamente para efectuar unha limpeza radical de elementos “rojo-separatistas”.
Tristemente, rematada a guerra en abril do 1939, non rematou a represión, “no llegó la paz, llegó la victoria”, esta inmisericorde. A responsabilidade do terrible ronsel de violencia que comezou en xullo do 1936 e estenderon até a morte de Xosé Ramón Reboiras Noia en Ferrol por disparos da policía o 12 de agosto do 1975 e o fusilamento de 5 antifranquistas o 27 de setembro do 1975,  acáelle exclusivamente a quen se alzaron contra a orde constitucional e se mantiveron durante corenta anos exercendo violentamente un poder autocrático.
Calculamos que do 1936 ao 1976 foron asasinadas en Galiza arredor de sete mil persoas, todas por defender a liberdade, a igualdade e a solidariedade. Neste territorio o número de demócratas que neses corenta anos perderon a vida a man armada achégase as novecentas, a maioría entre 1936 e 1939, case un  centenar entre 1940 a 1954, aínda algunhas máis despois (no 1972, no 1975), unha cifra arrepiante que aínda pode medrar. Debo destacar nesta sala de plenos ferrolá que na provincia da Coruña foron asasinados polos facciosos 14 alcaldes e 73 concelleiros, e deles nesta área foron vitimados sete alcaldes (os de Cabanas, Cedeira, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos, Serantes) e 40 concelleiros, lexítimos representantes públicos como vostedes, todos vítimas da máis brutal intolerancia. Todos deben ser lembrados con honor.
Por lóxica demográfica e capitalidade militar executaron a maioría das mortes no termo municipal de Ferrol, polo que a nosa proposta é que o concello de Ferrol dirixa unha iniciativa perdurable, a erección dun Memorial que recolla dignamente a nómina alfabética e cronolóxica das vítimas do franquismo nos 25 concellos de Ferrolterra-Eume-Ortegal. En Ferrol e noutros lugares do territorio hai placas e pequenos monumentos que lembran ás vítimas de aquel tempo cruel, mais o Memorial proxectado deberá ser un espazo senlleiro de revitalización e mantemento da Memoria, que afirme o noso sentido de pertenza ao territorio e sexa parte visible da aprendizaxe e presenza da nosa herdanza democrática. Deberá ser un lugar da conmemoración e lembranza de todas as persoas asasinadas, perseguidas, condenadas tantos anos a un esquecemento que queremos corrixir por xustiza e para coñecemento das xeracións presentes e futuras.
O proxecto, construción e inauguración do memorial debera ir acompañado dun traballo  de comunicación, divulgación e explicación do seu significado mediante publicacións impresas, informáticas, visuais. Dese xeito non será unha expresión inmóbil, senón un proceso aberto á participación popular.
Escribiu o poeta Juan Gelman que “para los atenienses el antónimo de olvido no era solo memoria, era verdad”. Este memorial, esta acción cívica, esta proxección práctica do deber de memoria, dará a coñecer a verdade, servirá para construír un futuro máis libre e fomentar a tolerancia. Só así chegará a verdadeira concordia”.

Pode que che interese...