fbpx
Último mapa con todos os posibles campamentos romanos en Galicia, Asturias e Cantabria

A localización de 17 campamentos romanos en seis anos mete de cheo á Gallaecia nas coñecidas como guerras Cántabro-Ástures

Tempo de lectura: 5 min.

Un total de 17 campamentos ou recintos militares romanos foron atopados en Galicia nos últimos seis anos e cambiaron xa a visión da conquista de Roma na antiga Gallaecia. Nas últimas semanas foron catro os novos recintos miltares identificados, atopados en Lugo e Ourense, algúns mesmo poden documentar o paso de lexións enteiras.

Así o acaba de anunciar o equipo de investigación romanarmy.eu nunha publicación na revista científica Gallaecia, da Universidade de Santiago de Compostela. O seu achado supón alumear unha parte ata agora descoñecida, desde o punto de vista arqueolóxico, da Historia de Galicia: a conquista romana deste territorio.

Campamento romano do Monte dos Trollos, nas proximidades dun vao natural do río Miño (O Páramo. Lugo) / romanarmy.eu.

O estudo preliminar destes sitios arqueolóxicos acaba de ser publicado no artigo “Hallazgos arqueológicos recientes para el estudio de la presencia militar romana en el oriente gallego” no último número de Gallaecia. Revista de arqueoloxía e antigüidade, editada polo Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. O artigo está asinado polos investigadores José Manuel Costa-García, João Fonte, Manuel Gago Mariño, Andrés Menéndez Blanco e Valentín Álvarez Martínez, todos eles pertencentes ao equipo de investigación romanarmy.eu. Pode ser descargado para a súa consulta por parte dos medios de comunicación na seguinte URL.

A conquista romana do noroeste

Ata o momento, o papel do exército romano na conquista de Gallaecia era unha incógnita. As operacións militares, coñecidas como Guerras Cántabro-Ástures, foron lideradas polo primeiro emperador de Roma, Octavio César Augusto, e duraron aproximadamente dez anos, entre o 29 e o 19 a.C. Tratouse, polo relato das fontes da época, dunha serie de campañas militares de especial dureza. En Asturias, Cantabria e o norte da Meseta consérvanse numerosos recintos militares romanos de campaña relativos a este período e á posguerra posterior. A ausencia de campamentos en Galicia impedía coñecer este proceso, ata o punto de que houbo interpretacións negando a existencia de operacións militares no territorio durante esa época.

Ilustración do que podería ser un campamento romano de control de poboados castrexos en zonas mineiras de ouro / E.V.Pita

Os campamentos romanos, segundo apunta o equipo de Romanarmy, pasaron desapercibidos en territorio galego ata este momento debido, en boa medida, á mesta capa vexetal, ás zonas de bosque, e a intensa parcelación e humanización de gran parte do territorio galego. Estes elementos dificultan a detección deste tipo de grandes recintos, posto que as súas estruturas apenas destacan, despois de dous mil anos de erosión, sobre o terreo. Isto contrasta coa localización máis doada dos campamentos situados na alta montaña asturiana e cántabra, con zonas de pasto baixas e actividade humana menos agresiva. O xurdimento e o desenvolvemento de novas tecnoloxías de teledetección e innovadoras metodoloxías de investigación arqueolóxica están a permitir a localización destes recintos militares en Galicia por primeira vez.

Ata 2011 non se coñecía ningún campamento romano de marcha no territorio galego: só estaban identificados dous fortes de época posterior: A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña) e Bande (Ourense). Nestes seis anos, ata 2017, documentáronse dezasete novos campamentos e recintos militares de menor tamaño, a maior parte deles localizados polo equipo romanarmy.eu, e nos que se inclúen estes catro novos. Algúns deles están aínda na fase de estudo previa á súa publicación.

Os catro novos campamentos

Os sitios arqueolóxicos identificados atópanse en diferentes puntos das provincias de Lugo e Ourense. O seu achado xa foi comunicado, como é preceptivo, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Monte de Ventín. (Pol, Lugo) Trátase dun recinto de enorme extensión en forma de naipe irregular, situado na parroquia de Santiago de Ventín e moi próximo ao castro de Viladonga. Ten 13,55 hectáreas e pode que albergase entre 6.600 e 8.600 soldados, unha lexión completa con tropas auxiliares; é un dos máis grandes do noroeste peninsular.

Penedo dos Lobos. (Manzaneda, Ourense) Este recinto está localizado a case 1.500 metros de altitude e moi preto da estación de esquí de Manzaneda, e ten unhas 2,4 hectáreas (ao redor de 1500 lexionarios). Conserva as catro portas de entrada e está construído cun parapeto pétreo, e é un dos poucos exemplos da Península Ibérica que non emprega terra para ser construído. É un dos campamentos romanos de marcha mellor conservados da Península.

Localización do campamento romano da Penaparda / Romanarmy

Cabeza do Pau. (Petín, Ourense) O recinto atópase no cumio dun monte, entre as parroquias de Mones e Santoalla do Monte, a máis de 1200 metros de altitude. Tamen dispón dun parapeto de pedra e está cinguindo o cumio dun monte, nunha posición dominante sobre o seu contorno. O parapeto delimita unha área de 11 hectáreas, aínda que a superficie útil de acampada é moito menor.

A Penaparda. (A Fonsagrada, Lugo – Santalla de Oscos, Asturias) Trátase dun campamento romano localizado a 856 metros de altura, na parroquia da Trapa. Ten máis de dez hectáreas de extensión e foi escavado o pasado mes de setembro polo equipo romanarmy.eu, nunha intervención promovida polo concello da Fonsagrada e financiada pola Deputación Provincial de Lugo. Os arqueólogos documentaron o xeito no que o recinto foi construído polos lexionarios, cun parapeto de pedra e terra así como un foxo exterior.

Vista xeral do campamento romano de Aquis Querquennis, posterior a esta época / Karlos Conde-Panoramio

Os catro novos campamentos romanos localizados revelan a dispersión das operacións militares romanas por todo o territorio e o movemento das tropas militares, aínda que non sexa posible determinar aínda as direccións nin as misións que afrontaban estes continxentes. Así mesmo, aínda non é posible verificar polo momento episodios de violencia e conflito bélico contra a poboación galaica, pero cómpre sinalar que atopar evidencias de confrontación é algo sumamente dificil no contexto da investigación sobre a conquista romana da Europa atlántica.

Sobre romanarmy.eu

Roman Army é un colectivo científico que investiga a presenza militar romana no Noroeste da Península Ibérica, conformado por investigadores de distintas universidades e centros de investigación europeos (Universidade de Santiago de Compostela, Oviedo, Minho (Portugal), Durham, Newcastle, Exeter e, Edinburgo (Reino Unido), e o Instituto de Ciencias del Patrimonio do CSIC en Santiago de Compostela), diferentes disciplinas e especialistas en varias épocas históricas.

Pode que che interese...